Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica reclámalle ao goberno local que recupere o modelo de xestión das colonias felinas na Coruña
María García: “Preguntaremos no Pleno a que se debe esta falta de interese por colaborar cun servizo básico de benestar animal e saúde pública”
A Marea Atlántica reclámalle ao goberno local que se reúna coas asociacións animalistas encargadas do control das colonias felinas na Coruña, escoite as súas demandas, e ofreza unha solución aos problemas administrativos cos que se están a atopar desde que a Concellería de Medio Ambiente introduciu un novo modelo de xeito unilateral. Facémolo tras manter un encontro con elas, no que nos trasladaron as dificultades que están a atopar para que o Concello se faga cargo das esterilizacións e outros custos do programa.
“No pasado mandato puxemos en marcha un modelo exitoso de colaboración entre o Concello e os colectivos cidadáns que logrou, dun xeito ético e respectuoso cos dereitos dos animais, reducir a poboación de gatos ferais na Coruña. E non entendemos que o goberno actual estea a dar pasos atrás. Pedirémoslle explicacións no Pleno”, sinala María García, a nosa voceira municipal.
Durante o goberno da Marea Atlántica, asináronse convenios de colaboración coas asociacións protectoras de animais, a través dos cales se organizaba o traballo voluntario e o Concello asumía os gastos das esterilizacións, as casetas do programa e outros gastos menores. Gastos que agora, por mor dos cambios introducidos, deben adiantar as entidades e, se teñen sorte, conseguirán que se lles reembolsen despois de pasar un labirinto burocrático. É un mal xeito de colaborar coa veciñanza.