movemento asociativo
O movemento asociativo: un altofalante para a defensa dos dereitos das persoas con discapacidade
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) é unha das entidades máis representativas das persoas con discapacidade en Galicia. Baixo o seu paraugas, contabiliza 58 entidades membro, das cales 6 son autonómicas, 4 provinciais e o resto comarcais. Estas asociacións son referentes no ámbito sociosanitario e traballan para ofrecer apoio e atención ás persoas con discapacidade física e orgánica.
No total, estas entidades contan con máis de 12.596 persoas asociadas, sendo case o 54% mulleres. A súa labor é fundamental para mellorar a calidade de vida das persoas que representan. Anualmente, superan as 22.000 persoas beneficiarias dos servizos e apoios que prestan.
COGAMI continúa coa súa campaña de sensibilización lanzada este ano baixo o lema #SomosCOGAMI. O obxectivo desta campaña é visibilizar as situacións, condutas e necesidades coas que conviven as persoas con discapacidade e as súas familias. No mes de outubro, a campaña pon en valor o movemento asociativo da discapacidade e o labor que desempeñan as entidades sociais.
Estas entidades ofrecen unha importante rede de apoio que dá resposta ás necesidades das persoas con discapacidade. Desde información e asesoramento ata programas de formación para o emprego, orientación laboral, xestión de recursos, accesibilidade, actividades lúdicas e deportivas, centros de día e ocupacionais, programas de respiro, vivendas tuteladas e creación de emprego en iniciativas empresariais de economía social. Todos estes servizos teñen como obxectivo promover a autonomía persoal e mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade.
Anxo Queiruga, presidente de COGAMI, sinala a importancia das entidades asociativas e reclama a revisión do modelo de financiamento que garanta a súa sostibilidade.