Eleccións xerais | BNG

“Nunhas eleccións nas que A Coruña se xoga tanto, o alcalde non pode poñerse de perfil”

O BNG celebra o segundo mitin da campaña das Xerais en Monte Alto reclamando o voto o 28A para frear á ultradereita e devolver unha voz galega ás Cortes.

“Nunhas eleccións nas que A Coruña se xoga tanto, o alcalde non pode poñerse de perfil”
MAlto2
Mitin do BNG en Monte Alto

A Coruña, 22 de abril.- No segundo mitin de campaña do BNG na Coruña, María Xosé Bravo, número 2 da lista ao Congreso, Avia Veira, a portavoz nacionalista no Concello da Coruña, e Francisco Jorquera, o candidato nacionalista á Alcaldía nas eleccións de maio, insistiron na oportunidade do voto ao BNG o próximo domingo para frear á dereita máis ultra e axudar a conxurar unha nova involución na política estatal.

Ademais, as candidatas nacionalistas advertiron que estes das Xerais son uns comicios decisivos para a cidade da Coruña e a súa área comarcal, menosprezadas nos sucesivos orzamentos estatais elaborados polo PP e polo PSOE durante a pasada lexislatura. 

Así, Francisco Jorquera, despois de sinalar problemas actuais que afectan á cidade e dependen en boa medida do que se decide en Madrid, lamentou ao baleiro deixado polo alcalde da Coruña: “Con todo o respecto a Xulio Ferreiro, nunhas eleccións nas que Coruña se xoga tanto un alcalde non pode poñerse de perfil. Non pode estar ausente, sen pronunciarse, sen nin sequera aclarar a quen vai votar”, dixo o candidato nacionalista e engadiu: “A Coruña necesita un Goberno local firme na defensa dos intereses da cidade e con capacidade de negociación en Madrid, e necesita unha forza propia no Congreso dos Deputados que defenda os nosos intereses na política estatal”.

Pola súa banda, Avia Veira chamou a atención que na Coruña o BNG está disputando un escano á dereita segundo anotan todas as enquisas dos últimos días e lembrou que “a tendencia do BNG é claramente en ascenso, e percibímolo todos os días nas rúas do país”. “Imos ser quen de sumar ese deputado que terá un valor dobre: frear á extrema dereita e devolver esa voz do nacionalismo galego que Galiza tanto bota a faltar en Madrid”.

Pechou o mitin, María Xosé Bravo, número dous da candidatura ao Congreso pola Coruña. Dixo que o BNG estará en Madrid para defender asuntos que lle afectan ao país e reclamar transferencias para Galiza como a da AP-9 ou a xestión dos encoros, para pedir unha Tarifa Eléctrica propia, unha Facenda galega ou unha Banca Pública galega. Pero tamén, insistiu a candidata, “o BNG estará en Madrid para esixir que se derroguen as reformas laborais do PSOE e do PP, que se suban as pensións para que en Galiza alcancen o nivel do SMI e para parar a involución de leis como a lei mordaza ou a LOMCE”.  

Bravo aludiu ademais ao previsíbel escenario na política estatal a partir do próximo luns, e sinalou que “sen maiorías absolutas, un ou dous votos nacionalistas poden ser decisivos en cuestións que afectan ao país”, e recordou os acordos alcanzados co goberno do Estado por nacionalistas vascos e valencianos estas últimas semanas. 

“Nunhas eleccións nas que A Coruña se xoga tanto, o alcalde non pode poñerse de perfil”