Marea Atlántica | nota de prensa
A Oficina dos Dereitos da Marea Atlántica atende 704 consultas de 63 persoas en risco de vulnerabilidade social durante o ano 2021
Esta iniciativa, financiada do excedente dos salarios dos nosos cargos públicos, creará unha Escola dos Dereitos en 2022, para formar á veciñanza
A Coruña, 31 de xaneiro de 2022.- A voceira da Marea Atlántica, María García, e o educador social Rodrigo Gil, ofreceron hoxe en rolda de prensa un balance do traballo realizado pola Oficina dos Dereitos da Marea Atlántica ao longo de 2021, o seu primeiro ano completo en funcionamento. Nestes doce meses, atendeu 704 consultas de 63 persoas en risco de vulnerabilidade social, coas trabas burocráticas e o acceso a prestacións como principais motivos.
Para María García, o labor da Oficina dos Dereitos, financiada co salario dos nosos cargos públicos, “é un motivo de orgullo, e demostra que na Marea Atlántica cumprimos os nosos compromisos. Non substitúe o traballo das administracións públicas e as entidades sociais, pero está a resultar útil para moita xente, facilitándolles a vida. E está a permitirnos detectar problemas no acceso aos servizos públicos”.
Pola súa banda, Rodrigo Gil, responsable da Oficina dos Dereitos, salientou que un 39% das solicitudes que atendeu en 2021 pedían axuda para realizar xestións coa administración, tales como solicitar citas ou presentar escritos. E o segundo motivo máis números de consulta foi o aceso a prestacións coma a Risga, o Ingreso Mínimo Vital ou a Renda Social Municipal, cun 34% dos casos.
Ademais, salientou que das 63 persoas que se achegaron a solicitar apoio, o 63% foron mulleres, confirmando a feminización da pobreza e a desigualdade que levan tempo denunciando as entidades sociais.
Obxectivos para 2022
Cos datos na man, María García salientou que moitas teñen problemas no trato coa administración. “É preciso simplificar e humanizar os trámites. Son varios os casos de persoas con dereito a recibir unha prestación que non son quen de solicitala por problemas burocráticos. Estamos a tratar con persoas, non con estatísticas”.
Sumando estes casos ao do descoñecemento das axudas dispoñibles, lévanos a poñer en marcha neste 2022 unha Escola dos Dereitos, para formar á veciñanza. Unha iniciativa da que ofrecerán máis datos dentro dunhas semanas. Tamén queren reforzar a atención ás persoas que contan coa barreira adicional do idioma e as diferenzas culturais. Nas vindeiras semanas incorporarase unha persoa migrante e políglota para apoiar o traballo da Oficina dos Dereitos.
Faise evidente, tamén, que é preciso reforzar a atención social, tanto no Concello coma na Xunta e o Estado. É fundamental para que as persoas máis vulnerables poidan ter unha vida digna de ser vivida. A covid bateu na saúde, pero tamén nun sistema de atención social que xa viña feble dos recortes acumulados desde 2008.
As prestacións básicas están a aumentar os seus tempos de tramitación, e resulta difícil mesmo conseguir unha cita. Por desgraza, o Ingreso Mínimo Vital do Estado acumula longas demoras, non chega a todo o mundo e non satisfai as expectativas iniciais. A Xunta aproveitouno para complicar tamén o acceso á súa Risga, en lugar de facela compatible como lle temos reclamado diversas organizacións sociais e políticas. O número de persoas ao outro lado do limiar da pobreza aumenta, pero Feijóo reduce o alcance das súas axudas.
Na Coruña, a Renda Social Municipal non é quen de cubrir estas novas necesidades. Os fondos previstos para 2021 esgotáronse antes de rematar o ano. Desde a Marea Atlántica, faremos valer o noso peso no Pleno para que a área de Benestar Social aumente os seus recursos neste 2022.
A falta de recursos para o acceso a unha vivenda digna agromou en moitas das consultas que recibe a Oficina dos Dereitos, do mesmo xeito que foi sinalado a semana pasada coma unha das principais causas de exclusión polas entidades sociais, na xuntanza que mantivemos para deseñar un Plan Municipal polo Dereito á Vivenda. Este problema foi obxecto dun acordo co goberno local, que compromete 9 millóns de euros para políticas de vivenda en 2022.
Percíbese, tamén, a fenda dixital é un problema crecente. A pandemia obrigounos a dixitalizar os trámites, pero iso está a deixar fora á xente que non ten conexión a internet no fogar ou teléfono móbil, que adoitan ser as persoas con menos recursos e que máis apoio precisan. Isto tamén afecta a persoas maiores, ás que o acceso ás novas tecnoloxías suponlles unha gran eiva e non debemos esquecelas. Son persoas que se están a ver afastadas dos seus dereitos. É importante que as administracións faciliten o acompañamento e os trámites presenciais.
Guías prácticas de prestacións e servizos básicos
En 2021, a Oficina dos Dereitos tamén editou tres guías prácticas con información útil sobre os diferentes tipos de prestacións sociais no Estado, na Xunta e no Concello da Coruña, e tamén sobre bonos e tarifas sociais de subministros básicos como auga, electricidade, gas e telecomunicacións. Poden descargarse na web da Marea.
A Oficina dos Dereitos presta 12 horas de atención á semana, con citas presenciais e telemáticas. Para solicitar a súa axuda, só hai que pedilo no enderezo [email protected] ou no teléfono 604 086 724.
A Oficina dos Dereitos é unha iniciativa da Marea Atlántica que se financia co excedente dos salarios dos cargos públicos, que cobran un máximo de 35.000 euros anuais (dentro do límite de 40.000 que fixa o noso Código Ético) e doan o resto para manter este e outros programas como a Xanela de Proxectos. A Oficina botou a andar no verán de 2020, ao pouco de rematar o confinamento, e 2021 foi o seu primeiro ano completo de traballo, que hoxe valoran.