Forum Propolis

Onde hai resistencia hai vida: palestra sobre vivenda na Agra

Antonio Vázquez e Francisco Dinís animan unha conversa sobre políticas de vivenda que pon en evidencia a debilidade dos plans municipais.
Onde hai resistencia hai vida: palestra sobre vivenda na Agra
PALESTRA VIVENDA (1)
PALESTRA VIVENDA (1)

A resistencia ao fascismo que vén empezará en sitios como o Forum Própolis. No soto no que vive e ofrece refuxio Nicanor Acosta vai frío. A xente chega, senta e non quita o abrigo nin o pucho. A xente camiña até o final da rúa Barcelona, baixa e senta nun espazo ateigado de cousas e libros. Detrás dos relatores na palestra sobre vivenda esta quinta feira hai un cadro cun debuxo de Tintín, un panfleto de combate de Beiras e unha colección de novelas de aventuras da editorial Bruguera e moitas historias máis que puideron pasar de moda na superficie pero aquí abaixo son os piares da fraternidade. 

No subsolo hai resistencia e por iso hai vida e loita. Yosune, a moderadora, é extremadamente breve na presentación e conduce con cortesía unha conversa na que todas queren intervir porque saben do que falan. Sofren.

Antonio Vázquez, avogado de Stop Desafiuzamentos, fala con moito respecto dos textos legais, desde as convencións internacionais até a propia Constitución. “Temos dereito á vivenda, pero ademais temos dereito a unha vida digna, todas e todos, a valernos por nós mesmas para dispor dun teito”. Os textos legais din o que din, etcétera… mais Antonio empeza a súa intervención cunha denuncia inquietante. O que lle chaman arquitectura hostil é unha agresión deliberada contra a dignidade das persoas, cancela toda humanidade desde o deseño nun papel, privatiza o espazo público, castiga aos perdedores. Este, é non os dos dereitos, é o contexto actual, esa ameaza do fascismo que vén pero que ten efectos acotío: xente sen casa. A iso se enfronta conscientemente toda esta xente abrigada, con puchos para cubrir a cabeza, xente maior, moi maior, da que non se asusta, pero son os primeiros en alarmarse.

Intervén un representante do goberno municipal que mostra respecto baixando até aquí e valor expoñendo as dúbidas que ten o novo goberno sobre que se pode e que non se pode facer coa lei na man. Di Francisco Dinís, asesor en Urbanismo, que a Empresa Municipal de Vivenda (creada polo seu partido hai anos) nunca construíu unha vivenda. Di que hai 414 vivendas municipais para atender necesidades urxentes e non chegan. “Non pasa unha semana desde que queda unha baleira até que se volve ocupar”. Recoñece que o prezo dos pisos está disparado. “Un 44% por riba do que custa vivir nos concellos da contorna”. E di que os alugueiros custan, de media, uns 900 euros segundo os datos das inmobiliarias.

A xente pregunta que plans ten o concello, que se pensa promover as cooperativas de vivenda, se son conscientes de que os desafiuzamentos non paran, de que hai xente na rúa que atende a Cruz Vermella e poucos máis… Dinís explica que están en marcha promocións de vivenda protexida no Parque Ofimático e noutras zonas, pero que tardarán un par de anos en poder ser ocupadas. Di que están a contar as vivendas (privadas) baleiras. Que haberá unhas 19.000… que moitas delas son propiedade de empresas crebadas ou de fondos voitre e que as complicacións legais para poñelas no mercado son enormes. Así que o goberno promete unha bolsa de alugueiro e ir facendo… Non parece un plan moi notábel. 

Cando se trata de beneficiar aos que menos teñen, os gobernos adoitan a seren moi precavidos coa legalidade vixente, que está para iso. Despois, miran cara arriba e regalan amnistías fiscais a delincuentes sociais. O poder corrompe todos os principios. Por iso non será quen de facerlle fronte ao fascismo que se achega. Nin sequera é quen de facer fronte ao problema da vivenda… 

Na Própolis vai frío aínda que se xunte xente faladora e con boas intencións. Fóra chove e o barrio da Agra sofre silencioso. O goberno municipal socialista puxo luces de Nadal, pero non hai cartos para a xente que fica na rúa. As chaves da vivenda e da política de vivenda téñena outros. Eses que están chamando polo fascismo. 

Onde hai resistencia hai vida: palestra sobre vivenda na Agra