Ampliación do CHUAC

A Plataforma de afectadas pola ampliación do CHUAC reúnese co Concello

Dende hai meses, e en vistas do avance do proxecto de ampliación do CHUAC, temos solicitado xuntanzas con responsables da Xunta, tanto Conselleira de Infraestruturas, Conselleiro de Sanidade e Responsable do Sergas, coma co Delegado Territorial da Xunta na Coruña. En ningún caso hai prevista ningunha xuntanza, a pesares do compromiso adquirido con nós hai xa un ano de manternos informadas en todo momento, seguimos dependendo do que sae na prensa.

A Plataforma de afectadas pola ampliación do CHUAC reúnese co Concello
Hospital_A_Coruña_Galiza_(CHUAC)
Hospital_A_Coruña_Galiza_(CHUAC)

A Coruña 19 de xaneiro de 2021.- Solicitaramos tamén reunirnos coa Alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e co Concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, que nos recibiron esta mañá. Na mesma, dende o concello ratificaron que manteñen a súa aposta por que a ampliación do CHUAC se faga cara o Parque de Eirís, sobre o actual parking privado, e non cara o alto do monte. Ratificaron tamén que o convenio entre Xunta e Concello recolle que a afectación ás vivendas será a mínima posible.

Segundo a documentación que a xunta publicou o pasado 30 de decembro de 2020 para o concurso da ampliación do CHUAC, as vivendas afectadas poderían pasar das 27 que calculabamos inicialmente a unhas 43, en contra do acordo ó que se chegara con Jesús Vázquez Almuíña, Conselleiro de Sanidade, Ovidio Rodeiro, delegado territorial da Xunta, Antonio Fernández-Campa, Xerente do SERGAS, e Francisco Menéndez Iglesias Director da Axencia Galega de Infraestruturas, o pasado 27 de Febreiro de 2020.

Seguimos á espera de que os novos responsables da Xunta se reúnan con nós, para verificar se se van respectar os acordos acadados cos seus predecesores, darlles a coñecer as nosas peticións, e facerlles chegar as nosas inquedanzas, tanto polas nosas vivendas, sobre a necesidade de humanizar o CHUAC, como por que non se teña feito unha fonda reflexión para adaptar unha inversión de 400 millóns de euros á nova realidade do Covid-19, sen reforzar a Atención Primaria e acumulando nuns poucos metros no alto dunha rocha todas as instalacións hospitalarias para os 28 concellos da Área Sanitaria da Coruña, con cerca de 550.000 habitantes.

Reclamaremos tamén claridade sobre as vías de saída e entrada, xa que segundo a prensa, a Xunta propón encher Eirís de glorietas sobre as vivendas para meter o tráfico do CHUAC nunha estrada de Eirís que xa se conxestiona tódalas mañás.

A Plataforma de afectadas pola ampliación do CHUAC reúnese co Concello