Podemos | Nota de prensa
Podemos A Coruña reclama á alcaldesa que reconduza as relacións co Colexio de Arquitectas de Galicia
A Coruña, 2 de febreiro do 2021.- A concelleira de Podemos A Coruña, Isabel Faraldo, vai presentar unha pregunta á alcaldesa no pleno municipal do próximo xoves na que lle reclama que reconduza as relacións do Concello co Colexio de Arquitectas de Galicia (COAG), cuxa delegación acaba de abandonar a Mesa pola Mobilidade Sostible, o organismo destinado a fomentar a participación de veciños, expertos e colectivos profesionais e cidadáns no deseño das políticas municipais na materia.
A semana pasada, o COAG remitíu unha carta ao Concello na que anunciaba que abandonaba a Mesa pola filtración á prensa dun documento interno do Grupo de Traballo de Xestión da Circulación e o Estacionamento que, a petición da Mesa, contiña varias observacións da delegación das arquitectas ao plan de mellora do transporte público na rúa Juan Flórez.
“Frente ao clima de confianza que presuponíamos existía na Mesa, non se nos deu a ocasión de rebatir o publicado, que non se corresponde co sentir e o contido completo do documento”, alega a delegación do COAG.
No pleno do próximo xoves, Faraldo instará á alcaldesa, Inés Rey, a pedir disculpas ao COAG pola filtración e a “reparar o desatino” que supón perder un asesoramento profesional e de tanta solvencia como o que supón a presencia dos representantes do COAG na Mesa pola Mobilidade Sostible.