Marea Atlántica | nota de prensa

Ramón Marrades: “Canto máis peso ten a cidade no seu porto, mellores resultados económicos, máis emprego local e menor impacto ambiental”

Máis dun cento de persoas achegáronse á xornada organizada pola Marea Atlántica, que concluíu cun percorrido en barco. Foi a primeira do ciclo Horizonte Coruña sobre os retos da cidade
Ramón Marrades: “Canto máis peso ten a cidade no seu porto, mellores resultados económicos, máis emprego local e menor impacto ambiental”
Horizonte Coruña
Horizonte Coruña

Xulio Ferreiro, Luisa Varela e Pablo Gallego participaron nun coloquio no que se reivindicou o uso dos peiraos como espazo público, de servizos e de actividades económicas

Máis dun centenar de persoas participaron hoxe na xornada Horizonte Coruña: Como imaxinamos o futuro do porto?, organizada pola Marea Atlántica para reflexionar sobrr a integración dos peiraos interiores da Coruña. A nosa voceira municipal, María García, deu a benvida a un encontro no Circo de Artesáns, que comezou pola intervención de Ramón Marrades, economista urbano e ex-director técnico de Marina Valencia, que nos presentou o seu traballo “Port del futur”. 

Seguiu un coloquio no que participaron Xulio Ferreiro, ex-alcalde da Coruña; Luisa Varela, presidenta da Federación de Asociacións Veciñais; e Pablo Gallego, profesor da Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña. E as conclusións foron claras: os peiraos son un espazo público, e debe xestionarse polo ben da cidade, non por criterios especulativos. E rematamos un percorrido pola ría en barco, coa participación da poeta Lucía Aldao, no que comprobamos os terreos que están en xogo e reivindicamos un transporte público marítimo.

O porto do futuro

María García, a nosa portavoz no Concello, explicou que con esta charla abrimos o ciclo Horizonte Coruña, pensado para reflexionar sobre os principais retos que a nosa cidade ten por diante: urbanismo, vivenda, mobilidade, transición ecolóxica… “E comezamos polo porto, por ser a principal transformación urbana dos vindeiros anos: converter os peiraos nunha parte da cidade”.

Pola súa banda, Ramón Marrades detallou o estudo  “Port del futur”, unha guía para recuperar os peiraos como espazo público. Identificou os portos coma “zonas opacas, illadas tras un valado, e nos que a cidade só ten un posto nun consello de administración de 17 persoas”. Porén, como di Marrades, “sen perder nunca de vista a compoñente económica, os portos teñen que incorporar outras capas: a democracia, o espazo público, a sustentabilidade ambiental e a memoria: non hai nada menos mariñeiro que un porto pechado”.

Marrades sinalou, ademais, que os “portos pechados e ensimesmados” non son sinónimo dunha mellor xestión económica, pois “son os portos escandinavos e dos Países Baixos, que son propiedade dos concellos e se integran na cidade, os que teñen mellores resultados, xeran máis postos de traballo na economía local e causan un menor impacto ambiental, moito máis que os españois. Canto máis peso ten a cidade nas infraestruturas portuarias, mellor funcionan”. 

22_09_24_HorizonteCoruña3
HorizonteCoruña

A débeda e a herdanza de 2004

Durante o debate, xurdiu tamén o problema da débeda portuaria da Coruña, derivada das obras do porto exterior, e Ramón Marrades argumentou que “é absurdo que unha entidade pública, Puertos del Estado, contabilice como débeda o que lle presta a outra entidade pública, a Autoridade Portuaria da Coruña. E ningún caso debería condicionar o que suceda nos peiraos dunha cidade”. 

Xulio Ferreiro, lembrou que grazas á mobilización veciñal, apoiada polo goberno da Marea Atlántica no pasado mandato, cambiou o sentido común e rachouse o falso consenso sobre a proposta dos convenios de 2004: “Entendeuse que o debate portuario non era tal, senón un debate urbano, de cidade. E que non tiña sentido desmontar o porto para facer unha operación especulativa”. 

Ferreiro fixo un chamamento a condonar a débeda, tal e como se fixo en Valencia, e a deseñar os usos dos peiraos en clave metropolitana: “Temos que combinar a pesca, a lonxa, os usos económicos, a innovación, o espazo público e os equipamentos sociais. E temos que pensalo entre toda a veciñanza, non deixarllo a un grupo de persoas metidas nun despacho”

Luisa Varela, presidenta da Federación de Asociacións Veciñais, sinala que nestes últimos anos está a acontecer o que se dixera que era imposible: “abríronse os peiraos de novo, con varias actividades que nos permitiron volver entrar en lugares que había demasiado tempo que non pisabamos. Creo que ese é o camiño a seguir”. Varela reclamou, tamén, espazos de ocio, servizos e zonas verdes nos terreos portuarios, “que poidan ser empregadas por toda a veciñanza”.

Mobilidade e visión metropolitana

Pablo Gallego, urbanista e profesor da UdC, explicou que un aspecto clave para a recuperación do porto da Coruña é a mellora da mobilidade, para conectalo co resto do litoral urbano do que agora está illado. E advertiu de que “para unha cidade como A Coruña, o porto e clave para a mobilidade. Resulta moi difícil entrar na cidade por terra, pero deberiamos aproveitar a ría como conector, e crear un servizo de transporte público en barco. A ría é o espazo público máis importante que ten a Área Metropolitana da Coruña”.

Precisamente, esa dimensión da ría como eixo de unión entre diversos concellos da área metropolitana quedou de manifesto no peche desta xornada, un percorrido en barco para ver de preto o que está en xogo. 

Ramón Marrades: “Canto máis peso ten a cidade no seu porto, mellores resultados económicos, máis emprego local e menor impacto ambiental”