Xestión policial da diversidade
Rocío Fraga recolle en Alcalá a distinción da Plataforma pola Xestión Policial da Diversidade
A concelleira de Igualdade e Diversidade recoñeceu o traballo que desempeñan os servizos de seguridade municipais, así como destacou o seu esforzo “por adaptarse, coas formacións que estamos a desenvolver dende o Concello, nas fórmulas para atender unha sociedade diversa”
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, recolleu onte á noite en Alcalá de Henares a distinción que a Plataforma pola Xestión Policial da Diversidade outorgou ao Concello da Coruña en recoñecemento polas 'Boas Prácticas da Xestión Policial da Diversidade'. O organismo, integrado por diversas asociacións como a Unión Nacional de Xefes e Directivos de Policía Local (Unijepol), Fundación Secretariado Xitano, RAIS Fundación, ACCEM, Plena Inclusión, Fundación Cepaim, Federación Estatal de Gays, Lesbianas, Bisexuais e Transexuais (FELGTB), Movemento contra a Intolerancia, Rede Acolle e a Asociación de Policías Gays e Lesbianas (Gaylespol), distinguiu xa o pasado novembro ao Concello "pola súa decidida implicación no desenvolvemento do Programa para a Identificación Policial Eficaz (PIPE)", ao que se adheriu en maio do pasado ano. Este programa, que desenvolve a Policía Local da Coruña, baséase en desenvolver diferentes accións formativas e en materia de xestión policial, "de cara a previr as identificacións con nesgo discriminatorio, mellorar a eficacia da Policía Local na súa loita contra os delitos de odio e impulsar a participación cidadá". A responsable municipal, estivo tamén acompañada por membros dos servizos de seguridade do Concello, como o xefe de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, e o xefe da Policía Local, José Antonio Brandariz.
A entrega deste galardón coincide coa celebración do V Encontro Nacional de Responsables de Seguridade Local, así como o IV Seminario Internacional sobre Xestión Policial da Diversidade no que, ademais, Fraga participou cunha ponencia na que explicou como se implantou o programa PIPE na cidade. Na mesma, a concelleira quixo agradecer "a implicación, esforzo e boa acollida por parte dos servizos municipais de seguridade de formacións baseadas no tratamento das distintas diversidades que existen na sociedade". "Os corpos de seguridade deben adaptarse tamén a unha sociedade que cambia, que medra e que cada vez é máis diversa", explicou. "Con ese obxectivo puxemos en marcha diversos programas como é o caso do PIPE, que supuxo a implantación dun sistema de identificación que non só serviu para dispoñer dos datos das identificacións que realiza a Policía Local senón para que estas foran as menores posibles, tendo en conta que sempre son unha molestia para a cidadanía, e que estas estean sempre motivadas por cuestións obxectivas", explicou Fraga, quen engadiu que "ademais este programa levaba aparellada unha formación en sociedade diversa para todos e todas as axentes de Policía Local, así como a implantación dun manual contra os delitos de odio". "É necesario adaptar as políticas de seguridade urbana ao momento de cambio social no que nos atopamos, entendendo sempre a seguridade como un ben colectivo e como un dereito. Na Coruña contamos cunha seguridade envexable, pero aínda así queremos traballar e abordar retos, como promover políticas sociais de convivencia", destacou a responsable de Igualdade e Diversidade.