Marea Atlántica | nota de prensa

Xan Xove: “O Concello podería aprobar este xoves unha moratoria dun ano na autorización de pisos turísticos, pero Inés Rey impediuno”

A Marea Atlántica presentou unha proposta executiva, con encaixe legal, para frear a proliferación de vivendas de uso turístico, pero a alcaldesa non permite que se vote 
Xan Xove: “O Concello podería aprobar este xoves unha moratoria dun ano na autorización de pisos turísticos, pero Inés Rey impediuno”
_Z7F4173
Rolda de prensa

A Coruña xa é a cidade máis cara de Galicia para vivir de aluguer, e todos os estudos e informes sinalan ao incremento de pisos turísticos coma unha das causas 

“Inés Rey volve demostrar que nin ten interese nas políticas de vivenda, nin en cumprir o acordado, nin en negociar uns orzamentos para 2023”, di o candidato da Marea Atlántica 

A Coruña, 10 de xaneiro de 2023.- O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xan Xove, e a voceira municipal da Marea, María García, lamentaron hoxe en rolda de prensa que a alcaldesa Inés Rey bloquee a proposta executiva que presentamos para implantar unha moratoria dun ano na autorización de pisos turísticos na Coruña. 

“Presentamos unha iniciativa con encaixe legal, e que podería aprobarse este xoves no Pleno para frear a proliferación de vivendas de uso turístico e iniciar a regulación dun sector que agora medra sen control. Podería facerse, pero Inés Rey impediuno. Sen motivo e sen explicación, non permitirá que se debata e se vote no Pleno”, denuncia Xan Xove. E faino renunciando a exercer as competencias co Concello para plantarlle cara a un problema que todos os estudos sinalan coma unha causa decisiva da suba do prezo dos alugueres. 

A regulación dos pisos turísticos forma parte do acordo polo dereito á vivenda asinado en decembro de 2021 pola Marea Atlántica e o goberno local. Un acordo que conta con 9 millóns de euros nos orzamentos en vigor e que, trece meses despois, está sen tocar. Como resumiu Xan Xove, “parece que a Inés Rey nin lle interesa facer política de vivenda, nin lle interesa cumprir os acordos,nin parece ter vontade de abrir un diálogo para os orzamentos de 2023”. 

A proposta que rexistramos o pasado xoves ten carácter executivo e podería entrar en vigor de inmediato, ao abeiro do artigo 34.3 do Regulamento Orgánico Municipal (ROM). Contou tamén con visto e prace do secretario municipal e regular os pisos turísticos entra dentro das competencias. O único motivo polo que non se debaterá no vindeiro Pleno é porque a alcaldesa non o incluíu na orde do día. “Desde logo que o problema non é que haxa demasiados asuntos de goberno do Pleno. O único que leva o equipo de Inés Rey é o indulto a un esqueleto inmobiliario nos Rosais, na rúa Emilio González López, para contentar a unha das grandes inmobiliarias do Estado. Prioridades”. 

Un goberno que non exerce as súas competencias 

Pola súa banda, María García aclarou que hai sentenzas tanto do Tribunal Supremo como do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que avalan a regulación das vivendas de uso turístico a través do PXOM e as políticas urbanísticas: “Está a facerse en Santiago de Compostela, nesta mesma provincia, por un alcalde do mesmo partido de Inés Rey. O que falta na Coruña é vontade política. Ata o punto de rexeitar unha proposta que xa lle damos feita, entregada cun laciño e á que só tiña que votar que si. 

É, ademais, unha das dez propostas que puxemos sobre a mesa en decembro, para abrir unha negociación orzamentaria. Todas elas medidas de sinxelo cumprimento, e todas elas en branco nestes momentos. 

A voceira municipal insistiu en que “non hai nin un só motivo legal ou técnico polo que a nosa proposta executiva para aprobar unha moratoria dun ano na autorización de pisos turísticos non se poida aprobar. Non se debate, ni se vota, porque non o quere a alcaldesa”. E lamentou que esta falta de vontade se traslade a todos os puntos do acordo de vivenda asinado en decembro de 2021, cuxas medidas sumaban 9 millóns de euros no orzamento, que quedaron sen tocar. 

Mentres tanto, na Coruña é imposible alugar. Xa vivimos na cidade co prezo medio máis caro no alugueiro de vivenda: 571,3 euros ao mes, case 100 euros por riba da media galega. Un prezo que aumentou un 42% en oito anos, segundo datos oficiais do Observatorio de Vivenda da Xunta. E todo isto, unha cidade que ten entre 10.000 e 20.000 vivendas baleiras, sen que ninguén estea a facer un estudo serio do problema. 

“Desde a Marea Atlántica, volveremos a levar este asunto a Pleno aínda que sexa en forma de moción, e seguiremos loitando para que teña a atención que merece. Pero moito me temo que para que o Concello da Coruña atenda afronte en serio, con compromiso e con propostas, o problema da vivenda, será necesario un goberno con Xan Xove a partir do 28 de maio de 2023, concluíu María García. 

Moitos máis pisos turísticos que en alugueiro para vivir 

Máis alá do incumprimento de acordos, é grave que o goberno local da Coruña se negue a recoñecer a proliferación de pisos turísticos coma un problema e permaneza de brazos cruzados. O rexistro da Xunta de Galicia indica que temos na cidade máis de 700 vivendas de uso turístico rexistradas, o dobre que antes da pandemia. Para alugueiro convencional, hai só 500 vivendas dispoñibles, segundo estima o Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña. “É moito máis doado atopar casa para pasar unha fin de semana que para ter un proxecto de vida, e así na Coruña resulta imposible alugar”, afirma Xove. 

Así o sinalan tamén estudos coma o da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), que estima que os prezos do alugueiro van a seguir subindo este ano, e sinala aos pisos turísticos coma unha das causas directas. Recólleno hoxe varios medios. 

E tamén o sinala a asociación Exceltur, que en colaboración con varios gobernos locais publicou o proxecto ReviTur, que analiza o efecto das vivendas de uso turístico en 20 cidades, A Coruña entre elas. E recolle literalmente que “detraen oferta do aluguer convencional, encarecen os prezos, desprazan poboación residente e deterioran a habitabilidade e a calidade da vida comunitaria”.

Xan Xove: “O Concello podería aprobar este xoves unha moratoria dun ano na autorización de pisos turísticos, pero Inés Rey impediuno”