entidades sociais
Xan Xove esixe ao goberno local que se resolvan no pleno de abril os convenios pendentes coas entidades sociais
Durante a súa visita, Xan Xove instou ao goberno local a resolver no pleno de abril os convenios pendentes coas entidades sociais, veciñais e culturais da Coruña, que en moitos casos dependen dese financiamento para manter a súa actividade e levan meses na incerteza.
O candidato lamentou que, a estas alturas do ano, non se coñeza sequera o proxecto de Inés Rey para os orzamentos deste ano, “a pesar de que presentalo é a súa obriga legal”. E sinalou que “se este goberno non é quen de elaborar uns presupostos, polo menos podería aprobar un modificativo de crédito para garantir os convenios coas entidades sociais, veciñais, sanitarias, culturais e deportivas da Coruña".
Xove lembrou que renovar o apoio ás entidades sociais é un trámite e esixe que se leve ao vindeiro pleno. “Debería ser o mínimo para recoñecer o traballo de entidades como Fegerec, que chegan alí onde non están a chegar as administracións públicas”. Podería terse aprobado xa en decembro, cos votos da Marea Atlántica, pero o goberno de Inés Rey escolleu non facer disto unha prioridade política.
Fegerec é unha organización que traballa en prol da axuda ás persoas que padecen enfermidades raras, as cales son aquelas cunha moi baixa prevalencia, o que dificulta o seu tratamento e investigación. En Galicia hai catalogadas unhas 7.000 enfermidades raras, que afectan a preto de 20.000 persoas, e Fegerec traballa para axudalas desde a asistencia sociosanitaria, a rehabilitación e o apoio a doentes e ás súas familias.
Xan Xove cre que o traballo de Fegerec merece todo o recoñecemento e esixe ao goberno local que tome medidas para garantir a continuidade das axudas a todas as entidades sociais, veciñais, sanitarias, culturais e deportivas da Coruña que dependen delas para manter a súa actividade. É hora de poñer as persoas no centro da política e demostrar que se está ao lado daqueles que máis necesitan a axuda da administración pública.