Eleccións municipais | Marea Atlántica
Xulio Ferreiro pide o apoio da veciñanza o 26 de maio “para consolidar o cambio que está a converter A Coruña na gran capital das persoas”
O alcalde e candidato á reelección indicou que o vindeiro será o mandato dos novos equipamentos, unha vez solventadas as eivas que presentaban moitos dos actuais, tras anos de abandono por parte dos anteriores gobernos. “Agora virán as naves do Metrosidero, o antigo Remanso, as rehabilitacións dos mercados de Monte Alto, Durmideiras e Santa Lucía, as dúas novas escolas infantís e outros moitos”, explicou
A Coruña, 14 de maio de 2019.- O alcalde e candidato á reelección, Xulio Ferreiro, participou esta mañá no debate televisado de candidatos e candidatas á alcaldía da Coruña na TVG. Alí, o primeiro edil evidenciou o cambio experimentado nestes últimos catro anos, cambio que se consolidará no vindeiro mandato. “No ano 2015, cando a Marea Atlántica chegou a Alcaldía da Coruña pasaron moitas cousas. Pasamos dunha cidade na que mandaban catro, e na que os grandes proxectos se decidían en reservados e se pintaban e servilletas, a ter unha cidade que puxo ás persoas no centro. Agora, necesitamos catro anos máis para consolidar o cambio, e para facer que, por dereito, A Coruña sexa a gran capital das persoas”, dixo. “Os vimbios xa están postos”, engadiu.
Así, Ferreiro manifestou que, entre outras cuestións, A Coruña é a gran capital das persoas porque vai máis alá dos límites administrativos. “A Coruña real ten 400.000 habitantes, por iso necesitamos unha Área Metropolitana dende a que xestionar este capital humano. Estes últimos catro anos lideramos a creación deste ente e no vindeiro mandato debemos levar unha lei específica que a regule até o Parlamento de Galicia”, indicou. “Pero A Coruña é a gran capital das persoas por máis cuestións. Somos unha referencia en protección social, e o seguiremos sendo no vindeiro mandato, coa creación de dúas novas escolas infantís, coa implantación da gratuidade no ensino entre os 0 e 3 anos e coa gratuidade no servizo de atención a domicilio, que atenderá a 400 persoas máis”, explicou. “A Coruña é e seguirá a ser a gran capital das persoas se continuamos apostando pola innovación como garantía de futuro, cousa que faremos a través dun proxecto tan importante como a Cidade das TIC, impulsada da man da Universidade da Coruña e do sector das innovación”, indicou.
“Coa Marea Atlántica no goberno, o Concello da Coruña tamén é pioneiro entre os municipios galegos e españois á hora de prepararse para os retos do horizonte 2030”, dixo, en referencia aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible marcados por Nacións Unidas e acollidos pola Unión Europea e que se centran en construír cidades máis sostibles, máis xustas e máis inclusivas. “O futuro márcanos moitos desafíos que aterran no que é un dos principais retos da nosa cidade: o porto da Coruña. Imos abrir as súas portas. É un espazo de oportunidade e de futuro. Temos que afastalo da especulación onde outros o querían levar”, apuntou.
O mandato dos equipamentos
No marco do debate, Xulio evidenciou que a “deixadez” dos anteriores gobernos coa xente dos barrios provocou que o goberno local tivese que investir tempo e esforzos en rehabilitar zonas e equipamentos da cidade. “O estadio, a piscina de Riazor, os centros cívicos… as tubaxes dos núcleos históricos. Os patios e os tellados de moitos colexios, onde había nenos e nenas ás que lles chovía dentro da clase”, enumerou o alcalde, quen tamén puxo de relevo que, solventadas estas necesidades, o vindeiro mandato será aquel no que se constrúan máis equipamentos públicos. “Non estamos falando de posibilidades, senón de realidades, porque os proxectos están listos e en trámite”, dixo, á vez que recordou equipamentos que se abrirán á cidadanía o próximo mandato como as Naves do Metrosidero, o equipamento no antigo edificio do Remanso, en Catro Camiños, as reformas dos mercados de Monte Alto, Santa Lucía e Durmideiras, dúas novas escolas municipais, os novos parques da Coruña, en Feáns e Os Rosales, o campo de fútbol de Eirís e dúas novas escolas infantís, entre outras actuacións. “A todo isto hai que sumarlle o Centro de Maiores de Eirís e o CEIP de Novo Mesoiro, obras que realizará a Xunta de Galicia pero que se construirán sobre os terreos cedidos gratuitamente polo Concello”,explicitou.
Alcoa
Noutra orde de asuntos, Xulio demandou do presidente do goberno Pedro Sánchez que sexa claro en canto á data na que entrará en vigor o estatuto das electrointensivas. “Hoxe que está na Coruña gustaríame que falase, cara a cara, cos e coas traballadoras de Alcoa, porque o merecen. Que dea datas claras. Podía ter aprobado o estatuto antes das eleccións e non o fixo. Agora di que este mandato, pero ten que definir cando, o prazo do 15 de xuño está aí. Necesitamos un comprador e non vai haber interesados en Alcoa se non hai respostas claras sobre como será ese estatuto e se, por certo, recolle as demandas dos e das traballadoras da planta coruñesa, para que esta sexa realmente competitiva. Temos que esixirlle respostas claras”, dixo, á vez que reiterou todo o seu apoio e solidariedade coas 400 familias afectadas pola situación da planta coruñesa.