Eleccións municipais | Marea Atlántica

Xulio Ferreiro presenta o programa de goberno da Marea

O alcalde reivindicou, nun acto público no Paraninfo, que “neste mandato, A Coruña encadeou crecemento de poboación e económico, volveu ser o motor de emprego e riqueza de Galicia e se colocou na vangarda do investimento social”

Xulio Ferreiro presenta o programa de goberno da Marea
Presentación do programa 02
Presentación do programa da Marea Atlántica
O programa, que está dispoñible na páxina web de xulio2019.gal, evidencia que “somos xente de palabra e que queremos máis: máis cambio, máis igualdade, máis transformación, máis emprego e máis coñecemento”

 

O alcalde da Coruña e candidato a reelección, Xulio Ferreiro, presentou esta tarde no Paraninfo da Universidade o programa co que a Marea Atlántica revalidará o goberno da Coruña tras as próximas eleccións municipais do día 26. No acto, o rexedor evidenciou que a formación municipalista é, de todas as que se presentan aos comicios, a única que ten un modelo de cidade claro e que se pode desenvolver. “O noso primeiro mandato foi un tempo de cambio, tanto no superficial, no que xa vemos, como no imprescindible, o que aínda demoraremos en ver. Foron catro anos cheos de primeiras veces. Sen ningunha hipoteca, o equipo de goberno puxo as bases para un novo modelo de cidade que cada día se fai máis visible e que afronta agora, na cita coas urnas, a súa fase de consolidación”, dixo Ferreiro. “Presentámonos a unha reválida co aval do deber cumprido con radical honestidade e co convencemento de que a veciñanza decidirá libremente se quere seguir adiante cun proxecto de cidade próxima, inclusiva, sostible, acolledora, xusta e innovadora para o século XXI, ou volver atrás, ás vellas fórmulas e ás vellas elites”, advertiu. “O que nos xogamos este 26 de maio e se queremos un modelo de cidade ou un modelo de negocio. Futuro ou pasado. Coruña Próxima ou Conde de Fenosa”, resolveu o alcalde.

Na súa intervención, o alcalde evidenciou que o programa de goberno da Marea Atlántica para o vindeiro mandato céntrase “en máis cambio, máis igualdade, máis emprego, máis transformación e máis coñecemento”, dando continuidade ao traballo realizado estes últimos catro anos que colocou á Coruña á cabeza das cidades de Galicia. “Hoxe podemos dicir que encadeamos tres anos de crecemento poboacional e económico, que volvemos ser o motor do emprego e da riqueza de Galicia, que recuperamos os niveis anteriores á desfeita da burbulla inmobiliaria e o crac financeiro. Hoxe podemos dicir que nos situamos, paso a paso, grazas ao talento da nosa xente, na vangarda do investimento social, das políticas de benestar e axuda á dependencia, da implantación da mobilidade sostible e a protección do medio ambiente, da ciencia e da innovación, da calidade democrática e da reconquista dos bens comúns”, expuxo. “Contra todo, e sen pedir permiso, A Coruña estase a converter, por dereito propio, na capital das persoas. Quen confunde unha cidade cos seus edificios acaba, máis tarde ou máis axiña, gobernando un deserto de cemento. As cidades do futuro son aquelas que poñen as persoas no centro da vida pública, que priorizan o coidado da súa xente e garanten as mellores condicións, en igualdade de oportunidades, para que gocen dunha vida plena”, explicou. “Así afrontamos os próximos catro anos, coa convicción de avanzar na boa dirección e cun programa de goberno que trata de responder, dende o local, dende a proximidade e a singularidade, aos retos que moitas outras cidades, máis grandes ou máis pequenas, afrontan en distintos recantos do planeta”, dixo.

Presentación do programa da Marea Atlántica

Desafíos de cidade

O programa da Marea Atlántica, que foi armado en base á experiencia no goberno local e á colaboración con decenas de entidades da cidade que aportaron as súas suxestións de forma participativa, evidencia a existencia de dez desafíos aos que debe dar resposta a cidade. En primeiro lugar ao relacionado co seu liderado. “A cidade precisa dar un salto na súa gobernanza coa constitución dunha Área Metropolitana plena e configurarse como un actor decisivo mais alá dos seus límites administrativos”, dixo Ferreiro no marco do acto. A segundo desafío radica na mobilidade sostible, un dos maiores retos da cidade. Coa implantación do carril bici e a baixada das tarifas do bus, que terá continuidade inmediata coa nova rede de liñas, A Coruña comezará a equipararse ás cidades europeas máis avanzadas e a deseñar a mobilidade do futuro.

A loita contra o cambio climático representa a terceira prioridade da acción de goberno, que se abordará dende distintas perspectivas, “tanto coa mellora cualitativa da xestión dos residuos sólidos urbanos como coa transición enerxética, para a que crearemos un novo operador público”, salientou o alcalde, que apuntou, tamén, ao avance da naturalización da cidade e á planificación da infraestrutura verde.

A aposta pola innovación é outro dos principais retos da Coruña. “Temos talento e temos as condicións para impulsar polos de innovación e desenvolvemento nos principais sectores da nosa economía, apostando polo desenvolvemento nas antigas instalacións da Fábrica de Armas do maior centro de Galicia adicado ás tecnoloxías da información e da comunicación”, recordou Ferreiro, que aludiu á necesaria alianza coa universidade e os axentes máis innovadores da sociedade para afianzar o despegue do emprego e dar resposta ao proceso de desmantelamento da industria.

A igualdade é, sen dúbida, outro dos eixos da acción de goberno. O alcalde indicou que, as mulleres desta cidade, como xa fixeron as cigarreiras hai máis dun século, son as que están a protagonizar a maior revolución dos nosos días. “As mulleres, como lle pasa á Coruña, piden paso, non permiso, e temos que estar á altura, facendo que todos os días sexan 8 de marzo”, apuntou.

No que atende ao combate contra a desigualdade e a prol a xustiza social, o alcalde manifestou que outro dos desafíos da Coruña, contido no programa electoral da Marea Atlántica, pasa por “continuar garantindo rendas mínimas para unha vida digna, multiplicar as axudas de emerxencia, aumentar os equipamentos públicos, rescatar as persoas e impulsar políticas valentes”.

O sétimo reto de cidade pasa por desaloxar a precariedade e apostar por novas formas de coidados. “Dende o local temos a responsabilidade, ás veces por riba das nosas posibilidades orzamentarias, de dar resposta a esas novas demandas, incrementando as axudas á dependencia, facilitando a conciliación da vida laboral e familiar e reconstruíndo lazos comunitarios para combater a soidade non desexada”, explicou. No fomento da participación radica outro dos eixos do programa do vindeiro goberno da Coruña. “As cidades xa non se gobernan no reservado do restaurante. As cidades con futuro son aquelas capaces de integrar a participación aberta da xente e o tecido da cidadanía organizada, cunha aposta por unha nova clase de liderado institucional, capaz de ofrecer un marco común de cooperación ao conxunto dos actores sociais e económicos e ás distintas administracións”.

O dereito á cidade constitúe o noveno reto, entendendo este como o dereito da veciñanza a ter “unha cidade que nos coide, que nos iguale en todos os barrios, sexamos quen sexamos”. Que aposte, por tanto, por unha vivenda digna, polo espazo público, pola tecnoloxía, pola participación, polo deporte. “O décimo desafío é o de culminar a construción dunha Coruña Próxima, porque é a proximidade a que nos dá capacidade para levar adiante un proxecto de convivencia máis alá das competencias concretas. É o reto de resolver os problemas que outras administracións non son capaces de ver ou non queren atender. Con todas as mans”, comentou. “A iso é ao que paga a pena chamar municipalismo”.

** O programa esta dispoñible na web programa2019.mareatlantica.org

Xulio Ferreiro presenta o programa de goberno da Marea