CINE
CGAI: comeza o ciclo Kubrick mentres remata o de Hitchcock
O Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) comezou este martes un ciclo dedicado ao director inglés Stanley Kubrick (1928-1999) coa proxección do seu último filme, que se estreou despois da súa morte: Eyes Wide Shut. A película merecerá un segundo pase, este xoves ás 18.00 horas na sede coruñesa de Durán Loriga. O ciclo traerá a próxima semana Lolita, con pases o mércores día 29 ás 17.45 e ás 20.30 horas, e 2001: Unha odisea do espazo, con pases nese mesmo horario o venres 31.
O ciclo continuará durante todo o mes de febreiro e volverá traer clásicos como O resplandor ou A laranxa mecánica.
“Kubrick sobresae a un tempo como autor popular, prestixioso e influínte. E faino pola súa pericia narrativa, formal; polo seu dominio do ritmo e dos personaxes; pola elegancia visual; pola fina e erudita escolma musical, capaz de normalizar para sempre a Ligeti ou Bartok; polo rigor (“matemático”, como proclama Michel Ciment) e a pescuda ou o absoluto control de todas as partes do proceso de traballo”, asegura o CGAI no seu programa de man para este mes de xaneiro.
Mentres regresa Kubrick, os cinéfilos de sala despídense cun até pronto doutro mestre británico, Alfred Hitchcock. O ciclo Universo Hitchcock que comezou en setembro remata estes días coas proxeccións de Os paxaros (o martes 28 en sesións ás 18 e ás 20:30 horas).
Por outra banda, o CGAI continúa coa celebración da década do Novo Cinema Galego, unha etiqueta que inventou o escritor cinematográfico Martin Pawley nun artigo datado o 2 de xaneiro de 2010. Para febreiro está previsto o pase de Bs. As. (2006) e Eclipse (2010), de Alberte Pagán, coa presenza do director.