A Rede Cultural da Deputación distribúe dous millóns de euros
"A Rede Cultural consolídase un ano máis como o circuíto de programación máis sólido e estábel da cultura galega, ofrecendo propostas de calidade en todo o territorio dos concellos da Coruña e contribuíndo de maneira decidida tanto á creación de novos públicos para a cultura como ao fortalecemento do sector por medio de novas contratacións artísticas e creación de emprego", destacou este mércores o deputado de Cultura, Xurxo Couto.
A Rede Cultural estrutúrase en catro programas, tres deles para o sector profesional un deles, Escena ao vivo!, ao que se poderán presentar espectáculos ao vivo de teatro, música, monicreques, maxia,danza e circo, outro para proxeccións audiovisuais co título Visións e outro máis, Lingua a Escena" que ten como obxectivo a promoción do galego a través da cultura. Ás tres modalidades do mundo profesionais súmase na convocatoria da Rede Cultural o programa Alicerces, destinado á difusión de espectáculos de compañías e agrupacións non profesionais.
Como novidade da presente convocatoria e para garantir a estabilidade dos orzamentos da Rede Cultural, márcanse asignacións económicas máximas por grupos de concellos sendo de 10.000 euros para os de menos de 2.500 habitantes; 14.000 euros para os de 2.051 a 5.000 habitantes; 18.000 euros para os que van desde os 5.001 a 10.000 habitantes; 22.000 euros para o tramo seguinte que chega até os 20.000 habitantes e, finalmente, 26.000 euros para os de máis de 20.001 habitantes.
"Esta modificación permitirá aos concellos coñecer desde o principio o orzamento de que dispoñen á marxe de que, de non se cubrir o máximo, os remanentes serán repartidos entre os que demanden previamente superar o límite contemplado", explica o deputado de Cultura. As bases da convocatoria poden consultarse aquí.