Teatro
Chega a Coruña "A lúa vai encuberta", obra gañadora do 2º Certame Manuel María de Proxectos Teatrais
A obra está dirixida por Tito Asorey e levada á escena por Incendiaria e A Quinta do Cuadrante.
A Coruña, 19 de xaneiro de 2022.- Nesta fin de semana a obra teatral de Manuel María A lúa vai encuberta terá dobre función na comarca da Coruña. Será o venres no Burgo (Culleredo) ás 20.30h con entrada gratuíta e o sábado no Teatro Rosalía á mesma hora. A obra está coproducida pola Casa-Museo Manuel María, o Centro Dramático Galego e as Deputacións da Coruña, Lugo e Ourense. Tito Asorey é o seu director -tamén director de Fariña e de Somos criminais, outros dous éxitos que simultaneamente están en xira-. A escenificación corre a cargo de Melania Cruz, Vanesa Sotelo e Davide González, ademais do propio Tito Asorey. Da iluminación encárgase Laura Iturralde e da escenografía Carlos Alonso.
A lúa vai encuberta afonda na nosa historia contemporánea, trasladando á sociedade un debate necesario sobre os nosos dereitos como individuos e como pobo, resultando un espectáculo multidisciplinar arredor da identidade por medio da música, o movemento, as imaxes e a palabra.
A obra conta cunha posta en escena dinámica, divertida e emocionante que pode ser vista e gozada por todo tipo de público, sen caer en elitismos escénicos pero sen claudicar da experimentación artística. Para iso mestura as formas de teatro máis popular (cabaré, musical, farsa) con formas contemporáneas como o teatro documento, e todo iso baixo o paraugas poético e escénico dunha voz esencial para comprendernos como país como é a de Manuel María.
A lúa vai encuberta foi a obra gañadora do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais concedido ás compañías Incendiara e A Quinta do Cuadrante, premio que leva consigo unha xira inicial por 30 localidades galegas grazas á colaboración doutros tantos concellos e deputacións, entre os que se atopan, na nosa comarca, A Coruña, Culleredo, Oleiros, Arteixo, Betanzos e Carral. O éxito recollido nas representacións inicialmente realizadas fixo que as súas funcións xa se teñan ampliado a estas alturas a cerca das 50.