O Colectivo das Pedras Galladas nace para dinamizar e poñer en valor o patrimonio cultural, social e ecolóxico de Culleredo
A actividade inaugural será a presentación do libro ‘Os Restos do Franquismo na Galiza’, de Manuel Monge, o vindeiro sábado, 26 de decembro, ás 19 horas, a través do YouTube. Será un evento ‘online’ –para garantir a seguridade sanitaria nun contexto de pandemia–, no que o autor nos fará unha breve sinopse da súa obra, explicará algunha cuestión de Culleredo nesta temática e responderá as preguntas dos asistentes á palestra telemática.
Este acto será o primeiro, mais xa está en marcha a preparación de moitos máis para seguir durante o ano 2021, como roteiros, obradoiros, proxeccións de filmes... Tamén adiantamos que estamos traballando para establecer distintos grupos de actividades regulares, coma un coro ou un clube de lectura.
Todas as persoas que queiran participar e aportar ao colectivo, da maneira que sexa, serán benvidas. O Colectivo das Pedras Galladas está aberto para toda a veciñanza de Culleredo que queira colaborar e participar para construír un espazo cos obxectivos de normalizar a nosa lingua, reivindicar a historia e patrimonio do noso concello e de defender o patrimonio natural da nosa contorna. Para unirte a nós abonda con contactarnos a través das nosas redes sociais, @pedrasgalladas en Twitter, Instagram e Facebook, ou contactar connosco a través do noso correo electrónico: [email protected]