espectáculo de cabaré, circo e humor centrado na música disco
O Coliseum acollerá entre os días 28 de febreiro e 3 de marzo ‘The Hole Zero’
O edil José Manuel Sande deu a coñecer a cita, que se presenta como a precuela da saga que sitúa a acción no Fin de Ano de 1979. La Terremoto de Alcorcón exercerá de Mestra de Cerimonias nas representacións da Coruña, cuxas entradas xa están á venda
A Coruña, 12 de febreiro de 2019.- Regresa á cidade da Coruña o espectáculo The Hole Zero. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, deu a coñecer esta mañá que o Coliseum acollerá do 28 de febreiro e até o 3 de marzo diversas representacións de The Hole Zero, Nesta ocasión, a acción sitúase nos anos 70 e 80, concretamente, na noite de Fin de Ano de 1979. Tal e como explicou o edil, “será un evento de cabaré, música, circo e humor moi diferente ás anteriores presentacións da saga na cidade”, que se inspiraban no cabaré berlinés e na revista española, “posto que a inspiración son as festas disco, un símbolo da nosa cultura”.
“Cremos que The Hole Zero terá moi boa acollida, logo do grande éxito, tamén no Coliseum, dos dous espectáculos anteriores”, observou Sande, quen sinalou que o recinto municipal terá, precisamente, “un ano frutífero” en canto a citas, como a do músico Mark Knopfler ou Il Divo, entre outras. “O Coliseum está a reforzar a súa marca como recinto e converte á Coruña nunha parada obrigatoria de espectáculos coas artes e música de protagonistas”, apuntou.
O titular da área de Culturas estivo acompañado na presentación pola Mestra de Cerimonias, La Terremoto de Alcorcón --quen xa exerceu este mesmo papel no espectáculo orixinal-- e Carlos Alexandre, responsable da xira, da que lembra que xa conta con máis de 300.000 persoas como espectadoras. “Sen dúbida The Hole Zero é o paradigma do cabaré moderno e actualizado”, sinalou Alexandre.
Pola súa banda, La Terremoto de Alcorcón sinalou que The Hole Zero aborda a orixe da historia de amor entre o Mestre de Cerimonias e unha rata, que é o eixe que percorre os dous espectáculos anteriores. “O Coliseum converterase na discoteca Studio54. Contaremos coa música que nos acompaña nas nosas festas e lembranzas, desde Barbra Streisand, Raphael, Los Pecos ou Donna Summers”, afirmou a artista, que estará en todo momento sobre o escenario. “Tanto o elenco que participa como os números serán espectaculares”, aseverou a actriz.
As entradas para The Hole Zero xa están á venda no despacho de billetes da Praza de Ourense e do Coliseum, así como nas plataformas dixitais entradas.abanca.com e www.ticketea.com. Para máis información sobre o espectáculo, pódese visitar o web www.theholezero.com