Apoian "a creación local" e amosan "unha cidade viva"
O Concello presenta as Festas de María Pita
A deportista olímpica Sofía Toro será a encargada de ler o pregón nunhas festas que contará coa actuación na praza de María Pita de Carlinhos Brown, Nouvelle Vague, Ute Lemper, Loquillo, Carlos Baute e a Sinfónica de Galicia acompañada por Ane Brun
Fonte: Concello da Coruña | 20/07/2016
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou este mércores o programa das Festas de María Pita 2016, que arrincarán o luns, 1 de agosto, co pregón que ofrecerá a deportista Sofía Toro, medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, e o concerto do artista brasileiro Carlinhos Brown. O responsable municipal cualificou de "variada e de calidade" á programación dos festexos que, sinalou, "apostan por amosar unha cidade viva e diversa, cunhas festas para a cidade e a súa veciñanza", así como "por promocionar ao tecido creativo local", que terá unha "forte presenza" nas actividades que se desenvolverán ao longo do mes de agosto.
Neste apoio á comunicade creativa, Sande destacou o apoio do Goberno local ao mundo gráfico coruñés, "evidenciado no compromiso que cada ano un ou unha autora relevante asine o cartel das Festas, e continuado coa aposta por Coruña Gráfica". Na rolda de prensa, o concelleiro presentou o cartel dos festexos, firma da ilustradora Uxía Pin, "autora por partida triple", especifiou o edil, xa que tamén é a responsable da elaboración dos distintos carteis das festas dos barrios así como o específico da Romaría de Santa Margarita.
As festas arrincarán o día 1 de agosto na praza de María Pita coa lectura do pregón por parte de Sofía Toro, "nun tributo a unha figura destacada da cidade cunha gran relevancia deportiva neste ano olímpico, así como unha homenaxe a unha cidade náutica". A lectura precederá ao concerto de Carlinhos Brown, quen inaugurará As noites de María Pita, sesións nas que participarán artistas como Loquillo (xoves 11), Nouvelle Vague (venres 12), Carlos Baute (Sábado 13) ou Ute Lemper (domingo 14). Tamén actuarán a Orquestra Galega de Jazz, o alumnado da Escola Municipal de Música, a Banda Municipal ou a Sinfónica de Galicia, que o sábado 20 estará acompañada da artista nórdica Ane Brun.
O concelleiro fixo especial fincapé na relavancia que terán as festas nos barrios da cidade desde a segunda quincena de agosto, "nunha aposta pola descentralización da celebración, sen que as festas acontezan só no nucleo central da cidade", así como na Romaría de Santa Margarita, "reformulada e que contará con dous días ateigados de actividades", sinalou, nas que haberá concertos, obradoiros e pasarrúas.
As festas nos barrios terán, como avanzou o responsable municipal, os seus propios carteis e "serán plurais". Comezarán o día 13 de agosto en Oza - Gaiteira e Os Castros (13, 14, e 15), para continuar no Castrillón - Urbanización Soto (17, 18 e 19), Monelos - Fonte das Paxariñas (19), o barrio das Flores (19 e 20) e Sagrada Familia - Paternidade (20). O parque de Eirís acollerá a tradicional Festa da Fresa do barrio o día 23, mentres que as celebracións en Pedralonga serán o día 27 e no barrio de Novo Mesoiro o 26, 27 e 28 de agosto.
O titular da área de Culturas avanzou tamén que as Festas de María Pita 2016 terán este ano unha programación infantil específica "e máis diversa", a través da celebración da primeira edición do Parque das Utopías, un programa "transversal, máis aló do mero espectáculo", segundo Sande, "con contidos medioambientais, de xénero e social", que se desenvolverá do 2 ao 13 de agosto; e do Festival Noroeste Estrella Galicia, que o domingo 7 centrará a súa programación no público familiar. As artes escénicas terán especial protagonismo neste bloque, cos espectáculos pequeno formato de FamiliRúa, que se desenvolverá en distintas datas entre os días 9 e 28 por diversos barrios da cidade como Castrillón, Pedralonga, Palavea ou Mariñeiros; e o Festival Manicómicos, que terá lugar entre os días 11 e 14 de agosto.
Como noutras edicións, tamén haberá cita editorial coa Feira do Libro (1 ao 10), "a mellor e máis exitosa de Galicia", destacou Sande, Viñetas desde o Atlántico (8 ao 14 de agosto), e a Feira do Libro Antigo (14 ao 29); así como as habituais cita coas artes plásticas na Feira de artesanía (1 ao 14) ou os produtos locais en Made in Galicia (15 ao 28); a música a través do Festival de Habaneras (3 ao 8) e o Festival de Arraigo (do 2 ao 21); a danza co Festival Internacional de Folclore (3 ao 7); e a fotografía con Visions (19 ao 21 de agosto).
Por último, o deporte tamén estará presente nas Festas de María Pita 2016 a través da celebración do LXXXI Trofeo Teresa Herrera de Fútbol (9 de agosto) e do XXXI Trofeo Teresa Herrera Traíñas da Coruña, ademais da regata de grandes veleiros The Tall Ships Races, que recalará no porto coruñés do 11 ao 14 de agosto.