“Máis inclusiva e destinada á creación de novos públicos”

José Manuel Sande presenta a Programación Lírica desta tempada

Entre as obras presentadas, atópanse ‘Falstaff’, de Verdi, que a Sinfónica de Galicia estreará por vez primeira en Galicia, e ‘O Barbeiro de Sevilla’, de Rossini, que celebra o seu bicentenario

José Manuel Sande presenta a Programación Lírica desta tempada
Sande
O concelleiro José Manuel Sande presentou a Programación Lírica deste ano

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá no Pazo de María Pita a Programación Lírica da Coruña deste ano, que se desenvolverá entre o 28 de agosto e o 9 de decembro na cidade. O edil saudou o carácter "inclusivo" e "accesible" que definirá a tempada operística xa que, o obxectivo de achegar o xénero á cidadanía a e "apoiar a creación de novos públicos", segundo expuxo o responsable municipal, o Concello da Coruña, a través do programa Cultura Accesible que promove xunto a Fundación Emalcsa e que busca "dar acceso á vida cultural e artística da cidade a colectivos diversos" a través de materiais, programación e actividades en formatos accesibles, apoia a creación do novo ciclo Lírica inclusiva. Este ciclo terá lugar nas instalacións de Padre Rubinos e Down Coruña a través de dous concertos nos que participarán as soprano Helena Abad e Patricia Rodríguez e os barítonos Asier Sánchez e Pedro Martínez Tapia.

Entre a programación presentada esta mañá destaca a representación semiescénica, por vez primeira en Galicia, da ópera Falstaff, de Giuseppe Verdi, que será interpretada pola Sinfónica de Galicia baixo a dirección de Alberto Zedda o 3 de setembro no Pazo da Ópera, e a versión en concerto de O barbeiro de Sevilla, de Gioacchino Rossini, protagonizada polo barítono coruñés Borja Quiza tamén no mesmo recinto o día 17 de setembro. A tempada operística tamén contará coas voces de Gregory Kunde, Leo Nucci, Marianne Cornetti e Celso Albelo, que participarán nos distintos recitais, concertos e galas, ou a de Bryn Terfel, que protagonizará Falstaff.

O concelleiro José Manuel Sande estivo acompañado na presentación polo Presidente de AGADIC, Jacobo Sutil, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, a presidenta da Asociación de Amigos da Ópera, Natalia Lamas, e o director artístico da Programación Lírica, César Wonenburguer, quen salientou a celebración dos ciclos protagonizados por cantantes de Galicia, como son Nosos Intérpretes, concerto que ofrecerá o 22 de setembro no Teatro Rosalía Castro o barítono Javier Franco acompañado polo pianista Javier Durán, ou As novas voces galegas, que celebra o seu décimo aniversario coa soprano Lorena Paz Nieto, quen estará acompañada pola pianista Ludmila Orlova (3 de novembro, Auditorio de AFundación).

Este espazo tamén acollerá a proxección das películas Badaladas a media noite (29 de agosto), Otelo (5 de setembro), así como as gravacións das óperas Romeo e Julieta (12 de setembro), A tempestade (19 de setembro) e Hamlet (26 de setembro). Tamén haberá ocasión para profundar nas dúas principiais obras da Programación Lírica - Falstaff e O Barbeiro de Sevilla - a través das charlas que ofrecerán os críticos musicais Juan Ángel Vela del Campo (1 de setembro) e Julio Andrade Malde (15 de setembro) respectivamente sobre as óperas.

José Manuel Sande presenta a Programación Lírica desta tempada