Día das Letras Galegas
O Concello rende homenaxe a Antón Fraguas cunha lectura pública desde o balcón de María Pita polo Día das Letras
As persoas que queiran participar no acto do día 17 só teñen que contactar coa Concellería de Culturas a través do correo electrónico e anotarse na lectura, que se desenvolverá entre as 11.00 e as 11.45 horas
A Coruña, 12 de maio de 2019.- A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, organiza unha lectura pública colectiva polo Día das Letras, que se celebra o vindeiro venres, día 17, e que este ano homenaxea ao escritor Antón Fraguas. Deste xeito, as persoas que se queiran sumar á sesión de lectura, que terá lugar desde o balcón do pazo de María Pita entre as 11.00 e as 11.45 horas, non teñen máis que enviar un correo á concellería ([email protected]) co seu nome para anotarse na lista.
Como recorda o responsable municipal desta área, José Manuel Sande, con este son xa catro anos nos que o Concello abre o balcón do pazo consistorial para unha actividade vinculada coas letras, que nesta ocasión serve para visibilizar a produción literaria do historiador e xeógrafo pontevedrés. O edil convidou a veciñanza a participar desta actividade “xa que as Letras deben entenderse como unha festa colectiva de expresión do noso idioma, algo moi importante especialmente nuns tempos nos que volven aparecer voces que atacan ao galego dunha forma propia doutras épocas moi escuras”.