Diversidade

O Festi= continúa a súa programación cunha obra que mestura danza contemporánea, teatro, circo e música en directo

A asociación Diversos, Experimentadanza e a Banda Municipal soben ao escenario do Teatro Colón este mércores ás 20.30 horas para representar ‘Picasso: a ollada nas mans’

O Festi= continúa a súa programación cunha obra que mestura danza contemporánea, teatro, circo e música en directo
Fest= int
Presentación do Fest=

A Coruña, 5 de novembro de 2018.- A asociación Diversos, Experimentadanza e a Banda Municipal de Música poñen en escena a 65 artistas para representar a obra Picasso: a ollada nas mans, un espectáculo inclusivo onde se mesturan danza contemporánea, teatro, novo circo, audiovisuais e música en directo. A actuación, que forma parte do programa do Festival de Artes pola Inclusión Cultural Festi=, terá lugar este mércores, día 7, ás 20.30 horas no Teatro Colón.

A Asociación Cultural para a Integración Social Diversos explora diversas artes escénicas así como a música, a danza ou o teatro, sintetizando todas elas desde unha perspectiva inclusiva. A programación do Festi= é o resultado da segunda convocatoria do programa Cultura Accesible e Inclusiva, posta en marcha polo Concello da Coruña e a Fundación Emalcsa, co obxectivo de favorecer a inclusión e a accesibilidade das persoas con diversidade funcional, sensorial ou cognitiva na vida cultural e artística. No Festi= colaboran, ademais, Naturgy, Repsol, Fundación Sabadell, Vegalsa e a Fundación María José Jove.

O Festi= comezou o día 18 de outubro co ciclo de Lírica Inclusiva e está a levar a diferentes espazos da cidade un amplo abano de disciplinas artísticas abertas, participativas, inclusivas, libres de barreiras e aptas para todos os públicos. Neste mes de novembro, celebraranse tamén as Xornadas de Cultura Accesible e Inclusiva que encherán, o día 9, o Centro Ágora de conferencias, mesas de debate e formación, que precisarán inscrición previa pero que como o resto das actividades serán de carácter gratuíto.

O día 2 de decembro terá lugar a proposta central do Festi=, día no que o Centro Ágora acollerá unha programación especial dende as 11.00 ata as 22.00 horas. Durante a mañá terá lugar a inauguración das xornadas a cargo de Rober Pier e Tres por Cuatro, así como a apertura da exposición FTloE [unha visión de Beckett] de Urza e a representación Fuera de todo lo extraño.

Tamén poderase asistir a Músicas en Igualdade na cafetería do Ágora, á representación de Pallas@s en Rebeldía da obra de teatro O Valo e a unha mostra do obradoiro previo de poesía e lingua de signos. A tarde do día 2 amosará a fusión de ciencia e música con Deseñando e Unindo Sons da Asociación Cultural Zalaeta, así como un contacontos con lingua de signos de Vero Rilo.

De 17.00 a 19.00 proxectarase o filme Coherence, nun evento que rematará cun debate na Aula do Ágora. Mentres tanto, na cafetería haberá Músicas en Igualdade ás 18.00 horas cos picadiscos de Negus. A xornada rematará coa mostra do Obradoiro de Biodanza e co concerto de Mercedes Peón Déixaas Tras os muros.

A programación completa do festival pode consultarse na web www.coruna.gal/igualdade/festigual.

O Festi= continúa a súa programación cunha obra que mestura danza contemporánea, teatro, circo e música en directo