XXX edición do Festival

O Festival Noroeste Estrella Galicia suporá "un instrumento de apoio ao tecido cultural local e de atracción económica"

Xulio Ferreiro e o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentaron o cartel da XXX edición do festival, “que inundará de música toda a cidade” e contará con Editors, Ocean Colour Scene, Freedonia e Triángulo de Amor Bizarro na praia de Riazor

O Festival Noroeste Estrella Galicia suporá "un instrumento de apoio ao tecido cultural local e de atracción económica"
FestivalNoroeste
FestivalNoroeste

Fonte: Concello da Coruña | 18/07/2016

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentaron na mañá deste luns a XXX edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, que se celebrará do 2 ao 7 de agosto en 9 escenarios diferentes da cidade, e contará coas bandas Editors, Ocean Colour Scene, Triángulo de Amor Bizarro e Freedonia como cabezas dun cartel no que participarán 60 bandas, das que máis da metade, 38, son galegas. O alcalde cualificou o Noroeste como "o festival urbano de pop rock gratuíto máis importante do Estado", e salientou o apoio do executivo municipal a un evento que "inundará toda a ciadade de música e actividades", á vez que "promociona o talento do país combinado co de referentes internacionais". "O Noroeste é unha cita única no panorama musical, un festival imprescindible no norte da península", expuxo o rexedor, "e reflicte a idea deste Goberno de vincular a cidade e a música non só pop, senón tamén de vangarda en moitos casos". Ferreiro sinalou que a cita, que este ano aumentou o número de bandas e escenarios, "serve de apoio á promoción turística e económica da cidade, así como ao propio do tecido cultural coruñés". "O ano pasado iniciouse co Noroeste Expandido un camiño interesante e acertado para promocionar a cidade e dotala dun instrumento cultural e atracción para Coruña, ao levar a música máis aló da praia. Esta edición é ambiciosa e o obxectivo é aumentar a súa proxección e atracción", dixo.

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, sinalou que esta edición quere situar ao Noroeste "como un festival de referencia" grazas a súa diversidade musical xa que  "terá sons máis eclécticos" que en pasadas edicións, ao contar con bandas de pop contemporáneo, funk, rock ou hardcore. Ademais dos catro grupos que actuarán en Riazor (Triangulo de Amor Bizarro e Ocean Colour Scene o venres 5, e Freedonia e Editors o sábado 6), xunto aos gañadores do Concurso de Bandas e Solistas de Cuac FM, incorpóranse ao Festival numerosas bandas (60 en total), aumentando así o número de artistas "internacionais e galegos de grande pegada" que participarán este ano "fronte ás 32 que actuaron no 2015 ou as 8 que actuaron no 2014", especificou Sande, con especial fincapé no ámbito local, "que certifica o compromiso deste Goberno co tecido creativo coruñés".

"O Noroeste é a punta de lanza dunha cidade viva e aberta", destacou o edil, quen salientou que o Festival apostará de novo polo tránsito peonil entre os seus nove escenarios, cinco máis que na edición de 2015 ou no único escenario da praia de Riazor no 2014,  "de xeito que a música inunde a cidade en espazos urbanos e recintos culturais municipais singulares que poidan ter outra dimesión". Así, ademais do areal coruñés, o Castelo de San Antón e as prazas de San Nicolás e Bárbaras, incorpóranse á lista de escenarios a igrexa das Capuchiñas, o Campo da Leña e o parque do Paseo das Pontes, e os centros culturais municipais Casa Museo Casares Quiroga e Fundación Luis Seoane. Tamén o edil quixo poñer en valor outra institución, a Biblioteca Municipal de Estudos Locais, cuxos fondos gardan a imaxe da muller leiteira que protagoniza o cartel deste ano, "un festival contemporáneo que reflicte que, na Coruña, a tradición e vangarda camiñan da man", dixo Sande.

O titular da área de Culturas, Deporte e Coñecemento lembrou tamén a "aposta polo dixital" que vén facendo a concellería desde o ano pasado, ao presentar tamén a web do festival,www.festivalnoroeste.com, e a webapp que se poderá descargar nos dispositivos móbiles, e que ofrecerá toda a información sobre horarios, programación, tempos de tránsito entre escenarios e bandas que participarán nesta edición, á vez que agradeceu a Estrella Galicia, Radio 3, Cuac FM e Nave 1839 a súa colaboración na difusión, promoción e programación, respectivamente, do festival.

 

O Festival Noroeste Estrella Galicia suporá "un instrumento de apoio ao tecido cultural local e de atracción económica"