Historia

Galiza Nova organiza as XXIII Xornadas da Historia de Galiza centradas na historia do movemento nacionalista galego

A organización xuvenil Galiza Nova presentou as XXIII Xornadas da Historia de Galiza, que se celebrarán en Rianxo os días 17, 18 e 19 de marzo. Estas xornadas estarán dedicadas á historia do movemento nacionalista galego e contarán con diversas actividades como conferencias, roteiros e a proxección dun documental.
Galiza Nova organiza as XXIII Xornadas da Historia de Galiza centradas na historia do movemento nacionalista galego
Marta Gómez e Adolfo Muíños con representantes de Galiza Nova (2)
Marta Gómez e Adolfo Muíños con representantes de Galiza Nova (2)

A elección de Rianxo como sede destas xornadas responde á vinculación desta vila coa figura de Castelao, un dos pais do nacionalismo galego. Segundo a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, “Castelao é un dos pais do nacionalismo galego tal e como o entendemos hoxe, por iso escollemos a localidade onde naceu para realizar estas xornadas formativas”.

O programa das xornadas inclúe unha conferencia xenérica sobre o nacionalismo galego, que impartirá a deputada do BNG no parlamento galego, Olalla Rodil, así como diversas conferencias que abordarán diferentes aspectos da historia do movemento nacionalista. Ademais, o sábado pola tarde, os participantes realizarán un percorrido pola vila que correrá a cargo do alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños.

CartazX_HistoriaRianxo2023
CartazX_HistoriaRianxo2023

As sesións culminarán o domingo ao mediodía coa proxección do documental sobre os 20 anos do Prestige. Neste sentido, Marta Gómez animou á mocidade galega a participar nas actividades programadas. “As xornadas son unha oportunidade para formarse e aprender, pero tamén son un bo espazo de convivencia e de coñecer a realidade dos mozos e mozas de distintos puntos do país”, sinalou a secretaria xeral de Galiza Nova.

As Xornadas da Historia de Galiza están abertas a todas as persoas de entre 15 e 30 anos que queiran participar, pero é necesaria a inscrición previa a través dun formulario que se atopa na web de Galiza Nova e nas redes sociais. A organización xuvenil anima á mocidade galega a sumarse a estas xornadas para seguir formándose e coñecendo o nacionalismo galego nun momento tan importante da historia do país.

Galiza Nova organiza as XXIII Xornadas da Historia de Galiza centradas na historia do movemento nacionalista galego