Colexio profesional de xornalistas de Galicia | nota de prensa
Mònica Bernabé, Marcos Méndez e Reporteiros Sen Fronteiras, candidaturas ao XIX Premio Couso
As candidatas e candidatos, que se distinguiron pola súa defensa da liberdade de prensa, foron propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación. Como recollen as bases do premio, unha comisión específica encargouse de escoller as candidaturas finalistas entre todas as propostas. Ábrese agora o prazo para elixir a candidatura gañadora, para o que poderán votar todos os colexiados e colexiadas do CPXG e asociados e asociadas do Club de Prensa de Ferrol ata as 14.00 horas do 31 de marzo.
Sobre as candidaturas
Mònica Bernabé é unha xornalista catalá coñecida especialmente polo seu traballo como correspondente en Afganistán, onde viviu case oito anos, e polo seu labor como defensora dos dereitos humanos nese país. Na actualidade, é responsábel da sección de Internacional do xornal Ara.
Marcos Méndez é un xornalista lucense que percorreu os cinco continentes por motivos laborais e, actualmente, está centrado na cobertura da guerra de Ucraína para diferentes medios de comunicación, tanto escritos como audiovisuais, como xornalista independente. É o único xornalista que cubre o conflicto bélico en galego.
Reporteiros Sen Fronteiras ou RSF (Reporters sans frontières) é unha organización non gobernamental internacional de orixe francesa que defende a liberdade de prensa no mundo e, en concreto, aos xornalistas perseguidos pola súa actividade profesional.
As votacións
Coa proclamación das candidaturas queda aberto o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidirá o gañador. Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar desde hoxe ata as 14:00 horas do 31 de marzo co seu usuario e contrasinal na parte privada da web www.xornalistas.gal. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail a [email protected]. O fallo do xurado darase a coñecer nunha rolda de prensa.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As dezaoito edicións anteriores foron para Érika Reija (2022), Manuel Rico (2021), Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).