Humorismo
Leo Harlem, Laura Caballero, Siro López e Carlos Ballarta, premiados nos EMHU 2023
O Encontro Mundial de Humorismo anuncia os premiados da súa terceira edición. A entrega dos premios EMHU 2023 terá lugar o 7 de maio na Coruña, enmarcados na gala Fantastic Colofon, na que participarán os comediantes Luis Piedrahita, Carolina Iglesias e Pantomima Full.
Leo Harlem recibirá o Premio EMHU Wenceslao Fernández Flórez, un galardón honorífico que recoñece a unha figura española cuxa traxectoria, talento e tesón supoñan unha achega significativa na forma de facer comedia. O director artístico do EMHU, Luis Piedrahita, destaca “a alegría infatigable” de Leo Harlem “e a súa maneira divertidísima de estar sempre enfadado”.
Laura Caballero recibirá o Premio EMHU Fenómeno, que se outorga ao fenómeno humorístico revelación do ano. Caballero, creadora, directora e guionista de algúns dos maiores éxitos cómicos dos últimos tempos en España, como Machos Alfa, La que se avecina e El pueblo, é recoñecida polo seu traballo inxente, o seu olfato para a comedia e a súa capacidade para reinventar o humor capítulo a capítulo, tempada tras tempada e ano tras ano.
O humorista gráfico coruñés Siro López recibirá o Premio EMHU Fugas, que se outorga a unha figura galega de proxección global. Piedrahita sinala que Siro López é “unha columna na que o EMHU apoiouse desde a primeira edición, gozando e aproveitando o seu coñecemento, cariño e humor”.
O mexicano Carlos Ballarta recibirá o Premio EMHU Álvaro Cunqueiro a unha figura internacional da comedia. O director artístico do EMHU define Ballarta “como un dos cómicos latinoamericanos máis orixinais, modernos e inspiradores”, destacando o seu compromiso coa comedia e co humor de altura demostrado nos seus espectáculos Falso profeta, Furla Ñera ou Rebelde Comodino.
EMHU 2023
A terceira edición do Encontro Mundial de Humorismo celebrarase na Coruña do 28 de abril ao 7 de maio. O evento, promovido polas produtoras Etiqueta Negra (Galicia) e El Espectador (Madrid), e que conta co apoio do Concello da Coruña, Xunta de Galicia e Estrella Galicia, reunirá durante dez días na cidade herculina os espectáculos a as figuras máis destacadas da comedia a nivel estatal. Ana Morgade, Carolina Iglesias, Dani Rovira, David Amor, Eva Hache, Eva Soriano, Leo Harlem, Ignatius Farray, Javier Cansado, Javier Veiga, Juan Dávila, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Marta Hazas, Pantomima Full, Sílvia Abril, Victoria Martín e Xosé A. Touriñán estarán presentes na cita, que tamén contará coa participación de Buenismo Show (Henar Álvarez, Manuel Burque e Quique Peinado), Estirando el chicle (que se gravará desde o Castelo de Santo Antón) ou La Ruina (con Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes). Ademais, figuras galegas das comedia estrearán espectáculo: é o caso de Carmen Méndez, Ledicia Sola, Marta Doviro e Oswaldo Digón, que presentarán As R(h)umorosas e Ansia viva, respectivamente; o arxentino Juan Barraza estreará en España Garabato controlado e ‘influencers’ como Animalize21, Car de Lorenzo, El Cejas e Xurxo Carreño regresarán ao Teatro Colón coa súa proposta Sin datos no hay paraíso.
As últimas entradas dispoñibles para a programación de espectáculos pódense conseguir en www.emhu.es. Ademais, EMHU contará con actividades gratuítas e de acceso libre até completar aforo, como a exposición El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad (desde o 28 de abril na Casa Museo Picasso), a charla Picasso e a caricatura (venres 28, 19;00 horas, na Casa Museo Picasso) ou a función da Escuela de Impro A Coruña (sábado 29, 12:30 horas, na sede de Afundación).