Circuíto musical na Coruña

“A música está en todas partes, a música forma parte de nós”

ENTREVISTA | Xosé Lois Romero, da Asociación de Músicos ao Vivo de Galicia

 

“A música está en todas partes, a música forma parte de nós”
xoseloisromeroAsociacionMusicosGalicia2-min
Xosé Lois Romero.

Xosé Lois Romero comezou na música sendo ben pequeno, cando se formou o grupo folclórico de Mera no ano 80. O grupo ensaiaba na Casa do Pobo, que estaba diante da súa. "Rapidamente comecei a escoitar outras cousas de todo tipo, buscando o meu sitio. Sempre me gustaron as músicas contemporáneas inspiradas no tradicional, unha música de fusión”. E recorreu diversos camiños como a investigación ou a docencia, pasando sempre pola expresión musical engrupos como os cuartetos Lelia Doura ou Luvas Verdes, ou na colaboración con artistas como Dani Bellón, Guadi Galego ou Mercedes Peón, entre outros tantos.

A súa vía de escape é o trío Vaamonde no que está acompañado por Pedro Lamas e Suso Vaamonde “chamámonos trío traxicómico, porque mesturamos a música tradicional co humor. Nós adoitamos facer proxectos máis sisudos e isto é unha especie de liberación”. O seu último traballo chámase Aliboria, un proxecto que quixo facer durante toda á súa vida como el mesmo afirma “sempre quixen facer un proxecto no que se actualizase a percusión tradicional”.

Xosé Lois Romero fará parte da mesa do debate sobre circuítos musicais o próximo xoves, 15 de xuño, na sala Garufa, dentro do marco da Segunda Semana da Música e no que EntreNós colabora con laduda.net e corunahoy.es.

- Que é a Asociación de Músicos ao Vivo?

- Pois a Asociación Músicos ao vivo é agora mesmo a asociación máis importante que reúne aos músicos de Galicia, sexa cal sexa o seu estilo, profesionalidade ou actividade e busca principalmente defender e dar forma aos dereitos innatos da condición de músico como traballador en calquera dos seus formatos. Agora mesmo temos arredor de 500 socios e fundouse no ano 2008. A provisión é moi interesante e moi positiva.

- Que lle dirías a eses músicos para que entrasen a formar parte da asociación?

- Que a asociación o que pretende é pór en valor a súa condición de músico, independentemente de que, insisto, crea ou considere que non é profesional. Dá igual, é músico e realiza unha actividade nun ámbito en concreto. Un carpinteiro que non traballa como carpinteiro, de todos modos, segue sentíndose carpinteiro. Neste caso os músicos, ademais, temos historicamente unha desconexión entre nós bastante grave e Músicos ao Vivo conseguiu, porque xa podemos dicir que o conseguiu, estruturar e digamos coordinar moitísimos músicos que teñen a visión clara de que a súa actividade ten que estar máis regulada do que está na actualidade.

- Como comezou a asociación?

- Cun grupo de músicos en concreto, que viron esa necesidade; viron a eiva histórica que existía nese aspecto. Eles conseguiron moi pouco a pouco ir convencendo a xente para crear unha estrutura básica apoiados en Musicat, unha cooperativa catalá de músicos. Os músicos temos historicamente unha desconexión entre nós bastante grave e Músicos ao Vivo conseguiu, porque xa podemos dicir que o conseguiu, estruturar e digamos coordinar moitísimos músicos que teñen a visión clara de que a súa actividade ten que estar máis regulada do que está na actualidade.

- Que ofrece Musicat?

- Pois este limbo legal no que se moven os músicos produce que a actividade profesional non estea ben regrada nin supervisada. Hai un baleiro, un limbo legal, no cal fai falla crear unha posibilidade de respaldo legal e profesional dos músicos cando actúan. Neste caso Músicos ao vivo ofrece a posibilidade de que os músicos poidan estar dados de alta e poidan ter todas as coberturas legais en calquera dos bolos e actividades musicais que fagan sen que teñan que recorrer a empresas ou teñan que ser autónomos.

- Hai relación entre Asociación de Músicos e a Asociación de Salas de Músicos ao Vivo?

- Evidentemente, os músicos non podemos vivir sen as salas organizadas e cun compromiso claro coa música ao vivo, e por outra banda, as salas necesitan dos músicos. A medida que pasa o tempo temos unha mellor relación e temos entendemento en canto aos obxectivos que son comúns, que melloran tanto a oferta que eles fan como as condicións dos músicos.

- Ademais de estar sentados na mesma mesa o vindeiro xoves, fixerades outras actividades xuntos?

- Estamos traballando conxuntamente na rede de músicos ao vivo como nalgunhas dinámicas de traballo máis para crear unha axustada legalidade da música ao vivo. Nese sentido, si estamos en permanente relación tanto con Clubtura como coa Administración. Digamos que somos unha especie de triángulo de colaboración.

- E coa Administración?

- Por primeira vez, o Concello da Coruña asumiu un compromiso para que todos os músicos que participen no Noroeste Pop Rock, non as grandes bandas, senón as bandas locais que participan, estean co respaldo legal correcto. Así, Músicos ao Vivo vai ofrecer, puntual e excepcionalmente, o servizo de contratación ás bandas que participen no Festival Noroeste, sexan ou non socias de Músicos ao Vivo. Este é un interesante exemplo de acordo entre dous entes, no cal entendemos que gañamos todos.


 

“A música está en todas partes, a música forma parte de nós”