Día das Letras Galegas
Nas vésperas do Día das Letras, o BNG da Coruña lanza un vídeo coa historia dun rapaza coruñesa que se decide a falar galego
Queremos galego “porque si, porque me gosta, porque me peta, porque me sae de dentro, de aquí do fondo... porque teño esperanza!”
A Coruña, a 11 de maio de 2021. O Bloque Nacionalista Galego da Coruña puxo hoxe en circulación nas súas redes sociais un vídeo coa historia dunha rapaza que se decide a falar galego na nosa cidade.
En absoluto é ciencia ficción. É algo que acontece todos os días.
A situación de perda de falantes do noso idioma é un feito empírico, mais ficar só nesa fotografía non daría noticia exacta de como se están a desenvolver as dinámicas que desde a base da sociedade se producen con vistas a normalizar o status da lingua propia de Galiza. Isto é, todos os días hai boas noticias, como a de esta rapaza a tomar a decisión de falar galego na nosa cidade.
O asunto clave é que estes impulsos desde abaixo se vexan acompañados pola complicidade das institucións públicas. Infelizmente iso non se está a dar no noso país en relación ao goberno galego, en mans dun gabinete, o de Núñez Feixóo, que é o autor da primeira lexislación na historia da comunidade autónoma que reduciu a presenza da nosa lingua nas aulas. Canto á cidade, se ben timidamente, si que se deron algúns pasos adiante, como a recente aprobación da Ordenanza do Galego, impulsada polo BNG, un necesario impulso á normalización do noso idioma cuxo cumprimento loxicamente vixiaremos.
En todo caso, claro que queremos galego e querémolo aquí e agora, querémolo como presente e como futuro, querémolo porque nos fai ser o que somos, querémolo, como di a rapaza no vídeo, “porque si, porque me gosta, porque me peta, porque me sae de dentro, de aquí do fondo... porque teño esperanza!”.