Viñetas desde o Atlántico
Raúl Allén e Patricia Martín e mais Núria Tamarit charlarán mañá xoves cos afeccionados de Viñetas
A debuxante, ilustradora e rotulista Núria Tamarit ten, a pesar da súa mocidade, unha importante traxectoria profesional que comezou coa súa participación en numerosos fanzines. A autora de Avery' s Blues, expón nesta 24 edición de Viñetas orixinais da obra que lle valeu o primeiro Premio Valencia de Novela Gráfica en 2018. Trátase de “Dos monedas”, unha historia que retrata a realidade africana e a cooperación humanitaria
As medidas covid limitan o aforo, por rigorosa orde de chegada, a só 18 persoas. De calquera xeito, todos os interesados poden seguir as charlas en liña a través da web e as redes sociais do festival.
A Coruña, 11 de agosto de 2021.- O tándem que forman desde hai varios anos os ilustradores Raúl Allén e Patricia Martín será mañá xoves o protagonista das charlas de Viñetas desde o Atlántico. Tamén compartirá espazo cos afeccionados a autora de Avery' s Blues, a debuxante valenciana Núria Tamarit. Os encontros terán lugar no escenario habitual, o salón de actos do Kiosco Alfonso. Os dous autores valisoletanos departirán co público a partir das 18.30 horas e desde as 19.30 será a quenda de Tamarit. A organización do festival lembra que o acceso aos encontros está suxeito ás restricións pola pandemia. Poderán acceder á sala, por rigorosa orde de chegada, só 18 persoas. Para iso terán que recoller os pases media hora antes das charlas no propio Kiosco Alfonso. Unha vez entregados eses 18, a organización non expedirá ningún máis. Os interesados en seguir as conferencias dos autores que non poidan acceder ao recinto teñen a oportunidade de facelo en liña a través da páxina web vinetasdesdeoatlantico.com e das redes sociais de Viñetas (Twitter, Facebook e Instagram), que retransmiten en directo.
Raúl Allén e Patricia Martín non só comparten cidade de nacemento, Valladolid, senón tamén numerosos nomeamentos aos premios Harvey. Desde 2014 colaboran en múltiples proxectos, fundamentalmente para o mercado americano. Os dous ilustradores traballan para Universo Valiant, o terceiro máis importante de superheroes xunto con Marvel e DC. Igual asinan xuntos o traballo que lles trae á vixésima cuarta edición de Viñetas desde o Atlántico: a primeira adaptación ao cómic da mítica novela Dune, de Frank Herbert, un dos grandes clásicos da literatura de ciencia ficción que cambiou para sempre a narrativa das aventuras espaciais. A versión española Dune. A novela gráfica chegou ás librarías do noso país a principios deste ano da man de Norma Editorial e coa firma de ambos os dous ilustradores españois. Foi un dos acontecementos literarios deste especial período pandémico.
A debuxante Núria Tamarit ten xa unha importante traxectoria profesional que comezou a fraguar en publicacións de tipo colectivo como Socoponcho, Nimio e Voltio. A publicación de Avery' s Blues, con guión de Angux, supuxo un salto de xigante na súa carreira. Deulle a Tamarit no ano 2017 numerosos recoñecementos e nomeamentos, por exemplo o premio á Mellor Autora Revelación na I edición dos premios Carlos Giménez dos Heroes Cómic Con Madrid. Tamén en 2018 obtivo o primeiro Premio Valencia de Novela Gráfica coa obra Dos Monedas, un achegamento á realidade africana a través dunha adolescente que viaxa a Senegal coa súa nai, cooperante nunha organización humanitaria. A exposición que nos achega o traballo desta debuxante, ilustradora e rotulista está no Kiosco Alfonso.
Amnistía Internacional presenta o seu quinto “Nai dos desterrados” adicado aos coidados
Protocolos sanitarios discriminatorios, atención a persoas trans, a protección ás persoas maiores nas residencias, á precarización dos coidados –labores desempeñadas por mulleres, migrantes ás que non se lles recoñece os seus dereitos-... Son algunhas das temáticas que nove artistas elixiron para colaborar de forma altruísta no quinto fanzine Nai dos Desterrados, que Amnistía Internacional presentará mañá xoves, ás 19.00 horas, en Viñetas desde o Atlántico. No acto participarán os autores Israel Valmar e Manel Cráneo, así como activistas de Amnistía Internacional.
Por quinto ano consecutivo, a ONG publica unha banda deseñada coa que quere achegar os dereitos humanos a través dunha linguaxe innovadora e dunha maneira lúdica. Nesta edición, a temática principal é a importancia dos coidados e a súa relación coas campañas desenvolvidas por AI. “Queremos concienciar e tratar de que saia da pandemia unha sociedade máis xusta”, afirma Marga González, voceira de AI A Coruña, e recorda que se a OMS “recomendar destinar o 25% do gasto sanitario á Atención Primaria, en España o investimento en 2019 e 2018 foi do 13,9%”.
Este fanzine, que se repartirá como cada ano de forma gratuíta nas librarías Alita Cómics (A Coruña), A Gata Tola (Santiago de Compoostela) e Paz (Pontevedra), non sería posible sen a participación desinteresada dos e das artistas: Manel Cráneo (portada), María Brenn (El Abrazo I e II), Román Cuadrado (Capacitismo), Adri Seara (Os que estorban), Isra Valmar (Luz), Paula Cheshire (El mensaje), Mariña Rey (Unha pinga no mar), Greta Debelius (Diatriba trans) e Paz Rodríguez (Alleo).