Literatura

"Todas as linguas son boas, fermosas, necesarias pero distintas”

Luz Pozo Garza recibiu unha nova homenaxe na Academia da que fai parte desde 1950.

"Todas as linguas son boas, fermosas, necesarias pero distintas”
Homenaxe a Luz Pozo na RAG. Fotos Xosé Castro (3)-min
Luz Pozo, con Freixanes, onte na Academia. Fotos Xosé Castro.

"Todas as linguas son boas, fermosas, necesarias pero distintas, porque a través delas interpretamos o mundo, o pensamento. Galicia acolleume con este cariño da Academia e xa son de Rosalía", dixo Luz Pozo onte na sede da RAG onde recibiu unha homenaxe dos académicos polo seu 95 aniversario.

O acto, segundo informa a RAG na súa web, incluíu o recitado de dez poemas da homenaxeada escolmados  por outros tantos poetas de distintas xeracións e dun poema inédito elixido polo académico Salvador García-Bodaño. Todos estes textos e os seus comentarios aparecen recollidos no volume Un pozo de luz, coordinado por Olivia Rodríguez. Ademais houbo unha actuación musical a cargo de Patricia Rodríguez Rizo e o Quinteto Cimarrón.

Homenaxe a Luz Pozo na RAG. Fotos Xosé Castro (2)-min

Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) leva oito décadas creando versos. Dela dixo onte Víctor F. Freixanes, o presidente da RAG, que representa "autenticidade, elegancia e beleza". Autenticidade "polo que conta" na súa poesía, capaz de reflectir os sentimentos que explican a condición do ser humano; elegancia, física e mental, porque Luz Pozo Garza é unha muller intelixente coa que se pode contar, que sabe escoitar aos demais e que o futuro se constrúe entre todos; e beleza pola súa capacidade de expresión e comunicación, que a fai quen de "poñer todo en fermosas palabras nas que ás veces un verso explica o mundo", explicou Freixanes.

Homenaxe a Luz Pozo na RAG. Fotos Xosé Castro (1)-min


 

"Todas as linguas son boas, fermosas, necesarias pero distintas”