O XXIII Salón Internacional do Cómic da Coruña abrirá as súas portas do 17 ao 23 de agosto
Viñetas desde o Atlántico 2020 volve a mirada cara ao cómic infantil e xuvenil, a orixe na que prende solidamente a afección pola banda deseñada
As paredes do Kiosco Alfonso mostrarán a obra de Alessandro Barbucci, Enrique Vegas, Pau e Xulia Vicente
- Este ano Palexco vaise encher dunha variadísima colección de orixinais de diversos autores, seleccionados por catro das principais editoriais de banda deseñada infantil e xuvenil, Cúpula, Astronave, Astiberri e Mamut
- Sen querer deixar pasar por alto o centenario da Bauhaus (2019), a Sala de Exposicións do Palacio Municipal de María Pita conterá os orixinais da novela gráfica “MIES” o biopic que Agustín Ferrer Casas publicou sobre o arquitecto Mies van der Rohe, último director desa escola berce da arquitectura moderna
- O cartel anunciador deste XXIII Viñetas leva a rúbrica do mexicano Tony Saldoval, convidado o salón do pasado ano, quen nos fixo gozar das súas obras El cadáver y el Sofá, Epidemia de Melancolía ou La serpiente de agua
A Coruña, 7 de agosto de 2020.- Os personaxes enmascarados transitan decote polo mundo do cómic infantil e xuvenil. As ameazas globais e os inimigos invisibles son carne ben frecuente de guión. Así que, tal e como explica o seu director, Miguelanxo Prado, non parecía moi lóxico que a pandemia do coroavirus obrigase aos miles de afeccionados a renunciar a Viñetas desde o Atlántico, o Salón Internacional coruñés que este agosto alcanza a súa edición número vinte e tres. Con todas as medidas necesarias, tanto sanitarias como sociais, e adaptando esta proposta cultural do Concello da Coruña á excepcional situación en que se atopa o mundo enteiro, Viñetas desde o Atlántico abrirá as súas portas o luns 17 de agosto.
O Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico centrarase nesta ocasión no espazo temporal no que se sementa a afección á banda deseñada, o cómic infantil e xuvenil. Para iso, catro das principais editoriais dedicadas a ese segmento, Cúpula, Astronave, Astiberri e Mamut, encherán de orixinais dos seus principais creadores a sala de exposicións de Palexco. Cúpula, por exemplo, achegará aos afeccionados que visiten Viñetas a obra de Katie O’Neil, a ilustradora neocelandesa autora de Érase una vez dos princesas, Bahía Acuicornio, La Sociedad de los Dragones de Té (galardoada con dous premios Eisner) e da súa segunda entrega El Festival de los Dragones de Té.
Pola súa banda. o Kiosco Alfonso cederá gustosamente as súas paredes a catro debuxantes de peso. O primeiro deles, o xenovés Alessandro Barbucci, creador das series mundialmente coñecidas Sky Dolls e W.I. T. C. H (protagonizada por cinco rapazas adolescentes con poderes) ambas en tándem coa guionista Bárbara Canepa. Tamén no corazón expositivo de Viñetas colgarán os orixinais de Enrique Vegas, o historietista segoviano famoso polas súas versións paródicas de películas e cómics de éxito, Spider-Man, Hulk, X-Men, Hellboy, Piratas del Caribe, Star Wars…cuxos protagonistas son aquí gordechos e cabezóns.
Completan a oferta do Kiosco Alfonso o mallorquino Pau e a coruñesa Xulia Vicente. Pau é un recoñecido creador, autor de Las vacas chechenas, con historietas e portadas sucesivas publicadas en revistas como a belga Spirou ou a española Nosotros somos los muertos. O seu salto internacional chega coa saga de Atlas & Axis e Ze Jacky Touch.
Xulia Vicente, que acaba de sorprender co seu último traballo, no que por encargo do Consello Galego de Cultura levou á linguaxe da banda deseñada a historia de amor e liberdade de Elisa e Marcela, ten xa unha traxectoria asentada. É a autora da novela gráfica Anna Dédalus: el misterio de la mansión quemada, xunto a Miguel Angel Giner e Nuria Tamarit, coa que tamén asinou o cómic Duerme pueblo. Esta creadora coruñesa colaborou coa revista Jot Down, Arrós Negre, Lis en Fleur ou Meinstrim e é cofundadora do fanzine Sapoconcho.
A Sala de Exposicións do Pazo Municipal de María Pita acollerá os orixinais da novela gráfica MIES biopic publicado por Agustín Ferrer Casas sobre o arquitecto Mies van der Rohe, o derradeiro director da Escola Bauhaus, berce da arquitectura moderna, que o pasado ano cumpliu cen anos de existencia.
Igual ca en anteriores edicións, a Sala de Exposicións Salvador de Madariaga, na rúa Durán Loriga, acollerá os últimos premios Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña, coa mostra dos orixinais das obras de Alberto Vázquez e Martín Romero, gañadores da edición XIV do certame nas súas correspondentes convocatorias xeral e infantil-xuvenil. Alberto Vázquez, dono de tres Premios Goya por obras como Birdboy, Psiconautas ou Decorado, é un dos autores máis recoñecidos no panorama galego. O Premio Castelao foille outorgado pola obra A Caza, na que o xurado destacou o "sólido grafismo utilizado, coa técnica do sumi-e e tinta chinesa, ademais do debuxo expresivo co que xera unha unidade narrativa e un mundo propio e persoal". O ilustrador Martín Romero fíxose co Castelao infantil e xuvenil con Uxio, que explota “as posibilidades narrativas do medio e fai un acertado uso humorístico da filosofía da vida cotiá”.
A Torre de Hércules será, un ano máis, outra das singulares salas de exposición de Viñetas. Alí, como nun xogo de espellos, poderase facer un percorrido polos carteis da historia de Viñetas desde o Atlántico: lembremos que a única condición que se lle impón aos autores convidados á hora de deseñar o cartel é que na súa proposta figure o faro. Vinte e tres xoias en gran formato rubricadas por algúns dos debuxantes máis reputados do panorama nacional e internacional. A última, o cartel anunciador do presente Salón, é obra do mexicano Tony Sandoval, convidado do Viñetas desde o Atlántico no 2019.
Viñetas desde o Atlántico 2020 será tamén espazo de presentacións editoriais, como é o caso do fanzine de Amnistía Internacional sobre Dereitos Humanos. Igual ca sempre, o exército de personaxes de cómic de todos os tempos tomará as rúas da cidade, programaranse charlas cos autores invitados e a Rúa dá BD ofrecerá as últimas novidades publicadas... Sempre, tal e como sinalan desde a organización, baixo as condicións que impoña asegurar a protección social e sanitaria fronte ao coroavirus. Logo de rematar a vertixe comiqueira que vivirá a cidade entre o 17 e o 23 de agosto, as exposicións continuarán abertas ao público ata o 13 de setembro. .
DEBUXANTES CONVIDADOS
ALESSANDRO BARBUCCI
(Xénova)
Alessandro Barbucci é un debuxante precoz. Con tan só 19 anos empezou a traballar na filial italiana de Disney, onde permaneceu durante unha década, realizando historietas e storyboards para producións de animación. A súa carreira na multinacional americana trúncase no ano 2000, por discrepancias coa Compañía. A partir de entón, a súa traxectoria profesional é indisociable da guionista Bárbara Canepa. Con ela firma W.I.T.C.H no ano 2001, unha serie destinada ao público xuvenil feminino, protagonizada por cinco adolescentes con poderes.
O traballo máis afamado do dúo é Sky Doll, un auténtico fenómeno mundial que mestura de xeito maxistral o debuxo clásico de liña clara, tipo Disney, e o estilo do manga xaponés. As protagonistas deste icónico cómic, de aspecto e argumento futuristas, son uns robots femininos creados para satisfacer aos seus posuidores. Realizan todo tipo de labores para eles e non almacenan nin recordos nin teñen soños, menos a protagonista principal que si é capaz de lembrar e ter ilusións.
O ilustrador italiano participou tamén na creación de La Casa de los Monstruos (2003), primeiro tomo da serie Monster Allergy. Barbucci é o creador, xunto a Katia Centomo e Francesco Artibani, de Zick, Elena, Bombo e demais monstros. O protagonista desta historia é un mozo solitario que padece numerosas alerxias e que sofre o rexeitamento dos seus compañeiros. A súa habilidade secreta é a capacidade para ver aos monstros.
ENRIQUE VEGAS
(Segovia)
Enrique Vicente Vegas, que firma como Enrique V. Vegas, estudou arte publicitaria na Escola de Artes e Oficios de Madrid. Publicou ilustracións nos tebeos de Conan, editados por Planeta, ata que comezou a traballar no estudo de animación Dece. Alí forxou xa definitivamente o seu estilo persoal e a temática que domina toda a súa obra: a parodia de grandes títulos cinematográficos e personaxes de Cómic. Aliens e Depredador, realizadas xunto a outros compañeiros do estudo, foron as primeiras. A elas seguirían, xa en solitario, as de Spider-Man e Blade, en 2002, Hulk, Matrix e X-Men, en 2003 e Hellboy, en 2004.
Paralelamente á recreación humorística de historias cinematográficas realizou Kobe, unha serie máis persoal ambientada no Xapón feudal. Con ela obtivo o premio ao mellor autor revelación no Salón do Cómic de Barcelona, no ano 2004. Tralo cerre da editorial Dude, en 2007, Vegas seguiu realizando as súas recreaciones de películas famosas para a Editorial Dolmen, dándolles unha volta de porca formal na que predominan xa os seus famosos “cabezóns”. Co selo Siurell da citada editorial asina títulos como Bill Kill, a triloxía de Cabezones das Galaxias, Residente Vil, Bull Damn City, Os Cabezones do Caribe, Punicher e a triloxía Cabezón Jones, Capitán Cabezón e Thor.
Ten participado tamén en obras colectivas como Bull Damn City, na que tamén colaborou o seu irmán, Juanmi Vegas, e Sustentum. Historias que se sosteñen, para a Consellería de Medio Ambiente de Cantabria. Entre 2005 e 2008, realizou unha viñeta semanal para o xornal Gente Santander.
PAU (PAU RODRÍGUEZ JIMÉNEZ-BRAVO)
(Palma de Mallorca)
Guionista, debuxante, humorista gráfico, ilustrador e editor, Pau Rodríguez Jiménez-Bravo, que asina simplemente Pau, estudou Ilustración na Escola Superior de Disseny. Comezou a súa carreira profesional no ano 1993, realizando dúas tiras cómicas semanales -Las cansiones de Ossifar e O oriquen de todas las cosas-, e unha viñeta diaria de humor gráfico para a sección política -Pau per tots- para o Diario de Mallorca. Por este último traballo, que aínda segue publicando na actualidade no semanario Mallorca Zeitung, obtivo no ano 2009 o Premio Haxtur ao mellor humorista gráfico.
A mediados dos anos 90 creou xunto a Xabi Uriz e Daniel Martín Peixe o fanzine Escápula Comics e a finais desa mesma década, en 1999, gañou o concurso internacional de cómics da revista El Víbora coa obra Los repartidores de cerveza. Las vacas chechenas, publicado no ano 2001, valeulle a nominación ao premio Autor Revelación no Salón Internacional do Cómic de Barcelona do ano 2002. Pau ten publicando historietas en revistas como a belga Spirou, El Víbora, Dibucomics, ¡Dibus! e Nosotros somos los muertos e acaparando premios como o do Oscarcómix de cómic infantil, celebrado en Italia en 2005, ou o do concurso internacional de cómic Luís Molina, en 2007.
O éxito internacional chegoulle coa saga Atlas & Axis, publicada no ano 2011, pola editorial francesa Ankama Éditions. A obra, traducida xa a dez idiomas e publicada en máis de catorce países, foi seleccionada no ano 2012 para os premios esenciais do festival de Angoulema (Francia), nomeada ao mellor álbum no Festival Internacional de Cómic de Barcelona e finalista do Premio Nacional da Historieta que concede anualmente o Ministerio de Cultura. Atlas & Axis está protagonizada por dous cans aventureiros, un de raza e outro non, recurso que lle vale ao autor para mostrar as vantaxes dunha e outra condición.
XULIA VICENTE
(Cariño, A Coruña)
A xoven debuxante galega Xulia Vicente finalizou os seus estudos de Belas Artes na Universidade Politécnica de Valencia, no ano 2015. Os seus comezos artísticos están ligados a diversos fanzines como Arrós Negre, Kuro-e, Compota de Manatí, Lis en Fleur e Sapoconcho (fanzine galego de autoedición con pequenas historias de temática variable, acompañadas de ilustracións). Algúns dos seus debuxos conseguiron premios como o Benito Losada ou o do Concurso de Cómic de Benimaclet, ambos no ano 2013.
Publicou o seu primeiro libro: Anna Dédalus: o misterio da mansión queimada, xunto con Miguel Angel Giner Bou e Núria Tamarit, unha obra protagonizada por unha moza Sherlock Holmes destinada ao público escolar. Duerme Pueblo, tamén con guión de Tamarit, e Ari, cazador de dragones, unha obra de corte fantástico orientada ao público adolescente, cuxo guión firma Manuel Gutiérrez, foron os seus seguintes libros.
O último traballo da debuxante galega é a adaptación ao cómic da historia de Elisa e Marcela, dúas mulleres que na Coruña de principios do século XX conseguiron burlar as normas e protagonizar o primeiro precedente de matrimonio entre persoas do mesmo sexo no noso país. Presentada recientemente (xuño 2020), é unha das iniciativas promovidas polo Consello dá Cultura Galega (CCG) para conmemorar o Día do Orgullo LGTBI . Trátase dunha obra de 32 páxinas na que Xulia Vicente asina tanto debuxo como guión.
AGUSTIN FERRER CASAS
(Pamplona)
Agustín Ferrer Casas é licenciado en Arquitectura e debuxante e guionista autodidacta. Labrou a súa carreira como creador de historietas profesional compaxinando os seus estudos e posteriormente o seu traballo de arquitecto técnico coa presentación a numerosos concursos de cómic. Desta forma logrou atesourar ata trinta galardóns, entre eles, o Manchacómic do ano 2016 co título Cartas desde Argel, o premio ao mellor guión no Salón do Cómic de Donostia, no ano 2018, coa obra Arde Cuba e o premio ao mellor álbum nacional nos Premios Splash Festival de Cómics de Comunitat Valenciana este ano 2020, compartido ex aequo con Laura Pérez.
MIES, cuxos orixinais colgarán nas paredes da Sala Municipal de Exposicións do Pazo de María Pita, é o seu último traballo. Trátase dunha biografía ficcionada sobre o arquitecto alemán Mies van der Rohe. A obra, que inclúe textos de Anatxu Zabalbeascoa e de Norman Foster, fai un percorrido pola vida e obra do arquitecto, coincidindo cunha tripe celebración: o 50 aniversario da súa morte, o 90 da construción do Pabellón de Alemania para a Exposición Internacional de Barcelona e o centenario da creación da mítica escola Bauhaus, que Van der Rohe dirixiu na súa última etapa. A obra foi galardoada na IX edición dos Premios do Cómic Aragonés do XVIII Salón do Cómic de Zaragoza o pasado ano 2019.
ALBERTO VÁZQUEZ
(A Coruña)
O coruñés Alberto Vázquez é un dos autores máis relevantes do actual panorama galego. É director de animación, ilustrador e debuxante e no seu haber ten nin máis nin menos que tres Premios Goya polas súas creacións Birdboy, Psiconautas e Decorado.
O seu último galardón é o Premio Castelao de Banda Deseñada 2019 na súa categoría xeral, que outorga anualmente a Deputación da Coruña. A Caza é o título da obra galardoada. Dela, o xurado do Premio destacou no formal “o seu moi sólido grafismo realizado coa técnica do sumi-e con tinta chinesa” e sobre o contido “a creación dun mundo propio e persoal a través dun debuxo expresivo que xera unha unidade narrativa con imaxes que se manteñen na retina do lector”.
MARTIN ROMERO
(Boiro, A Coruña) Martín Romero é ilustrador, autor de cómics e director de animación. Levan a súa firma Las fabulosas crónicas del ratón taciturno (2011), Episodios Lunares (2015) e La deuda (2017). Agora é tamén o primeiro autor en obter o Premio Castelao de Banda Deseñada, que outorga a Deputación da Coruña, na modalidade de público infantil e xuvenil, creado fai tres anos e que foi declarado deserto nas anteriores convocatorias. Sobre a obra premiada, Uxío, o xurado que lle outorgou o galardón destaca “un acertado uso do humor” moi adaptado o público ao que vai dirixida.
PALEXCO
- CÚPULA (KATIE O’NEIL)
- ASTRONAVE
- ASTIBERRI
- MAMUT
KIOSCO ALFONSO
- ALESSANDRO BARBUCCI
- PAU
- ENRIQUE VEGAS
- XULIA VICENTE
SALA SALVADOR DE MADARIAGA
- ALBERTO VÁZQUEZ, “A caza”
- MARTÍN ROMERO, “Uxio”
Premios Castelao de Banda Deseñada da Deputación de A Coruña no 2019
SALA PAZO DE MARÍA PITA
- AGUSTÍN FERRER CASAS
Orixinais de “MIES”
TORRE DE HÉRCULES
- CARTEIS DAS XXIII EDICIÓNS DE VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO
TORRE DE HÉRCULES
CARTEIS DAS XXIII EDICIÓNS DE VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO