A Coruña acolle esta fin de semana o V Campionato Ibérico de Mensaxería en Bicicleta
O concelleiro Alberto Lema salienta as potencialidades dunha forma de transporte capaz de xerar emprego “e que responde a un modelo de mobilidade máis sostible”
O campionato inclúe as probas Main Race e a Cargo Race, a través dun trazado de 1.600 metros que discorre pola fachada marítima e a Cidade Vella, e no que os e as bici-mensaxeiras participantes realizan unha simulación dun día de traballo, nun circuíto pechado, que deben percorrer con paradas nos puntos control establecidos no percorrido, onde desenvolverán os encargos que se lles encomenden. O día central da proba será o sábado, cando se celebra a carreira clasificatoria nas dúas categorías, a partir das 11.30 e ata as 15.00 horas. A carreira é aberta ao publico, previa inscrición.
O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, participou este xoves na presentación do V Campionato Ibérico de Mensaxería en Bicicleta CIMB 2017, que se celebrará desde mañá, venres, e ata o domingo na cidade, coa colaboración do Concello e do Consorcio de Turismo da Coruña. Como salientou o responsable municipal, a proba, que ten carácter oficial, permitirá durante esta fin semana dar a coñecer unha forma de transporte e que é ademais xeradora de emprego e de oportunidades de negocio, "e que, sobre todo, responde a un modelo de mobilidade máis sostible e non contaminante que ten moitas potencialidades e acorde cunha cidade máis amable coa súa veciñanza e coa súa contorna". No acto participou tamén a xerente de Turismo, Lanzada Calatayud, e Andrés Souto, responsable de Van en Bikke e un dos organizadores do evento, quen sinalou que nesta quinta edición participarán máis de medio cento de ciclo-mensaxeiros e ciclo-mensaxeiras de todo o Estado, ademais de figuras internacionais como Hans Bullitt Fogh, actual campión europeo na modalidade de carga, ou Brice Bedos, referente da bicimensaxería europea.