O caso Assange
A caza (o caso Assange)
Comezou en Londres o xuízo contra Julian Assange, o fundador de WikiLeaks, que podería terminar coa súa extradición aos EUA, mentres se suceden as protestas en todo o mundo diante do ataque á liberdade de expresión e outros dereitos que están en xogo neste caso.
“O único que mudou entre a Administración Obama e a Administración Trump é unha maior disposición a atacar o xornalismo. Assange está sendo procesado por xornalismo”, sostén Caitlin Johnstone, “xornalista pícara”, na súa resposta ás fraudes que elaboran os inimigos de Julian Assange, xornalista australiano encadeado no Reino Unido á espera dun xuízo que se ha celebrar nos próximos días e que pode determinar a súa extradición aos Estado Unidos onde espera a maquinara do Estado para trituralo.
“A detención do señor Assange e a ameaza de pasar unhas décadas de prisión nun penal estadounidense (en 2010, Trump quería que fose executado) débense ao sitio de noticias que fundou. WikiLeaks é a fonte das principais revelacións que enfadaron aos poderosos neste mundo durante a pasada década”, aseguraba Serge Halimi, director de Le Monde Diplomatique nunha editorial do xornal internacional en decembro de 2018. Apenas un mes despois, o mesmo Halimi publicaba un comentario ao fío dunha exclusiva falsa que se acaba de comer The Guardian: os encontros dun enviado de Trump (Paul Manafort) con Assange na Embaixada ecuatoriana en Londres. Halimi deixaba constancia hai un ano, meses antes da detención de Assange, da campaña internacional de desprestixio contra o xornalista australiano, anos atrás considerado polos mesmos medios como un heroe da comunicación do século XXI.
Que provocou a caída de Assange, sepultado hoxe (e ao parecer moi mal de saúde) baixo unha montaña de merda, mentiras e acusacións dos principais Estados terroristas [Chomsky] do mundo?
--esta reportaxe foi publicada no dixital adiante.gal o pasado venres--
Armas químicas en Douma
As últimas publicacións de WikiLeaks, de finais do 2019, son documentos dunha investigación da Organización para a prohibición de armas químicas (OPCW, polas súas siglas en inglés) sobre o bombardeo da cidade siria de Douma o 7 de abril de 2018 no que se puideron ter empregado armas químicas.
A serie de publicacións, que empezou en maio do 2019, provocou unha investigación interna dentro da propia OPCW de cuxos resultados deu conta hai un par de semanas o presidente da entidade, o diplomático español Fernando Arias, quen asumiu que se produciran “incumprimentos” do código de confidencialidade por parte dos científicos contratados pola OPCW para a investigación sobre o terreo. A respecto do acontecido en Douma, Fernando Arias reafirmouse nas conclusións do informe.
WikiLeaks sostén que os documentos sinalan incoherencias no informe que en marzo de 2019 estableceu que en Douma se producira un bombardeo con cloro. Francia, Reino Unido e os EUA xa tiñan lanzado antes desa data ataques contra o Exército sirio como represalia.
WikiLeaks, máis alá de Assange, segue a ser unha molestia para determinadas prácticas de manipulación da verdade por parte dos estados profundos dos grandes actores internacionais.
"Nos vinte anos de traballo con vítimas de guerra, violencia e persecución política nunca vin a un grupo de Estados democráticos que se aglutinaban para illar, demonizar e maltratar deliberadamente a un só individuo durante tanto tempo e con tan pouca atención pola dignidade humana e o estado de dereito ", afirmou Nils Melzer, relator especial das Nacións Unidas sobre a tortura, nun comunicado o 31 de maio de 2019 despois de visitar a Assange na prisión de Belmarsh (Reino Unido) onde pasou varias semanas incomunicado desde a súa detención, o 11 de abril.
"Desde 2010, cando WikiLeaks comezou a publicar probas de crimes de guerra e torturas cometidas por forzas estadounidenses, vimos un esforzo sostido e concertado por varios Estados para lograr a extradición aos EUA do señor Assange para o seu procesamento, suscitando unha grave preocupación pola criminalización do xornalismo de investigación nunha violación tanto da Constitución dos Estados Unidos como do dereito internacional en relación dereitos humanos ", engadiu Melzer no seu comunicado.
“Nunca vin a un grupo de Estados democráticos que se aglutinaban para illar, demonizar e maltratar deliberadamente a un só individuo durante tanto tempo” (Nils Melzer)
Cárcere
Na semana previa ao xuízo sucédense as declaracións e tomas de postura de diferentes colectivos da comunidade internacional. O luns, a prestixiosa revista científica The Lancet, publicaba unha carta asinada por 117 médicos e psicólogos de 18 países diferentes que denunciaban que desde 2015, cando comezaran as avaliacións da saúde de Assange na Embaixada ecuatoriana en Londres, “ignóranse constantemente a opinión médica especializada e as recomendacións urxentes dos médicos”. O comunicado engade: “o abuso por descoido médico motivado politicamente establece un precedente perigoso, polo que a profesión médica pode ser manipulada como unha ferramenta política, minando a imparcialidade da nosa profesión, o compromiso coa saúde para todos e a obriga de non facer dano”. E remata: “se Assange morre nunha prisión do Reino Unido, como advertiu o relator especial das Nacións Unidas sobre a Tortura, será efectivamente torturado ata a morte. Boa parte desas torturas terán lugar nun centro médico da prisión, baixo a garda dos médicos”.
Na súa visita a Assange en prisión, o 9 de maio do ano paso, Nils Melzer, o relator, estivo acompañado por dous médicos especializados en examinar vítimas de malos tratos. Melzer lanzou a súa alerta coa seguinte afirmación: “[Assange] estivo exposto deliberadamente, durante un período de varios anos, a formas progresivamente graves de trato ou penas crueis, inhumanas ou degradantes, cuxo efectos acumulativos só poden describirse como torturas psicolóxicas”.
A prisión de Belmarsh, un dos tres centros carcerarios de alta seguridade no Reino Unido, acolle a reclusos que suscitan un notábel interese mediático e tamén a algúns dos considerados máis perigosos. Probabelmente, a elección de Belmarsh sexa un elemento máis do circo que rodea o caso.
O pasado martes, Assange recibiu a visita de dous parlamentarios australianos. George Christensen e Andrew Wilkie saíron alarmados polo estado de saúde do preso. Wilkie, que fai parte do Bring Julian Assange Home, un grupo informal de deputados de distintos partidos, advertiu ademais contra os precedentes que pode asentar o caso: “se es un xornalista e ofendes a un país, enfróntaste a perspectiva de ser extraditado a ese país. Neste caso trátase do futuro do xornalismo”.
Assange xa non está illado “e a súa saúde mellora”, asegurou a semana pasada, Kristinn Hrafnsson, portavoz de WikiLeaks. Foi trasladado desde ala médica a outra parte da prisión con outros 40 reclusos despois das queixas que presentaron os seus avogados.
“Unha prisión de máxima seguridade non é divertida. E Assange non está a ser tratado ben nesa prisión. Claro que non debería estar alí; os xornalistas non deberían estar alí. Pero el non está en condicións de prepararse para a defensa da súa vida, basicamente, para a próxima audiencia de extradición. E ese é o castigo, a pena e a vinganza do sistema. Está nunha situación na que non pode preparar correctamente a súa defensa”, advertiu o pasado setembro Hrafnsson.
“O que une Assange, Lula e Moro é o serem peões do mesmo sistema de poder imperial, Assange e Lula, enquanto vítimas, Moro enquanto carrasco útil", di Boaventura de Sousa Santos.
Campaña mundial
John Pilger, xornalista e cineasta australiano, dixo ese mesmo mes: “Vino hai pouco, e non está ben. Perdeu moito peso. Pero ten a resiliencia máis extraordinaria. E incluso mantén o sentido do humor. Quero sacalo de alí. Este non é un lugar para os seres humanos. É como un almacén. É unha gaiola. E é un home inocente. Debería estar fóra de aí”. Pilger estaba entre os convidados a unha acción de protesta onte luns en Sidney.
Antes, o sábado, un acto en Londres levou unha marcha até a sede do Parlamento británico. Celebrouse un concerto con Roger Waters, Chrissie Hynde e Brian Eno, e estaba prevista a participación de Tariq Ali e Yannis Varoufakis xunto ao pai de Assange, John Shipton, que o martes pasado declaraba á BBC: “Non podo especular sobre o seu estado de ánimo, pero imaxino que estará realmente preocupado porque a súa extradición aos EUA é unha sentenza de morte”.
Xunto ás celebridades, outros intelectuais de prestixio mundial como Noam Chomsky, Slavoj Zizek, Boaventura de Sousa Santos ou Saskia Sassen veñen pronunciándose en apoio de Assange.
O sociólogo portugués, que anos atrás se mostrara esperanzado co fenómeno WikiLeaks, anotou en abril do ano pasado, pouco despois da detención de Assange: “A sorte da WikiLeaks mudou quando, em 2016, revelou as práticas ilegais que manipularam as eleições primárias no partido democrático dos EUA para que Hilary Clinton, e não Bernie Sanders, fosse o candidato presidencial, e mais ainda depois de ter mostrado que Hilary Clinton fora a principal responsável pela invasão da Líbia”. E engadíu provocador: “O que une Assange, Lula e Moro é o serem peões do mesmo sistema de poder imperial, Assange e Lula, enquanto vítimas, Moro enquanto carrasco útil e por isso descartável quando tiver cumprido a sua missão”.
Onte luns a sociedade civil australiana tamén se manifestou nunha convocatoria en Sidney lanzada entre outras, polas xornalistas Mary Kostakidis e Mark Davis, o músico Steve Kilbey, o avogado Greg Barns, os activistas Stuart Rees e James McGlone, e a psicóloga Lissa Johnson, unha das asinantes da carta en The Lancet. A carta tamén foi enviada á ministra australiana de Asuntos Exteriores, Marise Payne. Malia todo, as simpatías do Estado australiano parecen estar máis do lado dos Estados Unidos.
As convocatorias sucederanse estes días naquel país, e tamén noutras cidades do mundo. Os chalecos amarelos, o presidente de México, López Obrador, a embaixadora de Arxentina no Reino Unido, Alicia Castro, a Freedom of Press Found, Reporteiros Sen Fronteiras, Amnistía Internacional, a Federación Internacional de Xornalistas ou a ACLU (Unión Americana das Liberdades Civís), entre outras ducias de colectivos e personalidades, seguen a mostrar o seu apoio a Assange.
“Assange non é norteamericano e a plataforma de WikiLeaks é unha organización de noticias estranxeira. A idea de que o goberno dos Estados Unidos poida alcanzar e extraditar un integrante de calquera medio de comunicación no mundo é aterradora", escribiu Castro nun artigo no xornal arxentino Página12.
Xornalistas de todo o mundo tiñan asinado a finais do ano pasado unha declaración na declaración na que se subliña que a presión sobre Assange vén de hai anos: “Antes de ser trasladado á prisión de Belmarsh, Assange pasou máis dun ano en arresto domiciliario e sete na Embaixada de Ecuador en Londres, onde lle concederon asilo. En todo ese tempo sufriu graves violacións dos seus dereitos humanos, incluíndo a espionaxe das súas conversas, protexidas polo segredo profesional, por parte de organizacións ás ordes directas de axencias estadounidenses”.
Os cargos contra Assange nos EUA
Assange fora acusado formalmente en abril de 2019 por intentar axudar a Manning a ingresar no sistema informático do Exército estadounidense. Despois, en maio, o goberno dos Estados Unidos de América acusou a Julian Assange diante da corte de Alexandría, Virxina, de ese e outros 17 delitos. O escrito de acusación, que se pode consultar neste documento, divide os cargos en catro apartados: conspiración para recibir información sobre defensa nacional, obter información sobre defensa nacional, divulgar a información sobre defensa nacional e conspiración para cometer intrusión informática. A acusación foi lanzada polos fiscais John C. Demers (Fiscal xeral de Seguridade Nacional) e G. Zachary Terwilliger (Fiscal xeral do Goberno para o Distrito Este de Virxinia, e dous subdirectores do FBI.
A acusación sostén que Assange era cómplice de Manning, que conspirou xunto a ela e que a axudou a conseguir información clasificada. Despois Assange publicou a información en WikiLeaks, o que supuxo “un dano grave para a seguridade nacional dos Estados Unidos en beneficio dos nosos adversarios” e situou a persoas “non identificadas” nun “grave e inminente risco”. Alega que a partir de finais de 2009, Assange e WikiLeaks solicitaron “activamente información clasificada” e Manning respondeu ás solicitudes de Assange “empregando o acceso que lle foi concedido como analista de intelixencia” para buscar documentos clasificados e proporcionar bases de datos a Assange “que conteñen aproximadamente 90.000 informes significativos relacionados coa guerra de Afganistán, 400.000 informes significativos sobre actividades relacionadas coa guerra de Iraq, 800 folletos de avaliación dos detidos de Guantánamo e 250.000 cables do Departamento de Estado dos EUA”.
A acusación di que Manning e Assange mantiveron conversas “en tempo real sobre a transmisión de rexistros clasificados” e que as conversas reflicten que Assange animou “activamente” a Manning e aceptou romper un contrasinal “almacenado nos ordenadores do Departamento de Defensa dos Estados Unidos conectados á Rede Secreta de Protocolo de Internet (SIPRNet)”.
“Por primeira vez na historia do noso país, o goberno presentou cargos penais contra un editor pola publicación de información veraz" (Ben Wizner)
O director executivo do Comité de Protección de Xornalistas (CPJ polas súas siglas en inglés), Joel Simon, dixo pouco despois de coñecer o escrito. “A acusación ao amparo da Lei de espionaxe [Espionage Act] por publicar información clasificada é un atentado contra a Primeira Emenda e unha ameaza para todos os xornalistas de todas as partes que publican información que os gobernos quixeran manter en segredo. A liberdade de prensa dos Estados Unidos e de todo o mundo está en perigo por este procesamento".
Ben Wizner, da Unión Estadounidense polas Liberdades Civís, afirmou: “Por primeira vez na historia do noso país, o goberno presentou cargos penais contra un editor pola publicación de información veraz. Esta é unha escalada extraordinaria nos ataques do goberno Trump contra o xornalismo”.
En decembro de 2019, o CPJ negouse a excluír Assange da lista de xornalistas presos. E máis dun cento de xornalistas de todo o mundo lanzaron un manifesto instando aos gobernos, organismos internacionais e colegas xornalistas “a poñer fin á campaña emprendida contra el polo delito de revelar crimes de guerra” e a levantar a voz “en defensa de Julian Assange”.
Declaración de AI
Este venres, Amnistía Internacional, emitiu un comunicado de prensa que resume a alerta internacional sobre o caso Assange que o luns empezará a xulgarse en Londres.
“As autoridades de Estados Unidos deben retirar todos os cargos de espionaxe e outros cargos relacionados que Julian Assange enfronta como parte da solicitude de extradición a Estados Unidos e permitir a súa liberación”, comeza dicindo Amnistía Internacional. “Se non se retirarán estes cargos, as autoridades do Reino Unido deben asegurarse de Julian Assange non sexa extraditado aos EUA, onde correría un risco real de violacións graves dos dereitos humanos”.
Segundo Amnistía Internacional, tras unha análise dos cargos contra Assange, as acusacións se refiren á utilización de documentos como parte do seu traballo en WikiLeaks. “Esta actividade, en si mesma, non debe ser punible e reflicte a conduta que os periodistas de investigación levan a cabo ordinariamente no seu traballo profesional”.
No comunicado, Massimo Moratti, o director adxunto de Amnistía Internacional para Europa, advirte que Assange podería sufrir “condicións de detención nos Estados Unidos que equivalen a unha tortura”. Segundo os medios estadounidenses, en caso de seren extraditado, Assange debería enfrontar unha petición de cadea de 175 anos. Moratti sinala que “o risco é moi real” dada “a campaña pública dirixida contra el realizada por funcionarios estadounidenses nos niveis máis altos".
Cronoloxía do caso Assange
WikiLeaks fundouse no ano 2006 como unha web que publica documentos e imaxes, xeralmente filtradas por fontes non identificadas publicamente, co fin de desenvolver escándalos e casos de corrupción. “É un servizo público internacional”, dixo Assange á BBC anos despois. “Utilizamos técnicas criptográficas avanzadas e técnicas legais para protexer as fontes”.
En xaneiro de 2007 o sitio empeza a divulgar informacións. A organización explica que as súas fontes de financiamento son asociacións internacionais de xornalistas e de defensa dos dereitos humanos, así como algún grupo empresarial xornalístico.
WikiLeaks sitúase en primeiro plano en abril de 2010, cando publica o vídeo dun ataque de dous helicópteros de EUA contra un grupo de iraquís que se producira tres anos antes, en xullo de 2007, e que causou 12 mortes, entre elas, a de dous colaboradores da axencia de noticias Reuters.
En maio de 2010 foi detido en Bagdad o soldado Bradley Manning (desde 2013, Chelsea Manning) como resultado dunha investigación do Exército estadounidense. Manning levaba apenas uns meses destinado en Iraq como analista do servizo de intelixencia.
En agosto de 2010 a Fiscalía sueca abre unha investigación contra Assange por presuntos delitos sexuais. En novembro, un tribunal aproba a petición de deter a Assange.
Entre xullo e outubro, WikiLeaks publica partes de guerra do Exército estadounidense en Afganistán e Iraq. En total, máis de 400.000 documentos. A difusión refórzase con publicacións en Le Monde, Der Spiegel, The Guardian e The New York Times. Os documentos sacan á luz casos de abusos, violacións, tortura e asasinatos de civís. Nunha rolda de prensa, o 23 de outubro, Assange di que WikiLeaks está recibindo presións por parte dos Estados Unidos. Na conferencia de prensa toman parte, entre outros, representantes do Center for Investigative Journalism e Public Interes Lawyers.
O 28 de novembro de 2010, WikiLeaks publica os primeiros documentos dunha filtración masiva, coñecida como o Cablegate asegurándose a cobertura de prensa a través de El País, Le Monde, Der Spiegel, The Guardian e The New York Times. Nas semanas seguintes saíron á luz máis de 250.000 documentos procedentes do Departamento de Estados dos EUA.
Nos días seguintes Amazon, PalPay, EveryDNS e outras compañías deixan de prestar servizos a WikiLeaks. Outras entidades, como Swiss Post Finances, que conxela as contas dos avogados de Assange, ou Visa e MasterCard, que deixan de procesar as achegas á web, o Bank of America ou Appel, que se negan a prestar outros servizos, colaboran no intento de bloquear WikiLeaks.
O 7 de decembro de 2010, Assange é detido en Londres por Scotland Yard en resposta a unha demanda de extradición ditada desde Suecia. Os cargos que se lle imputan naquel país é ter mantido relacións sexuais sen utilizar preservativos. Assange evita a prisión pagando unha fianza de 285.000 euros.
En xaneiro de 2011 é detido Rudolf Helmer, empregado de Swiss Bank, acusado de ter entregado a WikiLeaks os datos de 2.000 contas desde as que se desviaran fondos a paraísos fiscais.
En febreiro un xuíz británico aproba a extradición de Assange a Suecia. En novembro, Assange perde o recurso diante do Tribunal Superior de Londres e vese na obriga de recorrer ao Tribunal Supremo.
O 2 de marzo de 2011, Manning foi acusada de 22 cargos e sinalado como o autor da filtración do vídeo do ataque dos helicópteros. En 2013, foi condenada a 35 anos de prisión. Obama promoveu un indulto antes de abandonar a presidencia dos EUA, mais o relator das Nacións Unidas, Juan Méndez, xa denunciara en 2012 o tratamento “cruel, inhumano e degradante, equiparábel á tortura” que viña sufrindo a presa.
O 27 de outubro Assange anuncia o cese da actividade de WikiLeaks por falta de fondos e como consecuencia do bloque iniciado un ano antes. Con posterioridade, a organización retomará as publicacións.
O 27 de febreiro de 2012 WikiLeaks comeza a publicar correos electrónicos da empresa de espionaxe Stratfor. A organización amplía o acceso a outros medios de comunicación en todo o mundo, entre eles, Público en España e Página12 na Arxentina.
Na Embaixada de Ecuador
O 19 de xuño de 2012 Assange refúxiase na Embaixada de Ecuador en Londres para evitar a extradición. O 16 de agosto, o goberno de Rafael Correa concédelle o asilo diplomático.
En xuño de 2013, o Reino Unido e Ecuador crean unha comisión para avaliar a situación de Assange. A principios de xullo, Ecuador revela que se atopou un micrófono agochado na Embaixada. En novembro do ano seguinte, 2014, Ecuador ratifica o asilo diplomático.
O 5 de febreiro de 2016 a ONU emite unha recomendación aos gobernos de Suecia e Reino Unido para que “finalicen a detención arbitraria”. Ese mesmo mes, o fiscal Wilson Toainga interroga a Assange cun listado de preguntas formuladas pola Xustiza sueca. En novembro, a fiscal sueca Ingrid Isgrem participa nun novo interrogatorio na embaixada.
En xaneiro de 2017 Obama conmuta a pena a Manning, e o 17 de maio é liberada. Ese mesmo día Fiscalía sueca fecha a investigación contra Assange. Mais, Scotland Yard advirte nun comunicado que Assange será detido se sae da Embaixada de Ecuador en Londres para cumprir a orde de arresto que emitiu no seu día a xustiza británica respondendo ao pedido de extradición por parte de Suecia.
O 24 de maio dese ano Lenín Moreno substitúe a Rafael Correa na Presidencia de Ecuador. En xullo, Correa trasládase a vivir a Bélxica. Un ano despois, a xuíza ecuatoriana Daniella Camacho emite unha orde de detención contra Correa que Interpol rexeitou.
O 6 de febreiro de 2018 un tribunal de Londres sinala que a orde de arresto contra Assange pola investigación en Suecia segue vixente. O 28 de marzo, a Embaixada de Ecuador suspende a conexión de Internet de Assange. Ecuador di que Assange ten instalado un “centro de espionaxe” na embaixada.
O 16 de novembro, The Washington Post revela que fiscais de Estados Unidos imputarán delitos ao fundador de WikiLeaks. Os avogados de Assange lembran que a demanda de extradición contra el aos EUA provén do proceso a Manning. Os Estados Unidos acusan a Assange de ter axudado a Manning a descifrar a contrasinal de acceso á rede gobernamental para comunicacións clasificadas.
En xaneiro de 2019 a defensa de Assange activa novas frontes. Pide ao goberno do Reino Unido a liberdade de Assange e solicita diante da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos que emita unha orde a EUA para que desvele os cargos que presentou en segredo contra Assange.
En marzo, un gran xurado do Estado de Virxinia (EUA) acusa a Chelsea Manning de desacato por negarse a declarar nunha investigación contra Assange e ordena o seu ingreso en prisión, onde permanece 62 días. Despois de saír, a principios de maio, recibe unha nova situación mais mantén a súa negativa e volve ingresar no cárcere.
Detención
O 5 de abril, WikiLeaks avanza que Assange será detido en cuestión “de horas ou días”. O 11 de abril a Policía Metropolitana de Londres detén a Assange na Embaixada de Ecuador. A Policía Metropolitana informa de que o arresto obedece a “unha orde de extradición en nome das autoridades de Estados Unidos”.
“Isto pon en risco a vida de Assange e humilla a Ecuador”, lamentou Rafael Correa, antes de cualificar a Lenín Moreno como “o maior traidor da historia de Ecuador e de América Latina”. Meses antes, WikiLeaks tiña publicado documentos sobre negocios da familia de Morales nos Estados Unidos.
A finais de mes, a Fiscalía sueca presenta unha nova orde de detención. Reábrese o caso. En xuño, un tribunal de Upsala determina que non é proporcional ordenar o arresto cando pode ser interrogado tras o cambio “na súa situación persoal”.
O 9 de maio, o relator especial Melzer visitou Assange xunto con dous expertos médicos. O equipo falou co preso e realizou unha avaliación médica completa.
O 23 de maio, o gran xurado de Virxinia fai públicas as novas acusacións contra Assange. Investiga, entre outras cuestións, a súa presunta complicidade “en actos ilegais” de piratería informática para obter bases de datos de información clasificada.
O 21 de outubro Julian Assange comparece diante do tribunal de Primeira Instancia de Westminster. O ex diplomático Craig Murray revelou algúns detalles da sesión. Segundo Murray, a xuíza rexeitou todas as alegacións da defensa que pedía máis tempo para preparar o caso debido as limitacións que sufriran para falar con Assange. Nesa sesión quedou establecida a data do 24 de febreiro de 2020, luns, para celebrar a vista sobre a demanda de extradición.
“Quedei impresionado polo peso que perdeu o meu amigo, pola rapidez coa que lle caeu o cabelo e polo aparente avellentamento prematuro”, deixou escrito Murray.