Xuízo contra o presunto maltratador e violador das súas fillas
Concentración Audiencia Provincial A Coruña
Os días 6, 7 e 8 de setembro ás 8:45 Stop Desafiuzamentos Compostela acompaña a Patricia e as súas fillas no xuízo contra o “presunto” maltratador e violador das fillas menores.
Fonte: Stop Desafiuzamentos Compostela
Os días 6, 7 e 8 de setembro celebrarase na Coruña o xuízo contra o “presunto” violador das súas tres fillastras e a súa filla cando estas eran menores de idade.
Pedro Rañó Espasandín, natural da parroquia de Alón (Santa Comba) e residente na Baña, está acusado de violación continuada sobre a súa filla e as súas tres fillastras durante nove anos, así como de maltrato continuado contra a súa parella, Patricia, nai das catro menores. Atópase en prisión preventiva desde novembro de 2014.
Desde Stop Desafiuzamentos Compostela pedímoslle á sociedade que acompañe estas mulleres e nenas os días 6, 7 e 8 de setembro durante o xuízo que se celebrará na Audiencia Provincial da Coruña (r/ Capitán Juan Varela).
Patricia e as súas fillas terán que enfrontarse agora ao xuízo, terán que narrar o inferno en que viviron, e unhas persoas alí presentes xulgarán o responsable último desa situación, o acusado. Pero ninguén xulgará os que o apoian e alentan, os que miraron para outro lado e non fixeron nada. Ninguén dirá nada das institucións garantes dos nosos dereitos que non fixeron os deberes, que deixaron a Patricia e as súas fillas desprotexidas porque, no fondo, pensan que algo farían.
Patricia e as súas fillas non se enfrontan só a este xuízo, teñen sobre a súa cabeza a espada de Damocles do desafiuzamento da súa vivenda; Patricia ten sobre a súa cabeza a exclusión social que supón vivir e manter a súa familia con 426 euros; ten sobre a súa cabeza o estigma social dun pobo que non entende por que non aguantou un pouco máis... e nós pensamos que é moito peso para unha soa cabeza. Bankia iniciou o proceso de execución hipotecaria, proceso que non se paralizou porque o cotitular da hipoteca é o “presunto”, que tería que asinar a solicitude do código de boas prácticas e aceptar a demanda de Patricia de dación en pago e oferta de vivenda social. Pero, claro, o “presunto” está en prisión e non vai asinar nada. E, en palabras da responsable de Bankia, NON se pode facer nada.
Violencia dun suxeito, violencia dunha veciñanza que mira para outro lado, violencia dunhas institucións que aparentemente lles garanten ás mulleres vítimas unha vida normalizada tras a denuncia e, na realidade, empúrranas ao enrevesado mundo do papelorio, do volva vostede mañá, do fáltalle este requisito…, violencia dun banco, violencia do noso silencio.
Desde Stop Desafiuzamentos Compostela pedímoslle á sociedade civil, a esa parte que non quere ser partícipe ni cómplice desta situación, que se mobilice, que se sume, que faga oír a súa voz, que nos acompañe para que elas saiban que non están soas.