Urxen ao goberno a crear un gabinete de crise
Dúas coruñesas, entre as mulleres en folga de fame en Madrid contra a violencia de xénero
Forman parte dun grupo de cinco mulleres que levan quince días acampadas en Sol para esixir que o goberno forme un gabinete de crise fronte á violencia de xénero.
A folga de fame empezou a madrugada do día 10. Oito mulleres acamparon na porta do Sol, a praza do 15-M e antes dalgunhas das grandes protestas que cambiaron España. O que é inaudito desta volta é a natureza radical da protesta. Despois de quince días, cinco mulleres seguen alí deixándose morrer por outras, pola metade da poboación baixo ameaza. Hai dúas galegas, dúas coruñesas que pertencen a Asociación Ve-la Luz que xa levou adiante unha protesta similar en Coruña no 2013. Daquela conseguiran o compromiso dos partidos políticos para que se implantaran en Galiza medidas moi avanzadas para a protección das vítimas da violencia de xénero. Son Gloria e Martina. O mércores pola noite Gloria atende o teléfono eufórica despois da multitude que acudiu á convocatoria das mulleres en Sol. “Veu moita xente, moitas rapazas mozas, todas queren axudar. Mesmo nos ofrecen comida. Eu levo sete días soñando cunha tortilla”. O xoves pola mañá, Gloria volve a estar en pé, despois de trece noites e catorce días.
“Moi cansa, estamos todas xa coas voces rotas pola debilidade, coa saúde tocada. Algunhas andamos con infeccións pulmonares, tomando antibióticos e baixo tratamento. Houbo quen tivo que ser levada ao hospital, outras non quixeron. A chuvia e o frío dos primeiros días mallaron moito os corpos. Con iso non contabamos. Pero aquí seguimos. Pedimos prorrogar o permiso que nos deran até este venres. Temos para outros quince días. E seguiremos o que sexa preciso. Van chegando apoios, de artistas, de escritores. Tamén a policía se está portando ben. Esta semana foi un dos xefes o que esixiu que os servizos sanitarios atenderan inmediatamente a unha de nós. Vén todo tipo de xente. Pola mañá levantámonos amodo porque sufrimos mareos. Temos que facer todo a cámara lenta. Esta vez está sendo máis duro que cando fixemos a folga de fame en Coruña, porque daquela era verán e estivemos nun local e con mellores camas. Agora durmimos no chan, sobre uns palés”.
Gloria leva nove anos na loita contra a violencia de xénero e axudando a outras a reconstruír vidas. En 2009 naceu Ve-la Luz acompañando a mulleres en Sada. Desde o principio entenderon que as accións debían coordinarse no plano estatal porque as comunidades teñen pouca capacidade para influír nas normativas. Porén, en Galiza, hai tres anos e medio pensaron que conseguiran algo bo despois dun mes en folga. Pero as medidas non chegaron ao ritmo esperado. “Nestes nove anos mudaron pouco as cousas. É certo que hai maior conciencia social sobre o problema, pero a lexislación apenas mellorou. A realidade é que a vítima escapa da violencia familiar para caer na violencia institucional. Esa non é saída”.
Ve-la Luz pide que o goberno considere a violencia de xénero como un problema de Estado, e para frear a masacre “que deixa ou mantén a mulleres e menores mortas en vida até ser asasinadas”, urxe a creación dun gabinete de crise. A asociación fixo público un documento de 25 medidas entre as que recomenda incluír a figura do feminicidio para definir os asasinatos machistas nunha lei contra a violencia de xénero que tamén contemple a trata e a explotación sexual como violencias machistas. O debate xa se avanzou en Galiza, pero sen resultados normativos e mesmo o salario da liberdade, alerta Gloria, corre o risco de ser retallado.
No Parlamento galego, hai hoxe un mes, celebrouse un debate no que quedou constancia das seguintes cifras: desde o 2003, máis de 800 mulleres foron asasinadas no Estado español, 50 delas en Galiza, e cada ano cinco mil mulleres denuncian nos xulgados galegos pero estímase que as denuncias non chegan ao 20% dos casos reais de violencia de xénero. A maioría das vítimas fican caladas.
Nos últimos días houbo máis asasinatos. Tamén no país. “Máis razóns para seguir aquí”, di Gloria. “Queremos que o Estado asuma o problema de cara. Se a xente sae a rúa polo dereito a decidir, se as mulleres saímos polo dereito a voto, como non temos saído antes a tomar as rúas para defender o noso dereito a vivir?”.