POLÍTICAS | 8 de marzo

"Se algúns dereitos temos as mulleres foi grazas aos movimentos sociais"

ENTREVISTA | Avia Veira, concelleira do BNG na Coruña

"Se algúns dereitos temos as mulleres foi grazas aos movimentos sociais"
Avia Veira, portavoz BNG
Avia Veira, portavoz BNG

Atopámonos na terraza dunha cafetería da rúa Barcelona. Avia Veira, concelleira no Concello da Coruña polo BNG, filóloga, 30 anos, casada, dous fillos, amable, cordial e próxima.

-Todo o mundo está en contra da violencia de xénero pero esta non diminúe. Que está a pasar?

-Entendo que hai factores moi diversos. A violencia machista dáse no contexto dun sistema patriarcal e capitalista, que termina derivando en violencia machista en todas as súas facetas, non só na que nos preocupa a todos e a todas de maneira máis escandalosa, que son as mortes e as agresións máis evidentes que saen á luz pública, senón que tamén falamos da violencia machista da discriminación laboral, a fenda salarial, etc. Esa violencia segue presente e contra ela hai que combater, desde a violencia máis invisible ata a máis visible. Ata quenon se cambie o sistema patriarcal e non se loite contra a violencia máis invisible vai ser imposible acabar con esa máis evidente da que todos nos arrepiamos e nos posicionamos en contra.  

-Que habería que facer desde a Administración?

-Moitas cousas. Podemos falar desde a sensibilización, é importantísimo que todo o mundo se dé conta do que nos está a pasar, que nos están asasinando á metade da poboación mundial, pero é importante tamén poñer os medios medios económicos: o BNG acaba de sacar adiante no Parlamento de Galicia unha posición unánime da cámara para loitar contra a violencia de xénero, pero claro, de nada serve esa posición unánime, se o Goberno de Galicia non pon os medios económicos necesarios para loitar contra a violencia de xénero. Podemos falar que o Sr Feijóo diminuíu notablemente os recursos económicos para loitar contra a violencia de xénero. Que se pode facer? Desde o que se chamou salario da liberdade, que no seu momento que era unha renda para as mulleres que eran vítimas da violencia machista para que puidesen saír desa situación... pero tamén podemos falar do que é a vida cotiá das mulleres como é o tema da conciliación, o tema de endurecer na lexislación a discriminación laboral por xénero? Hai moitísimas medidas que se poden poñer en marcha e que non se puxeron en marcha. E outras polo Partido Popular foron completamente abandonadas. O tema é que desde a administración se actúe en todas as facetas que ten a violencia machista. 

-E desde os movementos sociais que se pode facer?

-Desde os movementos sociais ten que seguir habendo o que xa hai, a denuncia, a denuncia pública, e a sensibilización, que tamén se fai. Foron precisamente os movementos sociais quen sacarib á luz pública os chamados micromachismos, ou violencia invisible, que de “micro” non teñen nada, porque ao final é machismo puro e duro. Pero bo si que esa denuncia é a que lles corresponde aos movementos sociais. Tamén a sensibilización por suposto e a loita polos dereitos das mulleres. Evidentemente si algúns dereitos temos as mulleres e algúns dereitos conquerimos nos últimos séculos, foi grazas aos movementos sociais. 
 


 

"Se algúns dereitos temos as mulleres foi grazas aos movimentos sociais"