USC

Erguer Estudantes da Galiza denuncian a suba abusiva de prezos en comedores e cafeterías da USC e convocan folga de consumo

Erguer.Estudantes da Galiza convoca un paro de consumo para protestar contra a inminente suba de prezos nas cafeterías e comedores da Universidade de Santiago de Compostela, sinalando que é abusiva e esixindo prezos reducidos e un servizo de calidade.
Erguer Estudantes da Galiza denuncian a suba abusiva de prezos en comedores e cafeterías da USC e convocan folga de consumo
Erguer 02
Erguer 02

Santiago de Compostela, 6 de Novembro de 2023 - A organización estudantil Erguer.Estudantes da Galiza vén de convocar un paro de consumo para os vindeiros 9 e 10 de Novembro na facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, en resposta ás preocupantes subas de prezos que se avecinan nas cafeterías e comedores públicos da institución.

Os estudantes denuncian que a suba de prezos é abusiva e solicitan unha revisión na política de prezos, adaptándoa ás necesidades e á capacidade económica do estudantado universitario. Iago Fraga, responsábel de Erguer na facultade de Filoloxía, onde comezaron as demandas, sinala: "Non é asumible que teñamos que pagar 7,50€ por un menú, mentres na maioría de universidades europeas o prezo manténse entre os 3 e 5€." Esta situación afecta directamente ao benestar económico dos estudantes e pon en evidencia un desequilibrio respecto a outras universidades europeas.

Ademais, os estudantes sinalan que varias cafeterías xa incrementaron os seus prezos antes da entrada en vigor da nova táboa de prezos, o que consideran unha práctica ilegal. Erguer.Estudantes da Galiza esixe que a universidade tome medidas para evitar este tipo de abusos.

A organización Erguer tamén reclama un servizo de cafeterías e comedores adaptado ás necesidades reais do estudantado, coa garantía de alimentos que pasen controis de calidade. Os estudantes tamén denuncian a externalización do servizo e esixen unha xestión pública que asegure un servizo de calidade e accesible para todos.

"Os comedores e cantinas universitarias deben ofrecer un servizo público e de calidade, non operar baixo unha lóxica de mercado que encarece os prezos", sentenza Iago Fraga, subliñando a importancia de manter a accesibilidade dos servizos para todos os estudantes.

Erguer.Estudantes da Galiza vén denunciando esta situación dende a semana pasada a través das súas redes sociais e organizou unha asemblea aberta no Campus Norte para debater a problemática e tomar acción. Ademais, presentou un escrito ante a universidade esixindo prezos reducidos e un servizo público e de calidade. Tamén denunciaron que a suba de prezos en Filoloxía constitúe unha infracción moi grave da normativa existente.

Ante esta convocatoria de paro de consumo, a comunidade estudantil agarda que a universidade atenda as súas demandas e traballe para garantir prezos accesibles e un servizo de calidade nos comedores e cafeterías universitarias. A resposta da USC a esta situación será crucial para o benestar económico dos estudantes e o acceso a unha alimentación adecuada no campus.

Erguer Estudantes da Galiza denuncian a suba abusiva de prezos en comedores e cafeterías da USC e convocan folga de consumo