CGT | nota de prensa
Falso psicólogo prazas Navantia
A nosa denuncia atopouse co escepticismo de CCOO e MAS, proclives a aceptar os argumentos da empresa, como demostran os seus comunicados da semana pasada. MAS incluso chega a acusarnos de non esperar a que o Colexio Oficial de Psicoloxía galego contestase á consulta sobre este asunto feita polo comité, cando sabían perfectamente que a nosa denuncia se baseaba nun certificado do secretario do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Psicólogos de España, certificado que eles coñecían porque a CGT lle entregou copia a MAS, a CCOO, ós restantes sindicatos e ó propio comité de empresa.
Hoxe chegou ó comité a resposta do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia: “Atoparse incorporado/a ao colexio profesional é un requisito indispensable para o exercicio da psicoloxía, segundo se establece pola Lei 43/1979, do 31 de decembro, sobre creación do Colexio Oficial de Psicólogos, xunto coa Disposición transitoria cuarta da Lei Ómnibus (Lei 25/2009, do 22 de decembro), exérzase no ámbito público ou privado e baixo calquera fórmula de contratación” (os subliñados son nosos).
Hai que esixirlle responsabilidades á dirección de Navantia por esta ilegalidade escandalosa do falso psicólogo, co que RRHH de Navantia buscaba ter un mercenario que lle servise como coartada “científica” para as exclusións arbitrarias de candidatos, a saber por que escuras razóns.
O comité de empresa de Navantia-Ferrol, e tamén o propio comité intercentros de Navantia, teñen que esixir:
a) Contratación inmediata das 4 persoas excluídas polo psicólogo nas prazas de operarios-empregados júnior 2019, e tamén da excluída por “exceso de madurez persoal e exceso de coñecemento profesional”, outra vítima das maquinacións de RRHH de Navantia.
b) Eliminación de tódalas probas non obxectivas dos procesos de selección, sexa mediante un psicólogo (aínda que estea colexiado) ou mediante unha entrevista persoal.
c) Cese dos responsables desta fraude impresentable, empezando polo xefe de RRHH, Fernando Ramírez Ruíz.
Basta xa de argalladas!
Navantia é pública, non o chiringuito de catro caciques!!
POR UNS PROCESOS DE SELECCIÓN OBXECTIVOS E XUSTOS!!!