Pensións públicas
Modepen súmase este 17 de xuño á convocatoria para esixirlle a Pedro Sánchez unha defensa firme das pensións públicas
- O Movemento en Defensa das Pensións convida a toda a cidadanía a acudir o vindeiro luns ao Obelisco, ás 19.30h, para reclamar unha xubilación digna, pública e igualitaria.
- Modepen tamén celebrará o 18 de xuño, ás 18.00h, unha asemblea na Casa-Museo de Casares Quiroga para decidir as súas próximas liñas de actuación.
A Coruña, 12 de xuño de 2019.- O Movemento Galego en Defensa das Pensións (Modepen), que forma parte da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións (Coespe) convoca para o vindeiro luns 17 de xuño unha concentración no Obelisco, ás 19.30 horas, co obxectivo de lembrarlle a Pedro Sánchez a necesidade de defender as pensións públicas. Deste xeito, Modepen súmase a unha convocatoria unitaria en todo o Estado que procura afastar ao Partido Socialista das tentacións dos pactos neoliberais que prexudicarán ao conxunto da cidadanía.
As reivindicacións que Modepen e Coespe lle trasladan ao novo goberno do Estado son:
- Blindar o dereito ás pensións na Constitución.
- Revalorización automática das pensións en relación ao IPC real anual.
- Igualar a pensión mínima co Salario Mínimo Interprofesional.
- Derrogación das reformas do 2011 e 2013, que empobreceron ás persoas pensionistas.
- Medidas para eliminar a fenda de xénero nas pensións.
- Derrogación das reformas laborais que espallaron o traballo lixo.
- Eliminación de calquera copago farmacéutico.
- Restablecer os 65 anos como idade de xubilación.
Por todos estes motivos, Modepen fai un chamamento a toda a cidadanía, ao estudantado, traballadores, desempregadas, mocidade e maiores para que se mobilicen polo dereito á xubilación pública, para que as novas xeracións non teñan unha vida peor.
Asembleas do Modepen
Doutra banda, o martes 18 de xuño, Modepen celebrará unha asemblea local na Coruña, para preparar as vindeiras mobilizacións e organizar o traballo antes do verán. Terá lugar na Casa-Museo Casares Quiroga, a partir das 18.00 horas, e o acceso é libre para calquera persoa interesada en colaborar coa loita por unhas pensións públicas dignas e igualitarias.
Dúas semanas despois, o sábado 29 de xuño, A Coruña acollerá a asemblea galega de Modepen, na que se reunirán agrupacións locais de todo o país para poñer en común as ideas que foron recollendo. Será no centro cívico do Castrillón, ao longo de todo o día.
Modepen é un movemento social apartidista, asembleario, aberto, transversal e inclusivo no que teñen cabida todo tipo de persoas, e cuxo único obxectivo é a defensa do sistema público de pensións.