(Re) volta al cole
Nais e pais afectados e a Anpa Monte do Muíño trasladan o seu malestar pola negativa da Xefatura Provincial da Consellaría de Educación do desdobramento da aula de 2.° de primaria do novo CEIP de Novo Mesoiro
"Mal comeza a xestión da Xefatura Provincial nunhas instalacións por estrear e cos espazos suficientes. A situación actual provocada pola pandemia require tomar todas as medidas necesarias, incluído habilitar as aulas que se precisen. Negar este desdobramento, que ten como único obxecto garantir a seguridade sanitaria e acomodo das crianzas do noso barrio é irracional e só pode correspóndese coas políticas de recortes e minguantes que desde a Xunta se levan aplicando desde hai anos a todos os servizos da súa competencia no noso barrio. Só podemos cualificalo como indecente", denuncian desde os colectivos afectados
As nais e os pais e a Anpa teñen xa presentado un escrito solicitando que se habilite esta segunda aula que garanta a saúde das nenas e nenos de Novo Mesoiro
A Coruña, 10 de setembro de 2020 | ANPA Monte de Muiño
Nais e pais afectados e a Anpa Monte do Muíño trasladan o seu malestar pola negativa da Xefatura Provincial da Consellaría de Educación do desdobramento da aula de 2.° de primaria do novo CEIP de Novo Mesoiro.
E é que, segundo estes colectivos do barrio de Novo Mesoiro, e malia a situación derivada pola pandemia mundial do COVID-19, xunto coa aplicación do protocolo do que se ten dotado a Consellaría de Educación para o novo comezo do curso escolar, estase a conformar un grupo cun alumnado total de 25 nenas e nenos, que tamén inclúe rapazada con necesidades especiais, pesa ás reiteradas solicitudes da Anpa e de nais e de pais afectados deste curso, para que se abordara a posibilidade dun desdobramento.
Neste sentido, as propias nais e pais teñen presentado onte, día nove, de xeito colectivo, un escrito, diante da Xefatura Provincial da Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional, solicitando que se habilite esta segunda aula que garanta a saúde das nenas e nenos de Novo Mesoiro. Do mesmo xeito, nos vindeiros días, esta mesma solicitude será tamén rexistrada de xeito individual polas nais e polos pais, co obxecto de facer ver o profundo malestar que existe entre as persoas afectadas.
A súa reivindicación, asemade, basease no texto recollido no Decreto do 4 de maio de 2020, de creación do Centro, no que se establecía que se dotaba ao Ceip con 18 aulas e todo o persoal docente correspondente ás mesmas, 28 persoas en total. “Porén, advirten estes colectivos, a día de hoxe, e xa para comezar as aulas, aínda non está nomeado todo este persoal docente necesario, polo que o comezo do curso xa sería, canto menos, irregular”.
“A conformación do grupo para o curso formalizouse cun total de 25 nenas e nenos, ratio xa de por si impropio para unha aula deste nivel educativo en condicións normais, sendo rexeitadas matriculacións de novas nenas e nenos, nun claro exemplo de imposibilitar unha segunda liña. Ademais, tendo en conta de que se trata dun colexio de nova creación, cremos moi necesario comezar a facer as cousas ben desde o principio, sendo este un obxectivo prioritario dos responsábeis territoriais da Consellaría de Educación. Mal comeza a xestión da Xefatura Provincial de Educación no Ceip Novo Mesoiro, cunhas instalacións por estrear e cos espazos suficientes. A situación actual, provocada pola pandemia, require tomar todas as medidas necesarias e habilitar as aulas que se precisen. Negar este desdobramento, que ten como único obxecto garantir a seguridade sanitaria e acomodo as crianzas do noso barrio é irracional e só pode correspóndese coas políticas de recortes e minguantes que desde a
Xunta se levan aplicando desde hai anos a todos os servizos da súa competencia no noso barrio. Só podemos cualificalo como indecente”, recalcan desde estes colectivos.
Deste xeito, as persoas representantes destes colectivos indican que trasladarán a todas as formacións políticas e sindicais a actual situación, que afecta a toda a comunidade educativa do Ceip de Novo Mesoiro, incluídos pais e nais, rapazada e persoal docente, que terá que asumir unha aula, nas condicións actuais, e sen as garantías mínimas sanitarias.
Por último, desde os colectivos fan un chamado ás persoas responsábeis da Xefatura Provincial, e sobre todo ao novo Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para reconsiderar a súa postura e que, de xeito urxente e inmediato, dado o inminente o comezo do curso escolar, procedan a dotar do servizo e do persoal necesario para que esta aula poida ser desdobrada.