A Concellería de Igualdade destinará 70.000 euros
Programas e obradoiros centrados "no coñemento e respecto das diversidades no ámbito educativo"
"Ademais de levar a cabo distintas accións nos centros educativos dentro do programa ‘Coruña Educa’, decidimos abrir espazos e ofrecer estas demandadas accións en novas ubicacións como o CMIX, centros cívicos ou o propio COF", comenta Rocío Fraga
Fonte: Concello da Coruña | 16/08/2016
A Concellería de Igualdade e Diversidade, dirixida por Rocío Fraga, porá en marcha un programa de obradoiros, charlas e talleres, que non terán carácter puntual, senón estable, e que se centrarán no respecto ás diversidades no ámbito educativo. Deste xeito, os obradoiros do programa municipal Coruña Educa estabilizaranse no tempo e dotaranse de novos contidos e, ademais, poranse en marcha outras accións dirixidas igualmente á poboación escolar pero ás que os alumnos e alumnas poderán dirixirse de xeito individual e non só por medio do centro no estudan, como ocorría até o de agora. "Cremos que é importante que todos os membros da comunidade escolar, tanto nais e pais, como estudantado, teñan acceso á información, tanto de xeito colectivo como individual", indica a responsable municipal, que destaca que a súa área de Goberno investirá neste programa un total de 70.000 euros. "Abrimos espazos, que cremos que é algo polo que sempre aposta esta Concellería. A información afectivo sexual e o coñecemento e respecto das diversidades así como o seu tratamento é algo que ten que ser completamente accesible, e así o estamos a facer", dixo.
Así, os obradoiros do programa Coruña Educa contemplarán, ademais das actividades que se veñen realizando no último ano dirixidas ao fomento da Igualdade e á prevención das violencias machistas, novos talleres para novos tramos de idade. No ámbito da igualdade e da diversidade contarase cun novo taller para menores de 1º e 2º curso de Primaria, e no ámbito da educación afectivo-sexual incorpórase un novo obradoiro para alumnado de Infantil, que será impartido por medio de contos. Igualmente, tamén se dará unha nova orientación aos obradoiros de interculturalidade de cara á sensibilización sobre as diversidades existentes.
Ademais do programa Coruña Educa, o investimento da Concellería de Igualdade servirá para poñer en marcha novas accións, tamén centradas no ámbito educativo, pero coa novidade de levarse a cabo en novos espazos. Así, prevese poñer en marcha unha Escola de Nais e Pais con charlas de diversas temáticas en función da idade dos menores a cargo de dúas horas de duración cada 15 días. Tamén se levará a cabo talleres sobre Novas Masculinidades e Paternidades Corresponsables dirixidas á poboación masculina en xeral de 16 anos en adiante.
Dentro das actividades programas destaca tamén as Tardes Afectivas, que versarán sobre temática afectivo-sexual, estarán dirixidas a mozos e mozas de máis de 14 anos e se desenvolverán no Centro de Orientación Familiar (COF) de Orillamar e no Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX). "Trátase para nós dunha actividade moi importante, sobre todo despois de que a Xunta de Galicia desmantelase o programa Tardes Xoves que se levaba a cabo no COF e que contaba con servizo de xinecoloxía. Nós, polo ámbito competencial, non podemos ofrecer este servizo médico, pero si dar unha información que cremos que é necesaria e reclamada, de forma que axudemos aos e ás menores a perder o medo a preguntar e a achegarse, de novo, a espazos coma este, fundamentais non só no terreo afectivo-sexual senón na prevención de enfermidades", fixo fincapé. Por último, tamén se contempla a realización de charlas sobre VIH-Sida tanto en centros cívicos como no CMIX enfocadas a mozos e mozas a partir dos 14 anos, ademais de colectivos diversos e á cidadanía en xeral . "Coa posta en marcha destes talleres concretos damos cumprimento, ademais, a unha moción acordada por unanimidade no Pleno Municipal", di Fraga.
A Concellería de Igualdade ten previsto sacar a concurso público nos próximos días o contrato para a realización de todas estas actividades. "Coa fin de axilizar e manter no tempo de forma continuada estes demandados e necesarios talleres, o contrato que realizaremos é nesta ocasión, e como novidade, de carácter plurianual", comentou Fraga.