Memoria Histórica

Restaurado o Memorial ás vítimas do franquismo no Campo da Rata

Os traballos levaron unha semana e consistiron en devolver a cor aos elementos pictóricos do conxunto.

Restaurado o Memorial ás vítimas do franquismo no Campo da Rata
Traballos de restauración no Memorial no Campo da Rata
Traballos de restauración no Memorial no Campo da Rata. Imaxe: Concello da Coruña.

"Desde a súa inauguración no ano 2001, a escultura perdera xa algúns dos seus elementos característicos, debido ás condicións climáticas, que practicamente decoloraron o azul cobalto co que están pintados os textos das inscricións conmemorativas e os poemas de García Lorca e Uxío Carré. Do mesmo xeito, a cor vermella escura que debuxaba as pegadas dos impactos de bala e os fíos de sangue sobre pedra levaba anos esvaecida e tamén fotografía incrustada na pedra perdera a súa imaxe pola acción solar e polo vidro que a cubría", explicou esta mañá o Concello da Coruña nunha nota de prensa.

Os traballos de restauración do conxunto que deseñara Isaac Díaz Pardo costaron 1.648 euros e levaron una semana.

A restauración levouse adiante despois de que en novembro pasado o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego presentara unha iniciativa na que solicita do Goberno municipal da Coruña a restauración, “de xeito fiel ao proxecto presentado no seu día polo autor Isaac Díaz Pardo”.


 

Restaurado o Memorial ás vítimas do franquismo no Campo da Rata