Foro sobre pobreza, exclusión social, terceiro sector e voluntariado

Como saír desta?

A Rede Galega Contra a Pobreza (EAPN) organizou este xoves na Facultade de Económicas de Compostela un foro para indagar na mellora da inclusión a través do emprego.

Como saír desta?
Foro EANP. Mesa sobre inclusión social. Compostela 30 de novembro
Foro EANP. Mesa sobre inclusión social. Compostela 30 de novembro.

 Pode que o foro non achegara nin análises nin respostas orixinais, mais si que evidenciou (con datos) a dimensión dos problemas, agravados por outra evidencia: a distancia entre o discurso da Administración e o da a primeira liña de combate contra a pobreza.

A Rede Galega Contra a Pobreza (EAPN) organizou este xoves na Facultade de Económicas de Compostela un foro para indagar na mellora da inclusión a través do emprego. Pode que o foro non achegara nin análises nin respostas orixinais, mais si que evidenciou (con datos) a dimensión dos problemas, agravados por outra evidencia: a distancia entre o discurso da Administración e o da a primeira liña de combate contra a pobreza.

Na seguinte serie, elaborada en base ao indicador AROPE, expresase o que significa a privación material severa en Galiza: o 6,7% ten retrasos no pago de hipoteca, aluguer ou facturas de electricidade, auga ou gas; o 13% non pode permitirse manter unha vivenda cunha temperatura axeitada; o 48% non pode irse de vacacións cando menos unha vez ao ano; o 1,2% non pode permitirse unha comida de carne, polo ou peixe cada dous días cando menos; o 27% non ten capacidade para afrontar gastos imprevistos; o 2,3% no pode permitirse ter coche; o 6,7% no pode permitirse ter un ordenador. (O 1,2% son máis de 1.300 persoas).

No 2015 había en Galiza 700.000 persoas en risco de pobreza ou exclusión, mentres o índice Gini chegaba a 34,6 puntos, facendo do país unha das rexións máis desiguais de Europa cunha renda conxunta do 10% máis rico da poboación 13,5 veces superior a renda do 10% máis pobre.

Despois deste sumario repaso de datos, compréndese que a primeira das relatoras advertira a José Manuel Rey (xa ausente) que “non podemos poñer toda a nosa esperanza no modelo de recuperación económica suxerido polo concelleiro”; nin que a seguinte animara á mocidade a “ocupar” eses espazos nos que a Administración elabora as políticas de mocidade e nos que non hai (apenas) mozas ou mozos.

“Vimos do futuro e traemos malas novas”

Juan Pedro Velázquez, xornalista de Alternativas Económicas sinalou no Foro o deterioro do mercado de traballo, as relacións laborais e o devalo dos salarios. Advertiu sobre as profesións nas que mulleres e homes están sendo substituídos por robots (tarefas intermedias que esixen certo nivel de cualificación: a clase media) e as novas tendencias no mercado laboral, coma o traballo casual, de máxima flexibilidade. Velázquez resumiu a dinámica do emprego na experiencia dos turkers. Referiu Velázquez unha investigación da revista Yes Magazine sobre o emprego emerxente, na que se conta como ese grupo de traballadores aos que Amazon contrata para facer pequenas tarefas moi sinxelas a cambio de micropagos escribe unha carta á compañía solicitando unha mellora das retribucións. A resposta da compañía foi empeoralas condicións. “Vimos do futuro e traemos malas novas”, advirten os turkers. A achega do xornalista madrileño ao Foro foi alentar a constitución de empresas cooperativas de economía social e suxerir á Facultade que estaría ben incluír no currículo unha materia sobre a pobreza e a exclusión.

Desde a parte dos cooperativistas e traballadores sociais houbo máis achegas de interese. A reflexión de Celso Gándara, que a partir de xaneiro presidirá EspazoCoop (na que se agrupan 181 cooperativas galegas), foi relevante porque falou “como empresario nun foro de socios”, animou ás cooperativas a traballar o márketing e a organización “porque temos que facelo mellor ca unha empresa ordinaria” e reclamou “referentes”, “modelos coma o do grupo lácteo que teñan impacto e sirvan de tractores no ámbito galego”. Gándara considera que as cooperativas deben avanzar “coa convicción” de que a economía social é a panca de cambio do modelo económico. Por iso pediu alianzas e facer causa común para saír desta.

Non houbo contribucións notables nin na mesa de xornalistas nin no taller de integración de desempregados de longa máis alá de constatar que medios de comunicación e administradores continúan atrapados no discurso sobre a pobreza que descarga responsabilidades noutros.

cartel do Foro


 

Como saír desta?