Lei mordaza
O subdelegado xa multa os pensamentos mentres se fuma
Dous mozos tiveron que pagar unha sanción de 450 euros despois de seren denunciados por “perturbación da seguridade cidadá en actos públicos” en aplicación do artigo 36.1 de lei 4/2015, a lei mordaza. Foron identificados pola Policía Nacional mentres fumaban un cigarro minutos antes dunha contra-manifestación no Obelisco da Coruña o 28 de setembro. Manifestábanse a favor do dereito dos cataláns a independencia diante dunha concentración españolista convocada polo colectivo Foro LC.
Hai non moito tempo os curas absolvíannos de pecados que eles mesmos inventaran; hoxe en día o Estado castiga opinións como delitos de orde público. O poder non reside nas leis; reside na arbitrariedade. Sábeno desde hai unhas semanas dous mozos pontevedreses que estudan na Coruña e que o 28 de setembro combinaron para ir a unha manifestación da que tiveran noticia polo twitter.
Segundo a denuncia, asinada o 20 de decembro polo Subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán Castro, o que pasou foi o seguinte:
“El día 28 de septiembre de 2017 se celebró en el Obelisco en A Coruña una concentración comunicada por el colectivo Foro LC a la que asistieron unas 200 personas, iniciándose la concentración a las 19:45 horas y permaneciendo en el lugar hasta las 21:00 horas. A la misma hora y en el mismo lugar se celebra una concentración de unas 150 personas afines al colectivo Acción Antifascista convocada a través de las redes sociales, la cual no había sido comunicada a la autoridad gubernativa. Este último colectivo se muestra hostil con los otros concentrados, desplegando una pancarta donde se lee ‘Fascistas non, nin nas urnas nin nas rúas’, momento en que los agentes se tienen que interponer como barrera entre ambos colectivos para evitar incidentes. Asimismo, gritan insultos como ‘sois unos fascistas hijos de puta’, ‘fóra fascistas dos nosos barrios’, ‘puta España’, ‘independencia’, los cuales repiten en multitud de ocasiones con gestos ofensivos hacia ellos, extendiendo el dedo medio (peineta) en más de diez ocasiones. Los agentes actuantes identifican al denunciado como uno de los miembros de este colectivo que profirió insultos, siendo de los más activos de la concentración”.
Coas mans nos petos
O subdelegado tomou o atestado policial como base para asinar a sanción administrativa, máis se tivera reparado nas fotografías que ao día seguinte publicou o xornal La Opinión e preguntara por cales eran eses mozos de dedo fácil e expresións públicas tan virulentas como berrar ‘independencia’, comprobaría que, aló menos no rexistro gráfico público, os sancionados nin están detrás da pancarta dos manifestantes non-autorizados, máis ben fan parte do público espectador, e non parecen manter unha actitude hostil cos manifestantes si-autorizados. Teñen as mans nos petos.
Pero cando recibiron a notificación das sancións e consultaron a algún avogado, a resposta foi invariábel: a lei di que o que digan os axentes é base suficiente para adoptar a resolución que proceda, salvo proba en contrario. A única proba en contrario da que dispoñen os mozos é a súa palabra. Este é o seu relato da primeira vez que toparon coa arbitrariedade.
“Vin no twitter que se convocara unha mani de apoio a loita dos cataláns e contra unha protesta de nacionalistas españois. Nesas semanas e nas seguintes participei en varias manifestacións en apoio ao dereito dos cataláns á independencia, mesmo nalgunha diante da subdelegación do goberno”, conta Javi, 21 anos, pontevedrés, a nai ama de casa, o pai soldador. “Cando a multa chegou a casa o pai enfadouse, a nai non podía crer… nin estou organizado en ningún colectivo nin coñecía a ninguén de Acción Antifascista”. Javi estuda terceiro de Socioloxía. A tarde da manifestación quedou con Isaac para ir xuntos até o Obelisco. “Chegamos antes que case todo o mundo. Había xente con bandeiras españolas pero ninguén dos outros. Estabamos fumando un cigarro e acercouse un axente, pediunos os carnés e dixo algo así como que nos identificaba por si estabamos fumando droga. Nin tal”, explica Isaac, na trintena, tamén estudante de Socioloxía nos ratos libres que lle deixa un traballo nun restaurante, os pais separados, a nai quedou en Pontevedra, o pai está emigrado, tamén son traballadores. Nin a pensión da nai nin o salario del alcanzan os 900 euros de multa que lle caeron enriba á familia.
Leis contra os pobres
“Eu prefería que me meteran preso dous días ou en arresto domiciliario a isto. Vanche ao peto, e se queres recorrer, precisas máis cartos. Son leis contra os pobres. Está claro”, conclúe Isaac, que tampouco mantiña relación algunha cos que convocaron a manifestación. “Agora si que os coñecemos, parece que houbo máis multas, pero xunto eles só fomos nós, que eu saiba”, di Javi, “trataron de asesorarnos, mesmo dixeron que farían un fondo, non sei… nos pagamos xa”.
Pagaron a metade da sanción: 450 euros. Pagar e non recorrer. Cuestión de cartos. “Estabamos alí, na mani, claro. Pero nin fomos dos máis activos na protesta. Seguro que berramos algo, claro. Pero os que máis berraban e mesmo se arrepuñan eran os das bandeiras españolas, xente maior. Non pasou nada, absolutamente nada máis aló duns cantos berros”, explica Javi. “Nas fotos do xornal vésenos ben, mesmo hai un panel de publicidade entre nós e os da pancarta”.
“Eu creo nesas cousas, si”, di Isaac, “son dos que pensa que os cataláns teñen dereito a seren independentes. Pero somos conscientes, e agora inda máis, por suposto, de que manifestar determinadas ideas estaba perseguido”. “Eu síntome impotente. Pero o efecto que conseguiron con isto é reafirmarnos nas nosas conviccións”, apunta Javi. “A verdade é que non sabiamos que a contra-manifestación non fora autorizada”, din.
As liberdades, en perigo en todas partes
Fontes do colectivo antifascista avalan a versión dos mozos, mais tamén a súa decisión de pagar. “Nin nos coñeciamos nin vimos que identificaran a ninguén entre nós, pero é unha práctica habitual, van polos rapaciños, por xente que ven que non se vai poder defender… Pero si, aconsellámoslles que pagaran no prazo para pagar só a metade, porque co recurso non ían conseguir nada tal e como está a lei”.
En xuño pasado, unha plataforma de xuíces, avogados e activistas sociais emitiron un comunicado en Madrid con motivo do segundo aniversario da entrada en vigor da lei mordaza. “Fomos testemuñas dun incremento da discrecionalidade policial”, afirmaban. A policía, engadían, “ten a potestade de interpretar que feitos son obxecto de sanción ou non dentro do libre exercicio de dereitos fundamentais como a liberdade de expresión ou reunión”.
En decembro, un informe estatal da Plataforma en Defensa de la Libertad de Opinión (http://libertadinformacion.cc/) sinalaba que as condenas por enaltecemento do terrorismo en redes sociais chegaran as 30 e que nun só mes, en marzo de 2017, a Audiencia Nacional celebrara sete xuízos por esta causa nunha mesma semana. Ademais, o informe ofrecía as cifras globais de dous anos de aplicación da lei mordaza: máis de 285.000 sancións cun custe de máis de 131 millóns de euros.
Estes días celébranse accións de apoio en todo o país á banda de rapeiros La Insurgencia, os doce mozos vigueses condenados en novembro pola Audiencia Nacional a 2 anos e un día de cadea e unha multa de 48.000 euros. Editaron un panfleto titulado: “A la cárcel por cantar”. Polos disturbios en Compostela tras unha protestas desaloxo do Centro Social Escarnio e Maldizer impuxéronse máis de 120 multas de 800 euros que empezaron a caer a finais do 2017.