COMUNICADO DA PLATAFORMA CONVOCANTE DA MANIFESTACIÓN EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA

Toda Galicia pola Sanidade Pública

Manifestación pola Sanidade Pública o sábado 18 de novembro ás 17:00h na Estación de tren de Compostela

Toda Galicia pola Sanidade Pública

Despois de ver pasar cada día e cada ano por diante dos nosos ollos a TOTAL DESTRUCIÓN da Sanidade Pública, moitas persoas, reunidas en diferentes grupos e organizacións, vimos de xuntarnos para convocar o que queremos que sexa unha gran manifestación, que nesta ocasión partirá o próximo día 18 de novembro ás 5 da tarde dende a estación de tren de Santiago de Compostela, para rematar na Praza da Quintana.

Non podemos seguir inmóbiles ante as cada vez maiores listaxes de espera (máis de 300.000 persoas, das que a Consellería elimina o 16 %), vendo como a Xunta incumpre reiterada e sistematicamente os prazos das intervencións, MENTINDO con respecto ao número de doentes nas mesmas e eliminando a aquelas persoas que, por coherencia, rexeitan operarse en centros privados, para o que crean listaxes paralelas e a pesar de todo continúa o peche de camas, alcanzando as 1700 no verán.

Non debemos consentir que as condicións laborais sexan cada vez máis penosas, nin a diminución do persoal contratado, nin a non renovación dos cadros de persoal. Non se contratan os postos dos que se xubilan (taxa de reposición) e evidénciase un deficiente traballo das empresas privadas de mantemento. Circunstancias, todas elas, que se relacionan directamente co aumento da morbi-mortalidade e das infeccións hospitalarias.

Rexeitamos as circunstancias laborais e o abandono da atención primaria e do seu persoal, onde habitualmente, o material escasea, está obsoleto ou roto, e onde de maneira sistemática non se cubren a totalidade das baixas, o que ocasiona unha deficiente atención, así como que os doentes colapsen as urxencias, tanto de PAC como hospitalarias, pola demora nas citas para consulta. O evidente abandono da poboación rural e a eliminación de Áreas Sanitarias fundamentais, empeora a xusta atención aos pacientes e os divide en pacientes de primeira e pacientes de segunda.

A proliferación e expansión das clínicas concertadas e a desgravación dos seguros médicos privados, non fan máis que confirmar a rápida deriva a unha privatización, que xa nin ocultan.

A perda de poder adquisitivo dos profesionais sanitarios, a redución de libranzas, a alteración aleatoria e arbitraria do calendario vacacional, a paralización da carreira profesional, ou a falta de apoio e escoita activa por parte da administración, están a converter ao persoal sanitario en persoas desmotivadas.

A privatización de servizos fundamentais, como a hostalería, limpeza, lavandería, mantemento, ambulancias ou probas como densitometrías, diálise ou rehabilitación, fan que o 25 % da Sanidade Pública estea xa en mans privadas.

Con isto explícase a cantidade de cartos que se derivan a centros concertados, en detrimento dos públicos, onde en moitas ocasións quen os dirixen son os mesmos que tiveron papeis relevantes no goberno. A intención é dar cabida no negocio da sanidade á Fundación IDIS e á patronal ASPE, que agrupa a a todos os hospitais privados de España.

Estas circunstancias, con outras moitas, lévannos aos convocantes abaixo nomeados a formalizar a manifestación do próximo 18 de novembro, co lema “NON Á DESTRUCIÓN DA SANIDADE PÚBLICA GALEGA”.

Chamamos á poboación e a todas as organizacións sociais, políticas e sindicais a secundar e participar nesta mobilización e a aquelas plataformas e sindicatos que non o fixeron aínda, pedímoslles que reflexionen nas súas formulacións e se unan, porque só con unidade podemos gañar esta batalla.

Evento

Toda Galicia pola Sanidade Pública