Educación e Diversidade. STOP LGTBIFobia
Xabier Ron: “Na educación, cómpre combinar a nosa praxe docente co proceso de desenvolvemento físico, intelectual, afectivo e creativo do alumnado”
Equerda Unida organizou este luns en Coruña a charla: “Educación e Diversidade. STOP LGTBIFobia”, presentada por Carmen Armada, coordinadora de Esquerda Unida A Coruña e impartida polo docente e membro da dirección de Esquerda Unida, Xabier Ron, e a membro de AGAMME (Asociación Galega contra o Maltrato a Menores), Marisé Díaz Morado.
Este acto está enmarcado na programación que Esquerda Unida está a levar a cabo co tema central da diversidade, co motivo do Día do Orgullo LGBTI e baixo o lema: “Vivir libremente, vivir dignamente”.
“Na obra de Jurjo Torres Santomé, está subliñada a idea de ensinarnos a vivir xuntos. Isto supón aprender a recoñecernos como iguais, porque todos somos iguais… é unha aprendizaxe básica, máxime en sociedades que cada vez son máis abertas e cosmopolitas”, explicou Xabier Ron, que deixou claro que “para entender o complexo que é educar hai que ter en conta o contexto neoliberal en que se produce, onde todas as ferramentas están implementadas para perpetuar un determinado marco de actuación, para que se considere normal unha serie de parámetros”.
É por iso que “cando deixamos que sexa un manual o que guíe a acción docente, cómpre ter moi en conta a advertencia de Jurjo Torres Santomé: "Todos os libros son sexistas, homófobos, racistas, clasistas, imperialistas e colonialistas, polo que cómpre combinar a nosa praxe docente co proceso de desenvolvemento físico e intelectual, afectivo e creativo do alumnado”, apunta.
Respecto ao complexo camiño a prol da educación na diversidade, “temos unha serie de datos que arrepían: o 30% de alumnado é testemuña de agresións físicas ou verbais a alumnado LGTBI. Deste alumnado, un 43% pensou en suicidarse e un 17% tentouno”, sinala. “É por iso que temos que desmontar -a pesar de todo- a arquitectura da exclusión. A información e a formación do persoal docente son imprescindibles para evitar e/ou superar as situacións de especial vulnerabilidade que provoca a discriminación por motivos de orientación afectiva e sexual e da identidade sexual”, remata.
Na charla tamén estivo presente Marisé Díaz Morado, de AGAMME (Asociación Galega contra o Maltrato a Menores), unha asociación sen ánimo de lucro que nace co obxectivo de defender os dereitos dos menores na súa etapa de infancia e adolescencia. Se ben é certo que a situación da infancia e da adolescencia mellorou nos últimos tempos, é certo tamén que aínda queda moito camiño por percorrer en materia de diversidade, polo que é preciso tomar conciencia da necesidade de protexer á infancia e á adolescencia ante todas as formas de maltrato, así como defender os seus dereitos recoñecidos mundialmente na Declaración dos Dereitos do Neno e a Nena. "Un dos obxectivos da educación debe ser preparar ás e aos menores no respecto ás outras persoas e a eles e elas mesmos, tendo en conta que os modelos de relacións están en total mudanza", dixo.
No marco do 28 de xuño, Día Internaciónal do Orgullo LGTBI, e co lema "Vivir libremente, vivir dignamente", Esquerda Unida está a realizar unha serie de actividades co fin de debater e dar a coñecer cuestións relativas aos dereitos LGTBI, tanto os acadados como os que aínda están por acadar así como a problemática coa que este colectivo se atopa no día a día. Para elo contamos coa participación de persoas que pertencen a diferentes colectivos que velan e reclaman estes dereitos. A seguinte charla-coloquio terá lugar en Lugo o vindeiro xoves 21 de xuño baixo o título: "Menores e transexualidade".