3.000 persoas secundan en Lugo a terceira manifestación contra a depredación enerxética

Unha marea humana de arredor de 3.000 persoas encheu as rúas de Lugo na mañá deste sábado para participar na terceira manifestación "O pobo galego unido contra a depredación enerxética", convocada pola coordenadora local Un Vento Vén.
3.000 persoas secundan en Lugo a terceira manifestación contra a depredación enerxética
photo_2023-05-21_18-43-50
III Manifestación

Nesta ocasión, a convocatoria recibiu o apoio de máis dun cento de colectivos e organizacións sociais de toda Galiza, que alzaron a súa voz en contra dos proxectos eólicos masivos que afectan ao territorio galego.

Baixo un ambiente festivo e reivindicativo, a manifestación comezou na Torre da Mosquera, onde se procedeu á apertura dunha enorme pancarta de 5 metros de alto co lema "Non á invasión eólica", enmarcada entre dúas bengalas verde e azul, simbolizando os polígonos industriais eólicos proxectados tanto en terra como no mar. Durante a marcha, foron exhibidos eólicos de cartón e diversas expresións artísticas en contra da destrución medioambiental e dos impactos sociais derivados do actual plan de desenvolvemento eólico.

photo_2023-05-21_18-43-33
III Manifestación

Cantigas e consignas como "non, non, non, macroeólicos non" ou "máis veciños e menos muíños" encheron o ambiente, acompañadas de melodías compostas expresamente para a ocasión, como a canción "Sermos un Xigante". A manifestación percorreu as rúas da cidade, facendo unha parada no Concello de Lugo, onde se levou a cabo o terceiro acto da Santa Campaña, unha iniciativa simbólica que busca chamar a atención sobre os impactos dos proxectos eólicos.

Durante a protesta, as voceiras da manifestación instaron á futura corporación municipal a actuar para paralizar o polígono Picato mediante a activación do Artigo 39.5 da Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Este artigo permite ás administracións locais solicitar ás administracións públicas responsables que anulen ou revisen proxectos considerados ilegais. As organizadoras demandaron ás candidatas e candidatos municipais que revoguen a licenza urbanística concedida para a construción do polígono eólico no Monte Picato e inicien este procedemento para deter o proxecto.

Ao chegar á Subdelegación do Goberno, os polígonos eólicos mariños e os últimos seis proxectos aprobados polo Estado foron enumerados e criticados polos manifestantes. O acto final da manifestación contou con actuacións musicais de grupos como As Filofóbicas, Pepa Yáñez e o colectivo CirQuak, que simbolizou a forza da unidade do pobo cun número circense. A interpretación de "Un Vento Vén" por Leo de Matamá pechou o evento.

Logo da manifestación tivo lugar unha asamblea de colectivos de onde sairá a data e localización da vindeira manifestación.

3.000 persoas secundan en Lugo a terceira manifestación contra a depredación enerxética