Comunicado de ADEGA, FEG, G.N. Hábitat, SGO, SGHN e Verdegaia

9 de marzo, Día do Naturalismo galego: Ecoloxistas denunciamos a preparación dun "crime perfecto" fronte ás costas galegas

Neste 9 de marzo de 2023 en que se celebra por primeira vez o Día do Naturalismo Galego (conmemorando o natalicio de Frei Martín Sarmiento) ADEGA, FEG, G.N. Hábitat, SGO, SGHN e Verdegaia  queren denunciar a preparación dun CRIME PERFECTO FRONTE ÁS COSTAS GALEGAS
9 de marzo, Día do Naturalismo galego: Ecoloxistas denunciamos a preparación dun "crime perfecto" fronte ás costas galegas
aves migratorias
aves migratorias

CRIME PERFECTO FRONTE ÁS COSTAS GALEGAS

A área mariña fronte ao noroeste da Península Ibérica é de extraordinaria importancia, a nivel europeo, atlántico e mesmo global, como corredor migratorio e zona de invernada para centos de milleiros de aves mariñas de ducias de especies. Ademais, é sobrevoada por enormes cifras de aves non mariñas en migración, frecuentemente nocturna, entre o oeste de Iberia, o norte de Europa, Groenlandia ou Canadá. Isto convirte ao mar fronte a Galicia nun dos embudes de paso de aves de maior responsabilidade conservacionista do denominado “East Atlantic Flyway”: a ruta migratoria das aves que dúas veces ao ano voan desde o oeste de África ao norte de Europa e áreas próximas.

Polo de agora, grazas en grande medida ao traballo desinteresado de naturalistas (que censan desde cabos os movementos destas aves; sobre todo desde Estaca de Bares, con datos desde hai medio século), a ciencia e a cidadanía en xeral veñen coñecendo as dimensións impresionantes do fenómeno dos movementos das aves mariñas nas augas máis próximas a terra, que mesmo comezan a acadar forma de recurso turístico.

Lamentablemente, sábese aínda moi pouco sobre a importancia que teñen as augas exteriores (máis de 14 millas da costa) tanto para aves mariñas como para non mariñas, pois até alí non chegan os/as naturalistas. Até  alí só pode chegar a investigación científica profesional, mediante persoal, barcos, tempo e orzamentos axeitados. Sen dúbida, nesas augas exteriores, hai tamén moitas aves polo que urxe coñecer onde, cando e como se presentan alí. Compre ter en conta que as aves no océano son nómades, pois a súa distribución depende de múltiples factores estacionais, meteorolóxicos, e outros, que afectan ademais de xeito diferente a cada especie. Por esa escaseza de información, só existe unha ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) en augas exteriores - no “Banco de Galicia”, xusto onde se investigou a presenza de aves -, mentres que próximas a terra hai 4 ZEPAs en Galicia, aínda que son insuficientes para protexer todo o Corredor Migratorio Mariño próximo á costa.

O GRAVÍSIMO ERRO DO POEM

O recentemente aprobado Plan de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) plantexa como “Zonas de alto potencial para a conservación da biodiversidade” unha sucesión de áreas próximas a terra, nunha banda de anchura desigual estendida desde Cabo de Peñas até as Rías Baixas, e unha zona illada xusto ao N de Estaca de Bares. Xa que logo, o POEM recoñece a importancia para as aves de todos os lugares nos que se fixeron investigacións. Pero, obviando de xeito inaceptable o principio de precaución, o POEM inclúe boa parte desas augas exteriores en 5 “Zonas de alto potencial para o desenvolvemento da enerxía eólica mariña”: unha delas sería a de maior tamaño de toda España e conxuntamente representan o 54% da superficie destas zonas a nivel estatal. Aínda máis, tres desas cinco zonas do POEM están xusto nun estreito corredor que quedou sen protexer entre a ZEPA que protexe o entorno de Estaca de Bares e a zona ao norte deste mesmo cabo que o propio POEM recolle como “Zona de alto potencial para a conservación da biodiversidade”.

Este erro gravísimo precisa ser revertido. En aplicación do principio de “primeiro, investigación, e despois ordenación”, o POEM debería plantexar estudos e prudencia, e non situar esas “zonas potenciais para o desenvolvemento da enerxía eólica mariña” en lugares cuxa importancia para as aves podemos certamente supoñer, á vista dos resultados das investigacións desenvolvidas tanto no Banco de Galicia (ZEPA) como nesa zona ao norte de Estaca de Bares.

impacto ambiental
impacto ambiental

O “CRIME PERFECTO”: A MORTALIDADE DE AVES EN PARQUES EÓLICOS

Está ben documentado que o risco de colisión de aves contra as turbinas eólicas é maior nos lugares con gran número de aves migradoras que, ademais, xunto coas invernantes presentan maiores taxas de mortalidade que as aves residentes.

Cando lle foi solicitada, a Xunta de Galicia nunca facilitou información sobre a mortalidade de aves (e morcegos) nos parques eólicos terrestres. Malia todo, sempre se pode dispoñer para isto de avaliacións independentes feitas por naturalistas ou asociacións ambientalistas.

Pero algo así non será posible para os parques eólicos mariños. Non haberá testemuñas incómodas para as grandes corporacións enerxéticas: coa excepción dun par de ONG internacionais, ningunha asociación dispón dos medios humanos, técnicos e económicos para facer eses estudos en alta mar. Non haberá (case) cadáveres, pois serán rapidamente dispersados polas correntes mariñas: polos estudos coas mareas negras sábese que á beiramar chega apenas un 10% das aves afectadas. Os ingredientes dun crime perfecto.

Polo devandito, as asociacións asinantes esixen que, en aplicación do principio de prudencia, calquera planificación de parques eólicos mariños no sector noroccidental de Iberia conte previamente, como mínimo, cun completo estudio previo da distribución estacional das poboacións das diferentes especies de aves mariñas que utilizan esta zona, así como das aves terrestres que o atravesan nas súas migracións. Este estudo debe ser público e independente, e estenderse durante varios anos, a fin de acadar información acerca da ampla variabilidade de presenza interanual nestas augas das diferentes especies.

Ao respecto, compre salientar que, ademais de para as especies ameazadas de extinción, as vulnerables á modificación do seu hábitat, as raras pola súa escaseza ou distribución restrinxida, a Directiva de Aves establece que serán obxecto de medidas especiais en canto ao seu hábitat “as outras especies migratorias de chegada regular, tendo en conta as necesidades de protección na zona xeográfica marítima e terrestre no relativo ás súas áreas de reprodución, muda, invernada e descanso nas súas áreas de migración”.

ALGÚNS DATOS SOBRE A PRESENZA DE AVES NO MAR DE GALICIA

Importancia internacional como corredor migratorio de aves mariñas:

Os datos dispoñibles a este respecto, tomados por naturalistas desde terra, son só a “punta do iceberg” deste fenómeno, que acada importancia internacional. Mesmo en ausencia de estudos sobre os movementos de aves en áreas peláxicas, ou de atlas de distribución da estacional das ducias de especies que aquí se presentan (que si teñen noutros países europeos), está sobradamente demostrada a importancia das augas fronte a Galicia neste sentido.

Así, só a distancia visible desde terra transita cada ano por Galicia, nalgúns casos en primavera e outono (na ida e a volta das súas migracións), máis do 50% da poboación mundial de mascato común (Morus bassanus) e furabuchos balear (Puffinus mauretanicus); o 9-10% da poboación mundial de furabuchos atlántico (Puffinus puffinus), de pardela cincenta atlántica (Calonectris borealis) e de palleira grande (Catharacta skua); e por riba do o 1-5% da poboación mundial de mourelo común (Melanitta nigra), carrán común (Sterna hirundo) e carrán cristado (Thalasseus sandvicensis)... E doutras especies.

Todo isto fai do corredor migratorio de aves mariñas fronte ás costas de Galicia un dos máis importantes de Europa e do Atlántico, á altura do estreito de Gibraltar ou o Canal da Mancha.

Migracións de aves non mariñas:

Pero resulta, ademais, que varios estudos recentes salientan a existencia dun importante fluxo migratorio nocturno de aves non mariñas (terrestres e acuáticas) sobre do golfo de Biscaia. Un exemplo: só no caso das aves terrestres que migran de noite entre o norte de Iberia (Galicia – Pais Vasco) e Francia, estimouse hai pouco que suman uns 166 millóns de individuos na primavera, e 215 millóns no outono. A estas cifras habería que engadir as das aves acuáticas. E, por suposto, tamén as que (tanto terrestres como acuáticas) voan entre o noroeste ibérico e zonas como illas Británicas, Groenlandia, Canadá, Siberia, costas africanas...

Zona moi importante de invernada de aves mariñas:

Malia que a invernada de aves mariñas en zonas exteriores do mar de Galicia nunca foi estudada, as consecuencias das sucesivas mareas negras que teñen asolado a costa galega revelan a súa indubidable importancia: baste lembrar que en 2002 o Prestige afectou segundo diversos estudos a entre 115.000 e 250.000 aves, moitas delas incluídas no “Libro Rojo de las Aves de España”.

9 de marzo, Día do Naturalismo galego: Ecoloxistas denunciamos a preparación dun "crime perfecto" fronte ás costas galegas