Ecoloxistas en Acción | nota de prensa
Achegas a Lei de montes veciñais en man común de Galicia
Ecoloxistas en Acción Rías Baixas presentou achegas á consulta pública previa da nova lei de montes veciñais en man común. Unha lei, que segundo a organización ecoloxista, está promovida polo Goberno galego do Partido Popular coa espúrea intención permitir a expropiación da xestión comunal para entregarlla a unha empresa madereira por cincuenta anos.
A organización ecoloxista insta ao goberno galego a retirar a súa proposta de lei e facer súa a Iniciativa Lexislativa Popular proposta pola Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), unha lei de montes veciñais que conta xa co consenso das comunidades de montes galegas.
A ONU e a propia Unión Europea advirten que o futuro dos montes pasa por avanzar cara a unha tenencia mais xusta destes territorios mantendo a xestión dos recursos en man dos titulares dos montes preservando os principios de autoorganización. O funcionamento das comunidades de montes coincide con estas recomendacións, xa que están xestionados pola veciñanza comuneira entendida como grupo social, non como ente administrativo. Os montes veciñais en man común, que ocupan un cuarto da superficie de Galicia, aínda que son propiedade da veciñanza comuneira, son espazos abertos e as súas funcións ecosistémicas, (sociais, ambientais e culturais) benefician a toda a sociedade.
Por iso, Ecoloxistas en Acción propón que as comunidades de montes sexan recollidas e consideradas como unha figura de protección medioambiental e cultural en si mesmas. Ademais de ser apreciadas por estes servizos ecosistémicos, os montes veciñais en man común deberían ter unha liña especial de axudas que garantira este esforzo sostible no tempo.
Ademais a organización Ecoloxista considera que calquera novo marco lexislativo debe manter ou incluso reforar o carácter xermánico da titularidade veciñal, preservarndo a súa condición de inembargabilidade, indivisibilidade, inalienabilidade e imprescritbilidade. Subliñan que o funcionamento asembleario e democrático das comunidades de montes son a primordial garantía dun monte multifuncional e ecoloxicamente sostible. Neste sentido propoñen que na futura lei se recoñeza a propiedade comunal como unha titularidade distinta, pero en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas. As comunidades de montes veciñais en man común deberán ter, nesta lei, plena capacidade xurídica para o cumplimento dos seus fins e a defensa dos séus dereitos sobre os montes veciñais e os seus aproveitamento, así como a súa administración.
Ecoloxistas en Acción sinala que se ben coinciden con que os efectos do cambio socio demográfico das últimas décadas son cada vez máis notables desde o punto de vista económico, social e ambiental e teñen un profundo impacto en Galicia. É unha realidade, din, que o baleirado de moitas parroquias do rural dificulta en extremo o funcionamento das comunidades de montes afectadas. Pero entenden desde a organización ecoloxista como un desatino procurar arranxar esta problemática entregando a xestión do monte veciñal a unha empresa forestal ou a unha administración local allea ás tomas de decisión veciñais asemblearias.
"Ista medida faría irrecuperable a comunidade de montes na parroquia xa que desposeería á veciñanza da costume e experiencia na autoxestión, máis se a expropiación da xestión alongase no tempo. No seu lugar propomos que no caso de grave abandono dun monte veciñal primeiro a administración axude provisionalmente na xerencia e se a situación non mellora, a administración se traspase temporalmente á comunidade de montes aledaña" aclara o voceiro da organización ecoloxista.
Destacan o enorme despropósito ecoloxico que provocaria unha lei que pretendera convertir todo o monte nunha plantación forestal industrial. A industria forestal intensiva non axuda a fixar poboación no rural nin moito menos a acadar un monte multifuncional e ambientalmente sostible. Recalcan que é un craso erro entender que se no monte non se da un aproveitamento madereiro intensivo, dito monte está infrautilizado.
Galicia non se pode permitir unha lei que desdeñe os servizos ecosistémicos que aporta o monte, por iso alertan que a pretensión do goberno galego de “acometer con eficacia iniciativas de activación da xestión forestal privada” pode resultar nun inasumible pasivo ambiental para as xeracións vindeiras.