medio ambiente
ADEGA denuncia novas plantacións ilegais de eucalipto na Serra do Xistral
Estas plantacións ilegais de eucaliptos incumpren a moratoria do eucalipto e afectan a hábitats de interese prioritario, algúns deles prioritarios segundo a Directiva 92/43/CEE. A maior parte delas atopáronse en zonas que foran propostas pola Xunta para a ampliación da Rede Natura 2000. E todo isto prodúcese en plena en moratoria aos cultivos deste xénero de árbores australianas en Galiza que, recordamos, son consideradas invasoras polo Comité Científico do Ministerio de Medio Ambiente español.
Os concellos de Abadín e Vilalba forman parte da Reserva de Biosfera “Terras do Miño”, estando 12 das parcelas en zona tampón. Ante isto, solicitamos que o goberno da Xunta de Galicia faga cumprir coa lexislación vixente, actuando de oficio para facer cumprir a moratoria á plantación de eucaliptos nas parcelas onde non estaban presentes antes do 21 de xullo do 2021, impoñendo sancións, obrigando á restauración das parcelas afectadas e empregando os recursos humanos e medios económicos necesarios para por freo a estes delitos, en lugar de facer a vista gorda ou mirar para outro lado.
A Serra do Xistral é un lugar de grande valor paisaxístico e ambiental, e estivo incluída nas propostas de ampliación da Rede Natura 2000 que a Xunta de Galicia, previa advertencia da Unión Europea, elaborou en 2008 e reelaborou en 2011, sen que ningunha destas dúas propostas chegase finalmente a oficializarse. É por iso que resulta inaceptable a destrución acelerada tanto por proxectos eólicos como por plantacións masivas de eucaliptos.
É necesario tomar medidas inmediatas para protexer a Serra do Xistral e asegurar a supervivencia dos hábitats prioritarios e as especies de flora e fauna asociadas. A Xunta debe actuar con firmeza para acabar coas plantacións ilegais de eucaliptos e garantir a conservación dos valores medioambientais e naturais desta zona.